quinta-feira, 30 de abril de 2015

Ildefonso Piñeiro di adeus á primeira liña da política institucional e manifesta o seu apoio a Por Chantada.

Ildefonso Piñeiro di adeus á primeira liña da política institucional e manifesta o seu apoio á candidatura veciñal POR CHANTADA. Pola súa parte o BNG presentou as súas candidaturas para a comarca de Chantada.


Ildefonso Piñeiro:


Xuntanza Aberta de Por Chantada

Resumo da presentación de candidaturas do BNG para a comarca de Chantada

quarta-feira, 29 de abril de 2015

Comeza a campaña electoral: o BNG e Por Chantada celebran senllos actos esta semana e o PSOE segue visitando o rural.

A nove días de que se abra oficialmente a campaña electoral, o BNG presenta as candidaturas da comarca esta cuarta-feira, mentres que Por Chantada convoca para o sábado unha Xuntanza Aberta para viciñas e veciños. O PSOE segue coas súas visitas no  rural.


O BNG de Chantada celebra hoxe o seu segundo acto electoral. Nel preséntanse as súas candidaturas para a comarca de Chantada con intervencións variadas: Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; André Sánchez Lavandeira, candidato do BNG á alcaldía en Chantada; Xosé Antón Lego Pan, candidato á alcaldía en Taboada; María Asunción Gómez Neira, candidata en Carballedo; e Sandra Calviño Moure, número 2 da candidatura chantadina. 

O acto será no salón de actos da casa sindical ás 20:30 horas, esta cuarta-feira 29 de abril.

Por outra banda, a candidatura veciñal Por Chantada convocou unha Xuntanza Aberta para este sábado 2 de maio ás 19 horas na casa da música, onde se falará sobre o programa, a campaña, participación cidadá e outras cuestións que colectivamente se decida son pertinentes.

Desde a candidatura fan un chamamento a todas as persoas que acreditan nun xeito novo e diferente de facer política para evitar que o país do Faro se converta nun deserto verde.



Por último, o PSOE segue visitando explotacións gandeiras e o rural para achegar as sáus propostas e coñecer as reclamacións dos gandeiros, segundo anunciaron no seu Facebook. Segundo o PSOE: " Son tempos duros para o campo e os labregos non reciben ningún apoio das administracións gobernadas polo PP e por partidos de dereitas como INTA. O compromiso socialista é, foi e será total co noso medio rural."


PP e INTA seguen en stand by

O partido no goberno, INTA, e o seu principal sustento ao estar en minoría, o PP, presentaron xa as súas listas, mais aínda non fixaron actos electorais. Como noutras ocasións, a dereita fará unha campaña porta a porta, apoiada nas redes caciquís e no medo. Xa hai voces que denuncian un emprego partidista máis unha vez da residencia Geriatros, onde en 2011 máis de 100 residentes "votaran" por correo ao PP, outorgándolle practicamente con iso o terceiro concelleiro, o 13º en saír elexido.

Informar tamén que, desde A Voz do Agro, segue aberta a nova enquisa sobre as municipais (preme aquí para participares ou aquí para consultar os primeiros resultados).

segunda-feira, 27 de abril de 2015

sexta-feira, 24 de abril de 2015

Eleccións 2015 - Sondaxe

A sondaxe é totalmente anónima e axústase ás formacións que concorrerán finalmente no concello de Chantada.

quarta-feira, 15 de abril de 2015

Resumo do pleno do pasado 13 de abril: O rural morre, o pequeno comercio coa auga ao pescozo, a mocidade emigra, a probreza disparada e INTA xogando ao Padel.






1.- Aprobouse a acta do pleno anterior (febreiro) e o carácter ordinario da sesión.

2.- Aprobouse por unanimidade o Plan Especial de Protección do Casco Histórico.

3.- Aprobouse cos votos de INTA, PP e Nacionalistas e a abstención do PSOE a expropiación do terreo na rúa Ribeira Sacra para arranxar o problema da rúa, pedindo o Grupo Nacionalista que constara en acta a súa impresión sobre o tema:
Na Xunta de Goberno do día 8 de maio de 2003, adoptouse a decisión de devolver a fianza de 69.690 euros (11.595.360 pesetas) que depositaran os promotores da apertura e urbanización da rúa que une a de Luís Soto Lemos coa de Emilia Pardo Bazán - Rúa Ribeira Sacra. Un acto en vísperas das eleccións municipais dese mesmo mes, á proposta da Alcaldía, declarouse de previa e especial urxencia por unanimidade (un tema tan importante non se deberia tratar de xeito urxente). O escrito presentado solicitando a devolución do aval de 11.595.360 pesetas, constituído para responder da urbanización da rúa que enlaza a rúa de Luís soto Lemos e a de Pardo Bazán, como consecuencia da construcción dunha edificación con fronte a dita Rúa e a de Luís Soto Lemos, por estar executadas as obras e ademáis fíxose tendo en conta o informe verbal do Secretario (informe verbal!). Xa daquelas se alertou no momento da conclusión da rúa de que esta non podía ser recibida polo Concello mentres non estivese perfectamente executada, segundo o proxecto correspondente. Por certo, un proxecto que deu orixe á modificación parcial do Plan de Ordenación Urbana.

