sexta-feira, 8 de maio de 2015

Vencer o medo, recuperar a ilusión

Antón Fente Parada, membro de Por Chantada.


Ilusión Por Chantada. Ese é o lema que mellor recolle a proposta política dun grupo de persoas do concello de Chantada cun proxecto encamiñado a loitar por un futuro digno e para a maioría social.

Un futuro que non pasa pola inacción ou as políticas de "austeridade" para os traballadores e regalías legais continuadas para os que non saben nin o que teñen. Tampouco por seguir coas mesmas receitas que conducen a Chantada a converterse nun deserto verde en que se desmantela aceleradamente a súa base económica en nome dun "libre mercado", cuxos resultados son sempre os mesmos.

Onte comezou a campaña de xeito oficial. Comezan as grandes maquinarias partidarias a funcionar a golpe de talonario... e de medo. Na televisión, nas enquisas cociñadas e estará presente na campaña a venda de medo aos cidadáns, toda vez que os partidos proausteridade non teñen máis nada que ofrecernos. O medo a "Venezuela", o medo a "Podemos", o medo ao "nacionalismo", o medo a ser "Grecia"... Calquera política que non sexa a súa política servil preséntase como unha catástrofe que de chegar ás institucións nos levaría ao desastre. Iso só ten un nome: chantaxe.

Precisamente en Chantada, os mesmos que nos conduciron e conducen ao desastre completo, os que converten o país do Faro nun deserto verde e non atende a máis intereses que os seus propios, seguen a estratexia do medo. Onte os que loitaban contra o caciquismo e o clientelismo ían levar as vacas. Seguiron gobernando eles durante décadas e o agro encóntrase na súa peor situación en décadas. O piar económico que sostén o pequeno comercio que, con moito esforzo, sobrevive cada vez con maiores dificultades. O piar económico abandonado permanentemente tanto desde o concello, como desde a Xunta ou o Estado. Europa a coartada perfecta para xustificar o desmantelamento da nosa agricultura e da nosa económica.

Hoxe axitan vellos e novos medos coa mesma finalidade: perpetuarse no poder e empregar as institucións como se fosen propiedade privada súa. Algúns até se atreven a falar de mocidade e de participación, cando unha e outra vez demostraron que só lles interesa das persoas o seu voto.

Política de asfalto. Carreteo e coaccións variadas no voto. Manipulación, mentira e intereses partidarios por riba dos interesés comúns das chantadinas e dos chantadinos. Queremos outra política, por iso comezamos desde xa a demostrar que non somos máis do mesmo. Financiámonos con transparencia, desde pequenas achegas das persoas que cren que é necesario reiniciar a política. Facemos unha campaña centrada nos nosos escasos medios e na forza das nosas propostas e ideas

Temos un proxecto para Chantada. Temos capacidade colectivamente para tornar realidade outra política ao servizo das maiorías sociais que teña como centro a Chantada, mais que non olle só para o país do Faro, senón que contribúa a mudar a extrema situación social e económica tamén noutros ámbitos.

Nós temos a ilusión, eles o medo. Non é hora de que sumemos forzas e esforzos e venzamos o medo que só conduce a máis miseria, máis precaridade, máis desemprego e máis morte cos recortes?




Sem comentários:

Enviar um comentário