sexta-feira, 27 de março de 2015

Editorial: O suceso do suceso






Nas últimas décadas, conforme se abría (na teoría) o espectro mediático así como as vías informativas se diversificaban por medio da Internet, asistimos paradoxalmente (na práctica) a unha continuada degradación do xornalismo.

A investigación e a análise deron paso ao suceso do suceso, ao bombardeo de información, ao xornalismo do chío ou do twit e a unha perda de calidade das fontes e do tratamento rigoroso das noticias. Se o suceso sempre foi destacado na imprensa por rachar coa normalidade dunha sociedade, hoxe esa suposta fractura é a que dá normalidade. Poucos foron os réximes que desterraron o suceso da crónica xornalística dos medios públicos, por certo con bos resultados se atendemos ao descenso de condutas violentas e delitivas.

A catástrofe revélase como unha poderosa ferramenta para reforzar o status quo dos poderosos, tanto polas súas aparicións estelares e teatrais, en que apesarados e apoiando as vítimas refórzanse de cara a sociedade; canto porque ese bombardeo mediático realmente non analiza nada e aínda porriba fai xuízos sumarísimos sobre persoas antes de que actúe a xustiza e sen consecuencias notábeis, aínda nos casos en que os "axustizados" sexan declarados logo polo estado de dereito inocentes.

Asistimos tal vez a unha orwelliana experimentación coas masas para ver até onde pode chegar a doutrina do choque ultraliberal, o control social e a manipulación das masas por medio da mídia convencional e da Internet? 

É o suceso do suceso do suceso. A sociedade da información paradoxalmente é tan ou máis dócil que as sociedades do pasado, ao menos no que atinxe ás oligarquías. De que serve dispor de múltipla información se non temos tempo nin ferramentas para analizar esa información? Agora que a palabra "cidadania", vacía de significado practicamente, está na boca tanto da extrema dereita (Ciudadanos) como do nacionalismo galego e español de esquerdas (Anova, Podemos ou BNG) xa é hora de irmos perguntando se realmente pode haber cidadanía crítica e formada con estes vímbios.


Sem comentários:

Enviar um comentário