 4.- Aprobáronse por unanimidade as duas modificacións do Imposto de obras (están contempladas bonificacións na ordenanza para obras no casco histórico).

5.- Aprobáronse por unanimidade o inicio dos expedientes de investigación sobre a titularidade de 11 camiños e votouse separadadamente os expedientes de permutas. Nacionalistas e Socialistas votaron en contra porque non hai acordos entre os propietarios.
O goberno municipal (INTA) votou a favor e os seus aliados (PP) optaron polo camino fácil, a abstención, polo que decidiu o voto de calidade do Alcalde, ou sexa, aprobaron por pasiva.

6.- En canto ao tema da perda de soberanía municipal, coa cesión dos impostos á Deputación, o Grupo Nacionalista e o PSOE votaron en contra, non estaba claro e agora confírmase que non se fará efectivo até o 2016. Non estamos de acordo con esta cesión. As Deputacións son entes obsoletos e con estas decisións dáselles máis poder do que xa teñen baleirando a institución municipal máis próxima aos cidadáns.

7.- Aprobáronse por unanimidade as novas tarifas da auga, a rebaixa do 0,2% vén dada polas evolucións do IPC, seica.

8.- Aprobouse por unanimidade un recoñecemento extraxudicial de créditos (facturas fóra de orzamento), algo habitual deste Goberno ao tempo que dispara a débeda municipal porque non cumpre os deberes facendo os orzamentos.

9.- Transferencia de crédito. O goberno municipal retira 23.000 euros da partida de obras (esa partida que podería facer que as ambulancias non tivesen problemas en chegar a domicilios, que o transporte público puidera traballar sen atrancos ou que os usuarios, veciños e veciñas, non estragasen os coches pasando por algúns lugares, moitos deles arranxados hai anos e que nestes derradeiros anos nin  mantemento se lles fixo), pois retiránse para a posíbel construción dunha PISTA de PADDEL nas inmediacións das piscinas, por certo fronte a outra que ten proxectada o casino (entidade privada).
Unha pista que por certo, poderia ser subvencionada polo GDR (Grupo de Desenvolvento Rural) como xa fixo no Concello de Monterroso… O rural morre, o pequeno comercio coa auga ao pescozo, a probreza disparada e Manuel Varela xongando ao Padel.

Por suposto votamos en contra.

CUESTIÓNS DE URXENCIA:

1.- Aprobouse por unanimidade unha declaración institucional en apoio a un proxecto de enerxías renovábeis e biocombustíbel no polígono industrial.
2.- Aprobouse por unanimidade a renegociación dos xuros do crédito para o pago a proveedores que vai pasar dun 4,2% a un 1,16-1,22%.
3.- Aprobouse por unanimidade unha moción do PSdeG-PSOE para o apoio ao Entroido Ribeirao como Festa de Interés Turístico.
4.- Deuse conta do estado dos orzamentos e dos decretos da alcaldía dos últimos meses.

ROGOS E PREGUNTAS.

O Grupo Nacionalista presentou as iniciativas que a viziñanza lle fixo chegar ao longo destes días.

Este era o derradeiro pleno da lexislatura.




terça-feira, 14 de abril de 2015

Iniciativa por Chantada celebra primarias este 18 de abril



O 18 de abril, sábado, Iniciativa por Chantada celebra  primarias, abertas a todas as persoas que así o desexen até o día 16 ás 24 horas. 



Estas primarias polas que a plataforma xa apostara desde o comezo foron definidas na última asemblea do día 10 de abril e a candidatura formalizarase como Agrupación de electores, para o que a plataforma solicita sinaturas da viciñanza, até xuntar as sinaturas que demanda a lei electoral. Ao tempo anima a participar nas primarias e a candidatarse. 

Haberá dúas modalidades para candidatarse. Unha destinada a aquelas persoas que desexan formar parte da lista, mais non no tramo superior da lista (xa que non queren ou poden participar como concelleiros); e outra para as persoas que desexan candidarse e participar da vida institucional do concello a tempo completo, entre estas tamén a persoa que encabezará a listaxe (a día 14 aínda non se oficializou ningunha candidatura).

Por último, o xermolo de candidatura de unidade popular tamén traballa nas proposas programáticas, que proximamente porán a dispor da cidadanía por medio das redes sociais, segundo comunican no seu Facebook. Neste sentido, lembramos que desde A Voz do Agro elaboramos 153 propostas para a actuación municipal desde a esquerda en Chantada e que foron remitidas a Iniciativa por Chantada en tempo e forma.

