quarta-feira, 8 de abril de 2015

Proposta programática para unha Chantada con futuro

 

Candidatura de Unidade Popular Chantada

 


Esta é unha achega programática aberta a achegas de quen o desexe, que se remitirá á plataforma Iniciativa por Chantada, como contribuito para a elaboración do seu programa (xa que o que o permite pola súa configuración aberta pondo a disposición da cidadanía o enderezo electrónico iniciativaporchantada@gmail.com).


A crise económica segue batendo con forza ao tempo que a crise demográfica vai supor seguir perdendo poboación no noso concello. Urxe, entón, contar cun goberno que aprobeite a estreita marxe do concello e alimente as dinámicas sociais e culturais da sociedade civil chantadina para desenvolver unha política destinada a favorecer a fixación de poboación e o dinamismo económico da nosa contorna. Un goberno ao servizo da clase traballadora, que aposte polas políticas sociais e rache coa parálise institucional que vive a nosa vila nos últimos catro anos de goberno da dereita (INTA-PP).

Un goberno que precisa de todos os cidadáns que decidan participar da vida política e, aínda serán poucas e poucos, para reforzar a sociedade civil e ter un concello cunha xestión o máis plural, transparente e participativo posíbel.


Temos que ser respetuosos co entorno onde vivimos, hai que ter en conta as distancias a ríos, regatos, camiños, etc. E temos que preservar o medio físico, os valores tradicionais, os sinais de identidade ou a memoria... porque se non os pomos nós en valor como é que os imos promocionar como un valor turístisco?

O turismo é outro ámbito esencial para potenciar a economía local, para o que se debe revisar o Plano de Dinamización Turística (PDT) e axeitalo á realidade actual do concello. Do mesmo xeito, realizarase un estudo para considerar o impacto da Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.


O concello debe potenciar o réxime de alugueiro, frear con políticas activas o “feísmo”, impulsar a peonalización de certas rúas do casco histórico, actuacións en materia de infravivenda, eliminación das barreiras arquitectónicas, impulso da vivenda protexida, etc.

A cultura é unha das expresións da nosa identidade como pobo, unha forma de presentármonos ante outras sociedades e unha expresión simbólica dos individuos e das comunidades. Ás políticas culturais teñen que estar baseadas na liberdade de creación, na diversidade, na cooperación e por suposto na cidadanía. Teñen que estar definidas e programadas desde a nosa realidade lingüística e cultural, unha política que teña como eixo os nosos signos colectivos máis visibéis e duradeiros (a lingua, as tradicións, o folclore, a música popular, a artesanía, o patrimonio arqueolóxico e etnográfico, o patrimonio histórico-artístico, o teatro,...).

153 PROPOSTAS PARA DAR UN SI Á UNIDADE POPULAR



TRABALLO DIGNO


1.- Elaboración dun Plano de Desenvolvemento Rural, en parcería coas parroquias e cos axentes sociais, que defina a situación actual e as nosas posibilidades de desenvolvemento, para alén de dotar de asesoramento técnico aos actuais ou futuros proxectos económicos.

2.- Posta en valor do monte e dos proxectos alternativos de gandeiría para crear empregos estábeis e de calidade, cunha focaxe especial nas Comunidades de Monte en Man Común.

3.- Talleres e asesoramento sobre formas de economía cooperativa e de autoemprego, colaborando desde o concello con estudos de mercado e impulso de iniciativas que aposten polo traballo digno e estábel.

4.- Fomento e asesoramento para a iniciativa económica das mulleres.

5.- Fomento dos produtos locais co impulso dun mercado de alimentos de Chantada e a potenciación das feiras do 5 e do 21 en Chantada.

6.- Fomento dos oficios tradicionais e asesoramento para a procura de valor engadido que permita a súa viabilidade.

7.- Apoio a autónomos e á pequena empresa.

8.- Cursos formativos para a promoción da calidade no sector turístico e artesán.

9.- Creación dun Consello Económico e Social, onde participen os sectores máis activos e dinámicos da sociedade chantadina para deliberar as estratexias de desenvolvemento precisas para dotar de futuro o noso concello.


SECTOR VITIVINÍCOLA


10.- Creación dun espazo de mostra dos viños a nivel profesional para a promoción dos nosos caldos a nivel profesional, tanto na hostalaría como a nivel internacional.

11.- Promoción do emprego de maquinaria conxunta entre adegas e viticulturas e viticultores.

12.- Aposta pola paulatina reforma e reforzo da Feira do Viño para a profesionalización e internacionalización das nosas adegas.

