Após publicarmos o manifesto e outro artigo a prol dunha CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR (poden lerse os artigos aquí e aquí) unha das dúas iniciativas cidadás activas neste momento en Chantada, Iniciativa por Chantada aposta tamén pola unidade, segundo recollen no seu Facebook. Concretamente, o comunicado di o seguinte:
POR UNHA CHANTADA CON PRESENTE PARA TODOS E TODAS E CON FUTURO PARA AS NOVAS XERACIÓNS
O pasado venres día 13, constituíuse o Grupo de Traballo Aberto que se acordara para poñer en marcha unha candidatura veciñal e de unidade cidadán para as próximas eleccións municipais.
Os acordos tomados para poñer en marcha o mandato do acordado nas dúas asembleas veciñais anteriores foron:
1.- Comezar a recoller as propostas programáticas que veciñas e veciños de Chantada queiran achegar enviándoas ao correo electrónico iniciativaporchantada@gmail.com ou a través de calquera persoa das que participan en Iniciativa por Chantada.
2.- Facer unha proposta de elixir a candidatura en primarias abertas a toda a cidadanía cuxa transparencia estará garantida por unha comisión de persoas elixida en asemblea aberta e á que se poderá incorporar calquera persoa como interventor/a.
3.- Iniciativa por Chantada fai un chamado público a todas as persoas que queiran participar e compartan os mínimos de defender a maioría social de Chantada e acepten que as decisións se tomen directamente polas veciñas e veciños que queiran participar. Iniciativa por Chantada reitera que seguirá aberta até o último momento.
4.- Todas as decisións, incluído o nome da candidatura serán tomadas en votación democrática.
Por último, as propostas que xurdan do grupo de traballo que permanece aberto a novas incorporacións, serán sometidas a unha á consideración dunha asemblea aberta a celebrar proximamente que fará a aprobación provisoria e logo serán decididas en votación directa de toda a cidadanía que queira participar.
Un saúdo.
A demanda popular da unidade é cáseque unánime nas rúas chantadinas e a división só pode beneficiar aos partidos de sempre, como demostraron tamén as eleccións andaluzas. Celebramos esta decisión de Iniciativa por Chantada e agardamos que Chantada Aberta e o BNG aposten tamén pola unidade para xerar ilusión e uns resultados onde a suma multiplique. Chantada precísao!
Sem comentários:
Enviar um comentário