Para canditarse ou participar creouse o enderezo electrónico iniciativaporchantada@gmail.com ao que podedes enviar as vosas propostas, candidatura ou sinatura con copia do DI para apoiar a creación da agrupación de electores.



Chantada conta cun dos peores indicadores do sul de Lugo en gasto social

A Rede Galega contra a Pobreza vén de anunciar dados do mais preocupante para o sul de Lugo, aprobeitando a proximidade dos comicios locais de maio coa esperanza de que ocupen o centro político. Algo necesario e urxente, pois 672.123 galegos e galegas (24,3%) ven como se lles nega o seu dereito a unha vida digna e a unha auténtica inclusión social e laboral.
 
 

Hai uns días tamén lanzamos desde esta mesma plataforma unha "Proposta programática para unha Chantada con futuro" con 153 propostas concretas entre as que se recollen bastantes encamiñadas a pór freo á exclusión social e a aposta polas políticas sociais e a solidariedade ao tempo que se pula por explotar as potencialidades coas que conta a nosa comarca. 

Precisamente a Rede Galega contra a Probreza demanda dos candidatos compromisos concretos para reducir a probreza nos concellos do sul de Lugo, que contan cun gasto social moi escaso, a pesar de sermos unha das zonas máis deprimidas de Galiza, con 32,49% da poboación en risco de exclusión social no ano 2012. Un dato aínda máis alarmante se temos en conta que no ano anterior, 2011, a porcentaxe da poboación en risco de exclusión no sul de Lugo era de apenas 19%, ou sexa un incremento de trece puntos que disparou a probreza até as 15.000 persoas.

Os criterios que se seguen para definir quen está nesta situación son os que seguen:
a.- Ter ingresos económicos que non atinxan 60% da renda media, estando a cifra de corte no Estado en 666 euros ao mes.
b.- Aquelas familias que, entre todos os seus integrantes, sumen menos de 20% do tempo de traballo remunerado posíbel (oito horas á semana). 
c.- Aquelas persoas que sofren privación materia severa de bens básicos (alimentación, calefacción, vacacións ou dispor de electrodomésticos fundamentais).

En 2013, o gasto público no sul de Lugo oscilou entre 1.284.891 no concello máis poboado, Monforte de Lemos, e os 104.260 do mais pequeno, Ribas de Sil. Se atendemos ao gasto relativo o mellor baremo apresentao Folgoso do Courel (119,61€) seguido de Quiroga (157,26€), en canto pola cola os peores indicadores son para Monforte (66,14€) e Chantada (71,15€). 

A Rede Galega contra a Pobreza exixe que para 2016 se destinen 110€ como mínimo e que se reduza a pobreza sensibelmente. Porén, a maioría dos partidos semella que fan caso omiso a estas recomendacións. Na actual sociedade galega a conciencia da clase traballadora segue baixo mínimos en canto camiñamos novamente para unha sociedade fragmentada e con clases cada vez máis separadas e confrontadas como non se recordaba desde había (moitas) décadas. 
 
Toda vez que a probreza se achega escandolasamente a cotas propias da posguerra e as primeiras décadas da ditadura fascista de Francisco Franco folga dicir quen vai gañando a renovada loita de clases, sobre todo cando as empresas do IBEX-35 aumentan 37% os seus beneficios ao tempo que rebaixan o salario medio dos seus empregados 1'5%.

#Pobreza24M
 
En consecuencia, a  Rede Galega contra a Pobreza propón  medidas para executar desde os concellos e demanda un compromiso firme das candidatas e candidatos até tal ponto que terían que demitir de non cumpriren o compromiso de reducir a pobreza. 

A campaña conta com o hastag #Pobreza24M entre outras canles para receber subscricións e apoios de representantes que adoten estes compromisos esenciais para reducir o impacto do modo de produción capitalista nas vidas das persoas.
 

sexta-feira, 10 de abril de 2015

Chantada aberta comunica a sua disolución

No día de hoxe a plataforma cidadá apadriñada polo círculo local de Podemos vén de anunciar a súa disolución. O comunicado non aclara o método seguido para esta disolución, que non foi mediante asemblea xa que non se convocou ningunha desde que a mesa da plataforma decidiu disolverse.

