terça-feira, 12 de maio de 2015

Por Chantada : o agora é o mañá

Opinión de Diego Taboada Varela.



Un programa, por si mesmo, non fai milagres. Tampouco os fai a fe nin a medicina. Un programa propón solucións concretas a problemas concretos nun espazo e nun tempo concreto. Ese espazo xeográfico e administrativo é o concello de Chantada. E ese tempo é, aquí e agora.
Como tal, un programa precisa, non só de consentimento e respaldo civil, cidadán, senón tamén o compromiso activo e coordinado entre os candidatos e a sociedade civil que outorgou a súa confianza ao mesmo. E un programa precisa, tamén, unha execución eficaz, áxil e resolutiva; obter os resultados esperados xa é fariña doutra muiñada, pois require de arduos procesos de deliberación e debate colectivo, non tanto sobre o que facer, senón tamén, e sobre de todo, sobre o como.
Tendo isto en conta, a candidatura de unidade popular Por Chantada parte do mesmo punto de partida histórico do que parten todos os gobernos da historia contemporánea da comarca. É un starting point cuxo síntoma é unha grave carencia que non solucionaron os gobernos anteriores : a necesidade acuciante, urxentísima, de pensarnos e representarnos a nós mesmos como municipio cohesionado, inseridos como estamos nun proceso de globalización que abandona selectivamente aos pequenos núcleos de poboación en detrimento da concentración irracional de recursos humanos, económicos, sanitarios, científicos, técnicos e administrativos nas grandes cidades.
Precisamos, urxentemente, reflexionar e colaborar, mais non tanto nos horizontes programáticos coma nos aspectos resolutivos, non tanto nos que coma nos como, nas metodoloxías de traballo, no noso modo de relacionarnos coas asociacións de veciños e a sociedade civil. Só esta é a eiva que se lle pode, de momento, opor, á candidatura de Por Chantada. Non é, así pois, esta eiva, feito diferencial e particular da candidatura, senón pouso antropolóxico e político herdado da propia historia cultural e política da comarca.
A esixencia de execución do proxecto aprobado pola confederación hidrográfica do Asma no 2009; a esixencia dunha auditoría de recursos do concello para dótalo de transparencia e visibilidade informativa nas súas prácticas administrativas; a dinamización e promoción de actividades na biblioteca municipal, así como a urxente renovación e ampliación do seu catálogo de recursos audiovisuais e fondos bibliográficos; a recuperación da Feira do libro; a esixencia da cesión das vivendas de alugueiro do Cantón, hoxe en desuso e abandono; a potenciación do valor turístico e comercial do casco histórico; a importancia de potenciar o camiño de Santiago nos pregos promocionais do turismo comarcal; a revisión urxente da irracional sobrevaloración catastral do solo; o impulso da construción dun centro de día con máis capacidade humana, recursos materiais e persoal cualificado; a aprobación dun regulamento de participación veciñal; a posta en marcha dun consello económico e social con persoal cualificado e representación efectiva das asociacións de veciños - panca esencial para a dinamización comercial e industrial da comarca -; a esixencia dunha auditoría de contas do concello con investigacións xudiciais a posteriori; a elaboración de estratexias comerciais para promocionar o atractivo inversor do polígono dos Acivros; a racionalización e planificación do tráfego interno; o fomento do empadroamento a través de axudas de alugueiro, redución de impostos e taxas ás familias máis febles e aumento da oferta pública de prazas na escola infantil; o apoio decidido e recuperación da pequena explotación agraria familiar; o apoio ás comisions parroquiais de festas e ás súas actividades culturais en galego; a rebaixa do IBI ás familias con menos recursos económicos e patrimoniais; a creación dun xeriátrico público, así como dunha sede local da Escola oficial de Idiomas adscrita á escola de Monforte de Lemos; a creación dun espazo público de reunión para as asociacións de veciños e os movementos sociais; o impulso de plans de rehabilitación do patrimonio histórico-artístico da comarca; a recuperación da figura do alcalde pedáneo para axilizar e facilitar a relación entre veciños e concello; a urxentísima mitigación da pobreza infantil é absoluta na comarca – cómpre lembrar que Chantada e Monforte son os concellos con menos gasto social por habitante en toda a zona Sul de Lugo -; a planificación e revisión constante da rede de sumidoiros e, sobre todo, a urxente necesidade de axilizar o asesoramento coordinado entre concello e sindicatos no referente á tramitación administrativa de prestacións… non son outra cousa que necesidades e problemas concretos para un espazo concreto – Chantada - nun tempo concreto : agora.
Estas son, entre outras, as orientacións programáticas a medio-curto prazo que Por Chantada presenta aos veciños da comarca. O chamamento á participación, deliberación e reflexión resolutiva sobre como coordinar con eficacia tódolos recursos humanos, técnicos, financeiros e administrativos para a materialización das mesmas, non é va declaración de principios cara a galería, senón exhortación responsable á sociedade civil da comarca, á súa capacidade para auto-organizarse e coordinarse coma un cerebro e unhas mans colectivas, superando a nosa histórica eiva cultural e política de fraccionar o interese común no mero interese de familia.
Malos tempos estes nos que hai que seguir recordando o evidente, a saber : que calquera colectivo humano ten, nun tempo dado, o que tanto vellas coma novas xeracións deixaron arrebatarse pola preguiza e o conformismo.

Sem comentários:

Enviar um comentário