13.- Impulso dun Centro do viño local que poña en valor a cultura ribeirá e a viticultura heroica das nosas ribeiras.

TURISMO


14.- Implicación da sociedade e das empresas no deseño da estratexia turística desde a Comision Municipal de Turismo.

15.- Turismo de contidos que teña en conta os valores propios e que dan valor engadido a Chantada como destino turístico dentro da Ribeira Sacra: paisaxe, patrimonio, viticultura, adegas familiares...

16.- Impulso dun Foro Económico para a Ribeira Sacra, onde axentes institucionais e sociais, planifiquen estratexias conxuntas para a promoción turística e posibiliten a mancomunidade do mundo ribeirao tanto na provincia de Lugo como na de Ourense.

17.- Elaboración de guias de visitas para os turistas, sinalización e elaboración de paneis explicativos para os principais activos turísticos do noso concello.

18.- Creación dunha web desde o concello centrada no turismo cos contactos de todas as empresas turísticas, de hostalaría e aloxamento do concello de Chantada; visitas virtuais aos principais lugares a visitar en Chantada; documentos informativos, etc.

19.- Explotar o potencial para o sendeirismo que ofrece Chantada con roteiros centrados na gastronamía, a paisaxe e o patrimonio.

20.- Posta en valor do Camiño de inverno no seu paso de Chantada, así como facilitar a recuperación do seu trazado orixinal.

21.- Deseñar un Plano para o fomento da rehabilitación de casas e aldeas para o alugueiro vacacional que free o abandono dos lugares rurais e permita recadar fondos doutras administracións para facelo viábel.

22.- Impulso e revitalización do punto de información turística en Chantada e doutros puntos de información asinando convenios con casas de turismo rural e coa hostalaría da zona.

PATRIMONIO


23.- Fomento da investigación sobre o noso patrimonio material e inmaterial.

24.- Paneis informativos para os principais vultos do noso patrimonio, especialmente do románico ou en calquera outra igrexa ou edificación que conte con elementos artísticos de interese.

25.- Apoio ao Folión de Carros, ás embarcacións tradicionais e ao Entroido Ribeirao.

26.- Promoción de materiais didácticos para incorporar a realidade cultural e patrimonial de Chantada aos centros educativos de primaria e secundaria da nosa vila. O coñecemento do noso redunda na súa posta en valor, promoción e conservación.

27.- Recuperación da microtoponimia.

28.- Fomento e mellora da sinalización e información sobre o patrimonio prerromano do noso concello.

29.- Partida específica de apoio ás actividades culturais realizadas polas parroquias e as asociacións en relación coa posta en valor e mantemento do noso patrimonio material e inmaterial.

BENESTAR SOCIAL


30.- Elaboración dun Plano de Emerxencia Social en asociación cos traballadores sociais do concello de Chantada.

31.- Apoio á creación dun Banco de Tempo e a redes de solidariedade impulsadas pola sociedade chantadina.

31.- Apoio ao CIM (Centro de Información á Muller).

32.- Programas grupais para persoas nas mesmas condicións: coidadores e coidadoras, desempregadas e desempregados, mocidade... Axuda psicolóxica e técnica para encontrar solucións.

33.- Potenciar actividades interxeneracionais e recollida da memoria oral, coa participación activa das persoas maiores.

34.- Pular por estender o servizo de axuda no fogar.

35.- Programas específicos de atención á infancia e de igualdade.

36.- Actividades comunitarias que integren ás persoas con necesidades especiais.

37.- Asunción dos compromisos da Rede Galega de Loita contra a Pobreza para unha aposta decidida para a inclusión social e a redución da probreza.

38.- Promover o emprego dunha linguaxe inclusiva desde a administración, para alén de impulsar campañas de sensibilización contra calquera caste de discriminación.

39.- Atención ao impacto na saúde física e psíquica das persoas coidadoras.


DEMOCRACIA PARTICIPATIVA E TRANSPARENCIA


40.- Definición das necesidades concretas do persoal e das funcións de cada posto de traballo público. Auditoría das contas do concello e da débeda pública.

41.- Promover, xunto a outras entidades, por un novo modelo de administración local galega, onde os concellos conten con máis competencias, se supriman as deputacións provinciais e se priorice a mancomunización de servizos públicos e unha estrutura comarcal con competencias definidas.

42.- Desenvolvemento da personalidade xurídica das parroquias e dos barrios da vila para o fomento da participación colectiva.

43.- Impulsar con outros concellos a demanda dun novo modelo de financiamento das entidades locais, que contemple variábeis que encarecen os servizos (como o avellentamento ou a dispersión poboacional).