A continuación, reproducimos o  comunicado:

Comunicado de disolución da Plataforma Cidadá Chantada Aberta 
Debido a que o único obxectivo polo que se creou esta plataforma cidadá era o de construír unha Agrupación de Electores para concorrer ás próximas eleccións municipais, e que devandito obxectivo non puido cumprirse, decidese a súa disolución definitiva.
Queremos agradecer os xestos de apoio que moitos veciños nos destes e os moitos ánimos que recibimos, ao mesmo tempo que tamén queremos pedir desculpas a aqueles que confiaban en nós para cambiar o modo de facer as cousas neste concello e que, dun modo ou outro, decepcionámoslles. As expectativas que tiñamos de que esas ganas de cambio, esa indignación dos cidadáns, se converteran en participación activa na política municipal, non se cumpriron. 
Aínda así, moitos de nós seguiremos traballando en distintas frontes, noutros círculos, para conseguir un novo concello, unha nova forma de gobernar, e devolver as institucións municipais a todos os veciños de Chantada.

Porque Chantada precisa uma mudança política urgente? II: convénios com a Junta da Galiza



Governo BNG-PSOE: 2007-2011. Total: 18 convenios.

20/05/2011

29/04/2011

24/06/2010

29/04/2010

03/11/2009

23/11/2009

13/07/2009

18/03/2009

01/01/2009

13/11/2008

24/09/2008

29/08/2008

19/09/2008

14/05/2008

09/05/2008

21/02/2008

28/01/2008

10/09/2007


Governo INTA (com apoio do PP): 2011-2015. Total: 5 convenios.

24/07/2013:

17/06/2013:

05/07/2012:

16/04/2012:

24/04/2012:




Porque Chantada precisa uma mudança política urgente? I: Dívida pública do concelho de Chantada



A dívida vida da câmara municipal de Chantada, segundo o Ministério de Fazenda, foi evolucionando ao longo dos últimos anos e faz referência a dívida que mantém  a instituição com entidades financeiras e com o Estado, mas não com as empresas.


Governo coligação PSOE-BNG (2008-2011)

2008: 2.683.000€
2009: 3.053l.000€
2010: 4.278.000€
2011: 2.766.000€

Em 2011, a câmara municipal tinha uma dívida equivalente a 49,95% do orçamento municipal que ascendia a 5.536.989€ em 2011, ou seja, 311€/habitante. Com respeto ao ano anterior a dívida reduziu-se em 1.512.000€


Governo INTA-PP (2012-2015)

2012: 4.985.000€
2013: 4.552.000€

Segundo o Ministério de Economia e Fazenda a câmara municipal de Chantada a 31 de dezembro de 2012 tinha uma dívida de 4.985.000€, 90,03% do orçamento municipal que ascendia a 5.536.989€ para esse ano. A dívida vida a 31 de dezembro de 2011 ascendia a 2.766.000 pelo que em apenas um ano a dívida disparou-se 2.219.000€. 

Em 2012 a dívida representava 526,3 euros por habitante, quase o duplo que no 2011. Se em 2011 o serviço da dívida representava 5% (64. 490 €) do orçamento municipal em 2012 ascendia já a 13% (220.000 €).

Para fazermo-nos uma idea podemos cotejar este último dado com o das inversões reais, os escassos investimentos da Junta da Galiza ou o gasto em pessoal. Em todas as comparações o atual governo piora os indicadores do anterior governo :

2013: 1'4% do orçamento (45.000€)
2011: 16% do orçamento  (896.000€)

Investimentos Junta da Galiza 2013: 70.000 €

Gasto de pessoal
2013: 41% do orçamento
2011: 38% do orçamento

quarta-feira, 8 de abril de 2015

Proposta programática para unha Chantada con futuro

 

Candidatura de Unidade Popular Chantada

 


Esta é unha achega programática aberta a achegas de quen o desexe, que se remitirá á plataforma Iniciativa por Chantada, como contribuito para a elaboración do seu programa (xa que o que o permite pola súa configuración aberta pondo a disposición da cidadanía o enderezo electrónico iniciativaporchantada@gmail.com).


A crise económica segue batendo con forza ao tempo que a crise demográfica vai supor seguir perdendo poboación no noso concello. Urxe, entón, contar cun goberno que aprobeite a estreita marxe do concello e alimente as dinámicas sociais e culturais da sociedade civil chantadina para desenvolver unha política destinada a favorecer a fixación de poboación e o dinamismo económico da nosa contorna. Un goberno ao servizo da clase traballadora, que aposte polas políticas sociais e rache coa parálise institucional que vive a nosa vila nos últimos catro anos de goberno da dereita (INTA-PP).

Un goberno que precisa de todos os cidadáns que decidan participar da vida política e, aínda serán poucas e poucos, para reforzar a sociedade civil e ter un concello cunha xestión o máis plural, transparente e participativo posíbel.


Temos que ser respetuosos co entorno onde vivimos, hai que ter en conta as distancias a ríos, regatos, camiños, etc. E temos que preservar o medio físico, os valores tradicionais, os sinais de identidade ou a memoria... porque se non os pomos nós en valor como é que os imos promocionar como un valor turístisco?

