quarta-feira, 1 de abril de 2015

Que actores teremos nas municipais?


A disolución da mesa electoral de Chantada Aberta conduce a unha relativa simplificación do cenario electoral, se ben falta por coñecer que postura adoptará a asemblea desta plataforma apadriñada por Podemos Chantada: se integrarse en Iniciativa por Chantada ou desligarse completamente do proceso municipal após o fracaso desta plataforma, que se creou a posteriori de Iniciativa por Chantada e coa que non concordaban en "cuestións de método".

Tamén será esa asemblea, pendente de celebrarse, a que deberá realizar a autocrítica do proceso. Autocrítica e decisións que en boa medida se perfilarán na asemblea que o círculo de Podemos Chantada vai celebrar hoxe, 1 de abril, ás 20 horas.

 

Que actores teremos nas municipais?

Hai outras formacións que é moito máis provábel que si concorran nestes comicios:

Independentes Terras do Asma (INTA). Manuel Lorenzo Varela aspira á renovar como alcalde a pesar de desenvolver unha das máis desastrosas xestións á frente do concello que se recordan. Paradoxalmente, parte cunhas perspectivas inmellorábeis e mesmo podería atinxir a maioría absoluta, que dependerán principalmente de seguir tendo un caladoiro de votos nos apoios actuais do PSOE e en frear a previsíbel subida do PP con Javier Vázquez Medela como alcaldábel.

 Iniciativa por Chantada. Nesta iniciativa cidadá intégranse os tres concelleiros (Piñeiro, Olga e Xesús Mazaira) que en 2011 atinxiron acta polo BNG. É a versión local das mareas cidadás que proliferan pola xeografía galega e ten feito chamamentos a Podemos e a BNG para confluir. De momento, conta co apoio de militantes do BNG, de Esquerda Unida, de Anova, Cerna e un contixente de independentes de diversa procedencia. No cenario actual, pode supor unha oportunidade para construir un espazo de unidade popular e un movemento que xere perspectivas de mudanzas, tamén electorais, no país do Faro.

BNG. Se nas anteriores municipais era a segunda forza, por diante do PP e con tres concelleiros, as escisións e a crise e convulsións do campo nacionalista deixaron a esta formación nun delicado cenario en que contan cun volume moi escaso de militancia. Con todo, André Sánchez Labandeira traballa na reconstrución da estrutura local e negouse a confluir con Iniciativa por Chantada até o de agora. Segundo a nosa sondaxe ficaría moi lonxe de atinxir concelleiro. Se un dos peores resultados do BNG se dera cando Ildefonso Piñeiro se estrenou como concelleiro (613 votos), no momento actual o BNG contaría coa metade deses apoios e, xa que logo, non atinxiría representante (aínda que eses restos poden darlle un concelleiro máis a INTA ou en caso de confluencia á iniciativa cidadá Chantada Aberta).

PP. Javier Rodríguez Medela leva xa tres anos como presidente do PP local, após unha operación con Susana López Abella á frente en que se apartou ao anterior candidato Reinoso. Aínda que boa parte da cidadanía e incluso da imprensa fala dun contexto moi desfavorábel para o PP achamos que o teito inferior desta formación na vila do Asma se atinxiu fai 4 anos cun candidato totalmente descoñecido e que poden manter e mesmo aumentar os tres representantes actuais. Iso si, no caso de que a abstención perxudique a este partico da dereita podería perder un concelleiro, xa que nos anteriores comicios obtiveron o terceiro representante como o 13º da corporación.

PSOE. A formación local aínda non oficializou o seu cabeza de lista, aínda que previsibelmente será Raquel, xa que actuou como cabeza visíbel da formación durante a última lexislatura. As perspectivas electorais semellan devolver ao PSOE ao lugar minoritario que tradicionalmente ocupou na vila do Asma até a chegada de Manuel Anxo Taboada, que foi alcalde por esta formación durante 4 anos en coalición co BNG.




Sem comentários:

Enviar um comentário