44.- Consello Municipal con representación dos barrios e das parroquias (através da elección democrática de pedáneas e pedáneos), das asociacións viziñais e culturais, dos movementos sociais, sindicatos, etc.

45.- Orzamentos participativos a proposta do Consello Municipal.

46.- Servizos de xestión directa.

47.- Racionalización das taxas e impostos.

48.- Celebración de Xuntas de Goberno e plenos abertos.

49.- Aproveitar as canles comunicativas existentes na vila para favorecer a tranparencia pública e a participación activa da veciñanza, con espazo para todas as opcións ideolóxicas.

50.- Regulamento de participación veciñal referendado pola cidadanía.

52.- Información continuada através da web do concello sobre os asuntos que lle afecten con debate, transparencia e trato de igualdade a todas as parroquias e persoas. Trasladaranse os proxectos de obras públicas ás veciñanza interesada e/ou afectada.

53.- Transparencia e equidade no acceso ao emprego público local.

54.- Transparencia e equidade nos concursos públicos e contratación de obras e servizos.

55.- Habilitación de espazos para uso de todas as asociacións, movementos sociais e forzas políticas do termo municipal.

56.- Dación de contas perante a cidadanía e implementación de mecanismos para consultas populares.

ASOCIACIONISMO


57.- Oficina de apoio ás asociacións do concello con impresora e asesoría para a solicitude de subvencións e asesoramento para cuestións burocráticas.

58.- Criterios obxectivos na concesión de subvencións a entidades locais atendendo a criterios de importancia cultural, económica e fomentando a colaboración entre asociacións.

MEDIO AMBIENTE


59.- Concienciacion sobre os beneficios das prácticas agrícolas ecolóxicas, sobre os riscos do abuso dos produtos fitosanitarios e sobre a procura de valor engadido dos produtos agroalimentarios.

60.- Impulso de talleres con alternativas ecolóxicas.

61.- Mellora no tratamento dos envases de produtos fitosanitarios e plásticos agrícolas.

62.- Plano de redución, reutilización e reciclaxe de refugallos.

63.- Colaboración comarcal para un modelo de xestión do lixo alternativo a SOGAMA.

64.- Brigada de limpeza de montes e silvicultura.

65.- Xornadas de limpeza dos ríos.

66.- Eliminación de vertedoiros incontrados.

67.- Fomento das enerxías renovábeis e plano de aforro e optimización enerxética.

68.- Solicitude dunha nova depuradora para a vila de Chantada.

69.- Procurar unha traída de auga alternativa para a vila de Chantada que permita aforrar custes e permitir un consumo e un abastecemento máis eficientes.

70.- Aumento da esixencia e control de perímetros de protección de plantacións arbóreas con respecto a elementos patrimoniais e estradas. Maior control das plantacións arbóreas de especies foráneas.

71.- Inventario das árbores senlleiras do municipio.

72.- Apoio á apicultura.

73.- Redución do uso de tóxicos e sobreempaquetado nos servizos municipais.

74.- Asesoramento e elaboración para un Plano de transición do concello a unha economía pospetróleo.


SOBERANIA ALIMENTARIA

75.- Banco municipal de sementes.

76.- Compromiso de compra de produtos alimentares de proximidade.

77.- Recuperación da feira ECOSUS.

78.- Impulso dun mercado de alimentos locais.



FEMINISMO E DEREITO AO PROPIO CORPO


79.- Elaboración dun novo Plano de Igualdade con participación das mulleres do concello.

80.- Xornadas feministas divulgativas con comentario de libros, filmes, documentais e palestras.

81.- Recuperación da historia das mulleres de Chantada: saberes tradicionais, vida cotiá, memorial oral...

82.- Plano de actuación pola prevención e actuación contra a violencia de xénero.

83.- Optimización do Centro de Información á Muller (CIM).

84.- Campañas de sensibilización sobre a violencia de xénero, especialmente nos centros de ensino.

85.- Concellaría de Igualdade da Muller e paridade nos órganos de goberno.

86.- Área de información sobre métodos anticonceptivos e sobre os dereitos sexuais e reprodutivos.

87.- Promoción de unidades didácticas de ensino feminista adaptadas ás etapas educativas ofertadas na nosa vila.


TERCEIRA IDADE


88.- Fomento do excursionismo

89.- Mudanzas nas concepcións das festa dos avós, facendo xornadas en que participe xente de todas idades e onde a xente sexa a protagonista, con actividades de transmisión oral e mostra de oficios tradicionais. Celebrarase cada ano nunha parroquia distinta cun servizo de autobús para poder chegar á festa.