O turismo é outro ámbito esencial para potenciar a economía local, para o que se debe revisar o Plano de Dinamización Turística (PDT) e axeitalo á realidade actual do concello. Do mesmo xeito, realizarase un estudo para considerar o impacto da Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.


O concello debe potenciar o réxime de alugueiro, frear con políticas activas o “feísmo”, impulsar a peonalización de certas rúas do casco histórico, actuacións en materia de infravivenda, eliminación das barreiras arquitectónicas, impulso da vivenda protexida, etc.

A cultura é unha das expresións da nosa identidade como pobo, unha forma de presentármonos ante outras sociedades e unha expresión simbólica dos individuos e das comunidades. Ás políticas culturais teñen que estar baseadas na liberdade de creación, na diversidade, na cooperación e por suposto na cidadanía. Teñen que estar definidas e programadas desde a nosa realidade lingüística e cultural, unha política que teña como eixo os nosos signos colectivos máis visibéis e duradeiros (a lingua, as tradicións, o folclore, a música popular, a artesanía, o patrimonio arqueolóxico e etnográfico, o patrimonio histórico-artístico, o teatro,...).

153 PROPOSTAS PARA DAR UN SI Á UNIDADE POPULAR



TRABALLO DIGNO


1.- Elaboración dun Plano de Desenvolvemento Rural, en parcería coas parroquias e cos axentes sociais, que defina a situación actual e as nosas posibilidades de desenvolvemento, para alén de dotar de asesoramento técnico aos actuais ou futuros proxectos económicos.

2.- Posta en valor do monte e dos proxectos alternativos de gandeiría para crear empregos estábeis e de calidade, cunha focaxe especial nas Comunidades de Monte en Man Común.

3.- Talleres e asesoramento sobre formas de economía cooperativa e de autoemprego, colaborando desde o concello con estudos de mercado e impulso de iniciativas que aposten polo traballo digno e estábel.

4.- Fomento e asesoramento para a iniciativa económica das mulleres.

5.- Fomento dos produtos locais co impulso dun mercado de alimentos de Chantada e a potenciación das feiras do 5 e do 21 en Chantada.

6.- Fomento dos oficios tradicionais e asesoramento para a procura de valor engadido que permita a súa viabilidade.

7.- Apoio a autónomos e á pequena empresa.

8.- Cursos formativos para a promoción da calidade no sector turístico e artesán.

9.- Creación dun Consello Económico e Social, onde participen os sectores máis activos e dinámicos da sociedade chantadina para deliberar as estratexias de desenvolvemento precisas para dotar de futuro o noso concello.


SECTOR VITIVINÍCOLA


10.- Creación dun espazo de mostra dos viños a nivel profesional para a promoción dos nosos caldos a nivel profesional, tanto na hostalaría como a nivel internacional.

11.- Promoción do emprego de maquinaria conxunta entre adegas e viticulturas e viticultores.

12.- Aposta pola paulatina reforma e reforzo da Feira do Viño para a profesionalización e internacionalización das nosas adegas.

13.- Impulso dun Centro do viño local que poña en valor a cultura ribeirá e a viticultura heroica das nosas ribeiras.

TURISMO


14.- Implicación da sociedade e das empresas no deseño da estratexia turística desde a Comision Municipal de Turismo.

15.- Turismo de contidos que teña en conta os valores propios e que dan valor engadido a Chantada como destino turístico dentro da Ribeira Sacra: paisaxe, patrimonio, viticultura, adegas familiares...

16.- Impulso dun Foro Económico para a Ribeira Sacra, onde axentes institucionais e sociais, planifiquen estratexias conxuntas para a promoción turística e posibiliten a mancomunidade do mundo ribeirao tanto na provincia de Lugo como na de Ourense.

17.- Elaboración de guias de visitas para os turistas, sinalización e elaboración de paneis explicativos para os principais activos turísticos do noso concello.

18.- Creación dunha web desde o concello centrada no turismo cos contactos de todas as empresas turísticas, de hostalaría e aloxamento do concello de Chantada; visitas virtuais aos principais lugares a visitar en Chantada; documentos informativos, etc.

19.- Explotar o potencial para o sendeirismo que ofrece Chantada con roteiros centrados na gastronamía, a paisaxe e o patrimonio.

20.- Posta en valor do Camiño de inverno no seu paso de Chantada, así como facilitar a recuperación do seu trazado orixinal.

21.- Deseñar un Plano para o fomento da rehabilitación de casas e aldeas para o alugueiro vacacional que free o abandono dos lugares rurais e permita recadar fondos doutras administracións para facelo viábel.

22.- Impulso e revitalización do punto de información turística en Chantada e doutros puntos de información asinando convenios con casas de turismo rural e coa hostalaría da zona.

PATRIMONIO


23.- Fomento da investigación sobre o noso patrimonio material e inmaterial.

