Opinión de Diego Taboada Varela.
Un programa, por si mesmo, non fai milagres. Tampouco os fai a fe nin
a medicina. Un programa propón solucións concretas a problemas
concretos nun espazo e nun tempo concreto. Ese espazo xeográfico e
administrativo é o concello de Chantada. E ese tempo é, aquí e
agora.
Como tal, un programa precisa, non só de consentimento e respaldo
civil, cidadán, senón tamén o compromiso activo e coordinado entre
os candidatos e a sociedade civil que outorgou a súa confianza ao
mesmo. E un programa precisa, tamén, unha execución eficaz, áxil e
resolutiva; obter os resultados esperados xa é fariña doutra
muiñada, pois require de arduos procesos de deliberación e debate
colectivo, non tanto sobre o que facer, senón
tamén, e sobre de todo, sobre o como.
Tendo isto en conta, a candidatura de unidade popular Por Chantada
parte do mesmo punto de partida histórico do que parten todos os
gobernos da historia contemporánea da comarca. É un starting
point cuxo síntoma é unha grave carencia que non solucionaron
os gobernos anteriores : a necesidade acuciante, urxentísima, de
pensarnos e representarnos a nós mesmos como municipio cohesionado,
inseridos como estamos nun proceso de globalización que abandona
selectivamente aos pequenos núcleos de poboación en detrimento da
concentración irracional de recursos humanos, económicos,
sanitarios, científicos, técnicos e administrativos nas grandes
cidades.
Precisamos, urxentemente, reflexionar e colaborar, mais non tanto nos
horizontes programáticos coma nos aspectos resolutivos, non tanto
nos que coma nos como, nas
metodoloxías de traballo, no noso modo de relacionarnos coas
asociacións de veciños e a sociedade civil. Só esta é a eiva que
se lle pode, de momento, opor, á candidatura de Por Chantada. Non
é, así pois, esta eiva, feito diferencial e particular da
candidatura, senón pouso antropolóxico e político herdado da
propia historia cultural e política da comarca.

Estas son, entre outras, as orientacións programáticas a
medio-curto prazo que Por Chantada presenta aos veciños da
comarca. O chamamento á participación, deliberación e reflexión
resolutiva sobre como coordinar con eficacia
tódolos recursos humanos, técnicos, financeiros e administrativos
para a materialización das mesmas, non é va declaración de
principios cara a galería, senón exhortación responsable á
sociedade civil da comarca, á súa capacidade para
auto-organizarse e coordinarse coma un cerebro e unhas mans
colectivas, superando a nosa histórica eiva cultural e política de
fraccionar o interese común no mero interese de
familia.
Malos tempos estes nos que hai que seguir recordando o evidente, a
saber : que calquera colectivo humano ten, nun tempo dado, o que
tanto vellas coma novas xeracións deixaron arrebatarse
pola preguiza e o conformismo.