VIVENDA


90.- Fomento do alugueiro barato de casas baleiras e fincas de labranza coa creación dun banco municipal de alugueiro de vivenda e terras.

91.- Avaliación das posibilidades para aumentar as vivendas sociais no concello.


CULTURA


92.- Dotación dun orzamento anual para libros da Biblioteca pública.

93.- Subscrición da Biblioteca pública ás publicacións periódicas en lingua galega.

94.- Campaña de animación e fomento da lectura.

95.- Impulso dun banco solidario de libros para o empréstito entre particulares, xestionado pola biblioteca municipal.

96.- Creación do Consello de Cultura, cuxas primeiras encomendas serán o estudo da viabilidade e das posibilidades para a recuperación da Feira do Libro e elaborar un estudo ou inventario que determine os inmóbeis do concello aproveitábeis para realizar as actividades culturais tamén nas parroquias.

97.- Aula de teatro ou cursos de teatro segundo a demanda.

98.- Espazos públicos habilitados e regulados para a creación artística.

99.- Impulso dun libro participativo que recolla aspectos sobre a historia, a lingua, o patrimonio e a memoria oral do país do Faro.


DEPORTE

100.- Mantemento axeitado das instalacións deportivas.

101.- Estudo de racionalización e optimización das piscinas municipais.

102.- Beneficio de uso da piscina para a xente de Chantada, cunha tarifa de bono máis reducida para a xente empadroada no concello con respecto a non empadroada.

103.- Fomento da musicoterapia e dos deportes suaves para as persoas maiores.

104.- Acondicionamento das zonas fluviais de baño.

105.- Fomento do uso da bicicleta.

106.- Creación dun Consello do Deporte, onde colabores asociacións deportivas, clubes e concello decidan e elabores propostas como as que enumeramos:
a.- Convenios para a utilización das instalacións deportivas dos centros educativos en horario extraescolar.
b.- Apoio ás Escolas Deportivas para desenvolver cualificadamente programas de animación ao deporte e á actividade física da poboación.
c.- Favorecer o transporte dos rapaces nas fins de semana para participaren en actividades deportivas.

107.- Apoio á celebración de xogos populares nas festas parroquias e recuperación de xogos tradicionais. Organizar cos monitores das escolas deportivas e dos clubes actividades deportivas e de tempo libre nas aldeas, sobre todo con ocasión das festas.

SAÚDE PÚBLICA


108.- Concienciación sobre hábitos saudábeis.

109.- Programas de concienciación sobre os abusos dos produtos tóxicos no fogar e talleres de alternativas ecolóxicas.

110.- Programas de educación sexual.

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA


111.- Plano de normalización lingüística municipal, elaborado de xeito participativo coa veciñanza e para frear a perda de falantes, a transmisión interxeneracional e a galeguización plena do concello. O galego será un elemento transversal do que dependan tamén as axudas e concesións do concello.

112.- Cursos de galego e de portugués para quen desexe aprender ou perfeccionar o uso destas linguas, con programas específicos para persoas estranxeiras.

113.- Fomento da investigación sobre as variantes locais do galego.

114.- Asesoramento lingüístico para empresas, asociacións e veciños que así o desexen. Promoción das denominacións tradicionais do rueiro vilego.

115.- Visibilización da lingua galega nas accións de difusión enfocadas ao turismo, como un valor propio nun mundo plural e plurilingüe.

116.- Posta en valor e fomento do plurilingüismo.

SOLIDARIEDADE


117.- Fomento de redes de solidariedade locais coa creación dun Consello Solidario.

118.- Sensibilización sobre as inxustizas globais e práctica do internacionalismo. Integración no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e habilitación do 0,7% do orzamento a cooperación e solidariedade.

119.- Nas adquisicións de subministros municipais priorizar os produtos de comercio xusto e producidos con fórmulas económicas non explotadoras das persoas e do medio.



MÚSICA

120.- Potenciación das bandas municipais, da escola da música e axudas para que actúen nas festas das parroquias.

121.- Fomento da aprendizaxe da música por parte de todas as nenas e nenos de Chantada.

122.- Axudas e fomento de actuacións de grupos locais e/ou con participación chantadina.

123.- Apoio e optimización da Casa da Música. Promoción da musicoloxía do concello.

BENESTAR ANIMAL


124.- Crear un protocolo de actuación ante animais abandonados e/ou perdidos.

125.- Estudar e propor desde o concello, con participación cidadá, unha solución para os animais abandonados a nivel comarcal.