24.- Paneis informativos para os principais vultos do noso patrimonio, especialmente do románico ou en calquera outra igrexa ou edificación que conte con elementos artísticos de interese.

25.- Apoio ao Folión de Carros, ás embarcacións tradicionais e ao Entroido Ribeirao.

26.- Promoción de materiais didácticos para incorporar a realidade cultural e patrimonial de Chantada aos centros educativos de primaria e secundaria da nosa vila. O coñecemento do noso redunda na súa posta en valor, promoción e conservación.

27.- Recuperación da microtoponimia.

28.- Fomento e mellora da sinalización e información sobre o patrimonio prerromano do noso concello.

29.- Partida específica de apoio ás actividades culturais realizadas polas parroquias e as asociacións en relación coa posta en valor e mantemento do noso patrimonio material e inmaterial.

BENESTAR SOCIAL


30.- Elaboración dun Plano de Emerxencia Social en asociación cos traballadores sociais do concello de Chantada.

31.- Apoio á creación dun Banco de Tempo e a redes de solidariedade impulsadas pola sociedade chantadina.

31.- Apoio ao CIM (Centro de Información á Muller).

32.- Programas grupais para persoas nas mesmas condicións: coidadores e coidadoras, desempregadas e desempregados, mocidade... Axuda psicolóxica e técnica para encontrar solucións.

33.- Potenciar actividades interxeneracionais e recollida da memoria oral, coa participación activa das persoas maiores.

34.- Pular por estender o servizo de axuda no fogar.

35.- Programas específicos de atención á infancia e de igualdade.

36.- Actividades comunitarias que integren ás persoas con necesidades especiais.

37.- Asunción dos compromisos da Rede Galega de Loita contra a Pobreza para unha aposta decidida para a inclusión social e a redución da probreza.

38.- Promover o emprego dunha linguaxe inclusiva desde a administración, para alén de impulsar campañas de sensibilización contra calquera caste de discriminación.

39.- Atención ao impacto na saúde física e psíquica das persoas coidadoras.


DEMOCRACIA PARTICIPATIVA E TRANSPARENCIA


40.- Definición das necesidades concretas do persoal e das funcións de cada posto de traballo público. Auditoría das contas do concello e da débeda pública.

41.- Promover, xunto a outras entidades, por un novo modelo de administración local galega, onde os concellos conten con máis competencias, se supriman as deputacións provinciais e se priorice a mancomunización de servizos públicos e unha estrutura comarcal con competencias definidas.

42.- Desenvolvemento da personalidade xurídica das parroquias e dos barrios da vila para o fomento da participación colectiva.

43.- Impulsar con outros concellos a demanda dun novo modelo de financiamento das entidades locais, que contemple variábeis que encarecen os servizos (como o avellentamento ou a dispersión poboacional).

44.- Consello Municipal con representación dos barrios e das parroquias (através da elección democrática de pedáneas e pedáneos), das asociacións viziñais e culturais, dos movementos sociais, sindicatos, etc.

45.- Orzamentos participativos a proposta do Consello Municipal.

46.- Servizos de xestión directa.

47.- Racionalización das taxas e impostos.

48.- Celebración de Xuntas de Goberno e plenos abertos.

49.- Aproveitar as canles comunicativas existentes na vila para favorecer a tranparencia pública e a participación activa da veciñanza, con espazo para todas as opcións ideolóxicas.

50.- Regulamento de participación veciñal referendado pola cidadanía.

52.- Información continuada através da web do concello sobre os asuntos que lle afecten con debate, transparencia e trato de igualdade a todas as parroquias e persoas. Trasladaranse os proxectos de obras públicas ás veciñanza interesada e/ou afectada.

53.- Transparencia e equidade no acceso ao emprego público local.

54.- Transparencia e equidade nos concursos públicos e contratación de obras e servizos.

55.- Habilitación de espazos para uso de todas as asociacións, movementos sociais e forzas políticas do termo municipal.

56.- Dación de contas perante a cidadanía e implementación de mecanismos para consultas populares.

ASOCIACIONISMO


57.- Oficina de apoio ás asociacións do concello con impresora e asesoría para a solicitude de subvencións e asesoramento para cuestións burocráticas.

58.- Criterios obxectivos na concesión de subvencións a entidades locais atendendo a criterios de importancia cultural, económica e fomentando a colaboración entre asociacións.

MEDIO AMBIENTE


59.- Concienciacion sobre os beneficios das prácticas agrícolas ecolóxicas, sobre os riscos do abuso dos produtos fitosanitarios e sobre a procura de valor engadido dos produtos agroalimentarios.

60.- Impulso de talleres con alternativas ecolóxicas.

61.- Mellora no tratamento dos envases de produtos fitosanitarios e plásticos agrícolas.

