segunda-feira, 11 de maio de 2015

POR CHANTADA: ilusión e programa frente as vellas receitas de sempre dos "expertos" do alleo




Comezan a circular as primeiras toxinas da campaña. Comezan a circular os talonarios para que os medios fagan unha criba de quen ten visibilidade e quen non na concorrencia electoral. A mensaxe non podía ser máis clara: os únicos proxectos con "experiencia" e "saber facer" son os dos grandes partidos, nomeadamente aqueles que contan con fondos para entrevistas a páxina completa dos medios onde desenvolver o seu simulacro: quince días de postureo e encarnizados ataques para logo ter 4 anos de colaboración e amizade mentres Chantada esmorece. Imos picar outra vez no mesmo oxidado anzol?

A "alternativa" ao ruín dinnos que é o malo ou o pésimo. E preguntámonos: a alternativa a parálise e a "austeridade" son os partidos da "austeridade"? A ALTERNATIVA real e concreta non é unha candidatura que busca a unidade popular porriba dos intereses partidarios con medidas e propostas concretas?

Preguntámonos se como cidadáns imos entrar máis unha vez no taboleiro que outros nos marcan para logo mallar en nós os seguintes 4 anos. Preguntámonos tamén se por "experiencia" conta ser trasmisores das políticas de "austeridade". Se 4 anos de parálise institucional son unha "grande experiencia", para alén de nutrir intereses persoais dunha minoría. Se tratar aos cidadáns como menores de idade aos que hai que ir dicíndolle porta por porta a quen deben votar é a "política da experiencia". Preguntámonos se Chantada pode permitirse 4 anos máis de política de terra queimada.

Preguntámonos, moitas e moitos, que "experiencia" e que "alternativa" pode ofrecer o PP após 4 anos apoiando en todo ao goberno de INTA. Que credibilidade cando falan dunha "nova candidatura" e de "participación"?

Que pode ofrecer INTA cun programa electoral que para eles é un simple requisito que logo se garda 4 anos nunha gabeta con sete chaves? Como manipular a evidencia dunha xestión nefasta e dunha parálise institucional?

Que nos pode achegar un PSOE que na boca pequena di que a nosa candidatura lle "rouba" votos? Os votantes son da súa propiedade ou da de calquera outro partido?

A "experiencia" dos vellos partidos é moi clara: tratar ás persoas como mercadoria electoral.

Programas incumpridos, ausencia de propostas e investimentos, orzamentos con informes desfavorábeis da intervención que até apoiou unha parte da oposición, campaña suxa, clientelismo e unha longo etc. Non demostra isto que a experiencia non está en ocupar unha cadeira no consistorio senón nas ideas e no cerebro colectivo que queremos pór en marcha para reverter unha situación de crise crónica no noso concello?

Por Chantada é a candidatura da ilusión. A candidatura que apoian moitos traballadores, mocidade e desempregados nas aldeas e na vila. A candidatura de persoas que non pertencen á vella política, con propostas serias, rigorosas e perfectamente viábeis que, ademais, queren contar con parecer de todas e todos na construción colectiva dun futuro digno para o país do Faro para avanzar preguntando e elaborar as respotas entre todas e todos. A candidatura que non roga o voto, senón que ofrece unha alternativa á vella política con ideas concisas e claras. Sen insultar a intelixencia de ninguén. 
 
Por Chantada é a candidatura que non vai contra ningún veciño nin veciña e que pon a Chantada no centro porriba dos aparatos partidarios. Reiniciar a política para reverter unha situación social e económica insostíbel, cunha crise demográfica terríbel e con máis de 30% da poboación en risco de exclusión.

Cando vos pregunten se temos experiencia que mellor resposta que as iniciativas culturais e veciñais ben sucedidas en que participamos?

Candos vos digan que a xente non nos coñece que mellor carta de presentación que o noso programa e a nosa proposta dunha política que rache coa austeridade e coa "política" de "expertos do alleo" que leva anos e anos converténdonos nun deserto verde e dispilfarrando o que é de todas e todos?

Cando insinúen que somos novas e novos nisto que mellor aval que a nosa traxectoria social, profesional ou até os nosos títulos académicos?

Cando vos asalten os botafumeiros da política do medo, que mellor antídoto que a Ilusión POR CHANTADA?

Xa conseguimos o noso primeiro obxectivo: que nada volte ser igual e que a campaña tranquila a golpe de talonario e intoxicacións bata co muro da dignidade das persoas que estamos fartos e fartas de que mexen por nós e teñamos que dicir que chove.

Sem comentários:

Enviar um comentário