126.- Prohibición dos circos con animais no termo municipal.


ESTUDOS E APOIO Á MOCIDADE

127.- Fomento de bolsas para o transporte a estudantes de mestrado e grado.

128.- Estudo para a optimización da Casa da Xuventude.


TIC


129.- Software libre e estándares abertos nos sistemas informáticos municipais.

130.- Programas de divulgación e coñecemento da informática e das redes sociais.

131.- Apoio ao Telecentro.


INFRAESTRUTURAS


132.- Demanda de axudas das administracións para o paulatino saneamento e abastecemento de augas das parroquias.

133.- Prioridade na reclamación de arranxo das estradas que vertebran o concello.

134.- Eliminación de barreiras arquitectónicas.

135.- Peonalización das rúas Calvo Sotelo e Dous de Maio.

136.- Estudo e implantación de solucións, con participación cidadá, para evitar excesos de velocidade no casco urbano.

137.- Racionalización do tránsito municipal.


AS PARROQUIAS


138.- Prioridade absoluta na extensión do saneamento.

139.- Completar as necesidades das traídas de augas e arranxo de pistas e comiños rurais segundo o permitan as arcas municipais. Solicitude de axudas económicas para tal fin a outras administracións.

140.- Dotación dos locais sociais con libros e material deportivo. Recuperación de campos de xogos e áreas de lecer nas diferentes parroquias, potenciando o seu uso.

141.- Colaboración coas parroquias na análise de augas das fontes públicas e traídas veciñais.

142.- Apoio á valorización do monte e creación de emprego por parte das comunidades de montes.


MERCADO GANDEIRO

143.- Elaboración dun regulamento para o uso e mellora do recinto feiral contando co tecido asociativo da vila.


FESTAS PATRONAIS


144.- Adecuación á entidade de Chantada dos programas e custos das festas patronais, baixo o directo control municipal e a participación cidadá.


COMUNICACIÓN


145.- Establecemento de convenios coa radio e televisión locais e as entidades culturais para o desenvolvemento de programas de promoción dos valores da nosa cultura e patrimonio e como contribución para a súa viabilidade económica.


CREACIÓN CULTURAL


146.- Fomentarase tamén as publicacións en galego, dentro das posibilidades do concello, con especial atención aos novos autores e investigadores e á creación literaria.

147.- Potenciaranse os cineclubes existentes e proxección de filmes ao ar libre, especialmente centrándose na divulgación do cinema en galego e das producións audiovisuais galegas. Apoio á Semana do Cinema.

148.- Prestarase apoio a creación e divulgación de producións audiovisuais locais.

148.- Fomento da creación artística coa habilitación de espazos axeitados ou apoio aos xa existentes para o desenvolvemento das inquedanzas pictóricas, musicais, etc.



DIVERSIDADE FUNCIONAL

149.- O Concello debe converterse nun dinamizador da práctica do deporte na terceira idade e nos adultos e ten que buscar o desenvolvemento de actividades deportivas dirixidas a persoas con diversidade funcional desde a óptica tanto da súa integración e/ou reinserción social canto da súa recuperación funcional e a rehabilitación.

150.- Campañas de sensibilización sobre as situación das persoas con diversidade funcional e visualización dos seus problemas.

DOGRADICCIÓN


151.- Campañas de sensibilización  e apoio as persoas con algunha dependencia.

152.-Creación dun Consello de Saúde Pública que achegue propostas de actuación municipal tamén sobre esta cuestión.

153.- Unidade de prevención da dependencia, atención aos fráxiles, estimulación cognitiva, podoloxía, xantar na casa e transporte adaptado.

2 comentários:

  1. ESta perfecto, no creo que nadie de ningun otro Partido rechazara ninguna de estas propuestas. Lo siguiente seria hacerlo PUBLICO para quien no utiliza Internet y de alguna manera que ese PUBLICO lo ordenara por prioridades.

    ResponderEliminar
  2. Esta proposta está aberta a modificações, o mesmo que o blogue está aberto a quem deseje participar dele.

    Em tudo caso, a proposta programática remitu-se a Iniciativa por Chantada e esperamos que seja tomada em consideração. Talvez seja a melhor oção para fazê-lo "público" e que seja sometido a debate e votação.

    Em tudo caso, não é apenas preciso ter um programa bom, mas também "saber fazer" para desenvolvê-lo e ter claro que há que rachar com essa deriva onde o programa é apenas mercadotécnica eleioral e não um contrato com a cidadania.

    Saúde!

    ResponderEliminar