62.- Plano de redución, reutilización e reciclaxe de refugallos.

63.- Colaboración comarcal para un modelo de xestión do lixo alternativo a SOGAMA.

64.- Brigada de limpeza de montes e silvicultura.

65.- Xornadas de limpeza dos ríos.

66.- Eliminación de vertedoiros incontrados.

67.- Fomento das enerxías renovábeis e plano de aforro e optimización enerxética.

68.- Solicitude dunha nova depuradora para a vila de Chantada.

69.- Procurar unha traída de auga alternativa para a vila de Chantada que permita aforrar custes e permitir un consumo e un abastecemento máis eficientes.

70.- Aumento da esixencia e control de perímetros de protección de plantacións arbóreas con respecto a elementos patrimoniais e estradas. Maior control das plantacións arbóreas de especies foráneas.

71.- Inventario das árbores senlleiras do municipio.

72.- Apoio á apicultura.

73.- Redución do uso de tóxicos e sobreempaquetado nos servizos municipais.

74.- Asesoramento e elaboración para un Plano de transición do concello a unha economía pospetróleo.


SOBERANIA ALIMENTARIA

75.- Banco municipal de sementes.

76.- Compromiso de compra de produtos alimentares de proximidade.

77.- Recuperación da feira ECOSUS.

78.- Impulso dun mercado de alimentos locais.



FEMINISMO E DEREITO AO PROPIO CORPO


79.- Elaboración dun novo Plano de Igualdade con participación das mulleres do concello.

80.- Xornadas feministas divulgativas con comentario de libros, filmes, documentais e palestras.

81.- Recuperación da historia das mulleres de Chantada: saberes tradicionais, vida cotiá, memorial oral...

82.- Plano de actuación pola prevención e actuación contra a violencia de xénero.

83.- Optimización do Centro de Información á Muller (CIM).

84.- Campañas de sensibilización sobre a violencia de xénero, especialmente nos centros de ensino.

85.- Concellaría de Igualdade da Muller e paridade nos órganos de goberno.

86.- Área de información sobre métodos anticonceptivos e sobre os dereitos sexuais e reprodutivos.

87.- Promoción de unidades didácticas de ensino feminista adaptadas ás etapas educativas ofertadas na nosa vila.


TERCEIRA IDADE


88.- Fomento do excursionismo

89.- Mudanzas nas concepcións das festa dos avós, facendo xornadas en que participe xente de todas idades e onde a xente sexa a protagonista, con actividades de transmisión oral e mostra de oficios tradicionais. Celebrarase cada ano nunha parroquia distinta cun servizo de autobús para poder chegar á festa.

VIVENDA


90.- Fomento do alugueiro barato de casas baleiras e fincas de labranza coa creación dun banco municipal de alugueiro de vivenda e terras.

91.- Avaliación das posibilidades para aumentar as vivendas sociais no concello.


CULTURA


92.- Dotación dun orzamento anual para libros da Biblioteca pública.

93.- Subscrición da Biblioteca pública ás publicacións periódicas en lingua galega.

94.- Campaña de animación e fomento da lectura.

95.- Impulso dun banco solidario de libros para o empréstito entre particulares, xestionado pola biblioteca municipal.

96.- Creación do Consello de Cultura, cuxas primeiras encomendas serán o estudo da viabilidade e das posibilidades para a recuperación da Feira do Libro e elaborar un estudo ou inventario que determine os inmóbeis do concello aproveitábeis para realizar as actividades culturais tamén nas parroquias.

97.- Aula de teatro ou cursos de teatro segundo a demanda.

98.- Espazos públicos habilitados e regulados para a creación artística.

99.- Impulso dun libro participativo que recolla aspectos sobre a historia, a lingua, o patrimonio e a memoria oral do país do Faro.


DEPORTE

100.- Mantemento axeitado das instalacións deportivas.

101.- Estudo de racionalización e optimización das piscinas municipais.

102.- Beneficio de uso da piscina para a xente de Chantada, cunha tarifa de bono máis reducida para a xente empadroada no concello con respecto a non empadroada.

103.- Fomento da musicoterapia e dos deportes suaves para as persoas maiores.

104.- Acondicionamento das zonas fluviais de baño.

105.- Fomento do uso da bicicleta.

106.- Creación dun Consello do Deporte, onde colabores asociacións deportivas, clubes e concello decidan e elabores propostas como as que enumeramos:
a.- Convenios para a utilización das instalacións deportivas dos centros educativos en horario extraescolar.
b.- Apoio ás Escolas Deportivas para desenvolver cualificadamente programas de animación ao deporte e á actividade física da poboación.
c.- Favorecer o transporte dos rapaces nas fins de semana para participaren en actividades deportivas.

107.- Apoio á celebración de xogos populares nas festas parroquias e recuperación de xogos tradicionais. Organizar cos monitores das escolas deportivas e dos clubes actividades deportivas e de tempo libre nas aldeas, sobre todo con ocasión das festas.

SAÚDE PÚBLICA


108.- Concienciación sobre hábitos saudábeis.

109.- Programas de concienciación sobre os abusos dos produtos tóxicos no fogar e talleres de alternativas ecolóxicas.

110.- Programas de educación sexual.

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA


111.- Plano de normalización lingüística municipal, elaborado de xeito participativo coa veciñanza e para frear a perda de falantes, a transmisión interxeneracional e a galeguización plena do concello. O galego será un elemento transversal do que dependan tamén as axudas e concesións do concello.

112.- Cursos de galego e de portugués para quen desexe aprender ou perfeccionar o uso destas linguas, con programas específicos para persoas estranxeiras.

113.- Fomento da investigación sobre as variantes locais do galego.

114.- Asesoramento lingüístico para empresas, asociacións e veciños que así o desexen. Promoción das denominacións tradicionais do rueiro vilego.

115.- Visibilización da lingua galega nas accións de difusión enfocadas ao turismo, como un valor propio nun mundo plural e plurilingüe.

116.- Posta en valor e fomento do plurilingüismo.

SOLIDARIEDADE


117.- Fomento de redes de solidariedade locais coa creación dun Consello Solidario.

118.- Sensibilización sobre as inxustizas globais e práctica do internacionalismo. Integración no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e habilitación do 0,7% do orzamento a cooperación e solidariedade.

119.- Nas adquisicións de subministros municipais priorizar os produtos de comercio xusto e producidos con fórmulas económicas non explotadoras das persoas e do medio.



MÚSICA

120.- Potenciación das bandas municipais, da escola da música e axudas para que actúen nas festas das parroquias.

121.- Fomento da aprendizaxe da música por parte de todas as nenas e nenos de Chantada.

122.- Axudas e fomento de actuacións de grupos locais e/ou con participación chantadina.

123.- Apoio e optimización da Casa da Música. Promoción da musicoloxía do concello.

BENESTAR ANIMAL


124.- Crear un protocolo de actuación ante animais abandonados e/ou perdidos.

125.- Estudar e propor desde o concello, con participación cidadá, unha solución para os animais abandonados a nivel comarcal.

126.- Prohibición dos circos con animais no termo municipal.


ESTUDOS E APOIO Á MOCIDADE

127.- Fomento de bolsas para o transporte a estudantes de mestrado e grado.

128.- Estudo para a optimización da Casa da Xuventude.


TIC


129.- Software libre e estándares abertos nos sistemas informáticos municipais.

130.- Programas de divulgación e coñecemento da informática e das redes sociais.

131.- Apoio ao Telecentro.


INFRAESTRUTURAS


132.- Demanda de axudas das administracións para o paulatino saneamento e abastecemento de augas das parroquias.

133.- Prioridade na reclamación de arranxo das estradas que vertebran o concello.

134.- Eliminación de barreiras arquitectónicas.

135.- Peonalización das rúas Calvo Sotelo e Dous de Maio.

136.- Estudo e implantación de solucións, con participación cidadá, para evitar excesos de velocidade no casco urbano.

137.- Racionalización do tránsito municipal.


AS PARROQUIAS


138.- Prioridade absoluta na extensión do saneamento.

139.- Completar as necesidades das traídas de augas e arranxo de pistas e comiños rurais segundo o permitan as arcas municipais. Solicitude de axudas económicas para tal fin a outras administracións.

140.- Dotación dos locais sociais con libros e material deportivo. Recuperación de campos de xogos e áreas de lecer nas diferentes parroquias, potenciando o seu uso.

141.- Colaboración coas parroquias na análise de augas das fontes públicas e traídas veciñais.

142.- Apoio á valorización do monte e creación de emprego por parte das comunidades de montes.


MERCADO GANDEIRO

143.- Elaboración dun regulamento para o uso e mellora do recinto feiral contando co tecido asociativo da vila.


FESTAS PATRONAIS


144.- Adecuación á entidade de Chantada dos programas e custos das festas patronais, baixo o directo control municipal e a participación cidadá.


COMUNICACIÓN


145.- Establecemento de convenios coa radio e televisión locais e as entidades culturais para o desenvolvemento de programas de promoción dos valores da nosa cultura e patrimonio e como contribución para a súa viabilidade económica.


CREACIÓN CULTURAL


146.- Fomentarase tamén as publicacións en galego, dentro das posibilidades do concello, con especial atención aos novos autores e investigadores e á creación literaria.

147.- Potenciaranse os cineclubes existentes e proxección de filmes ao ar libre, especialmente centrándose na divulgación do cinema en galego e das producións audiovisuais galegas. Apoio á Semana do Cinema.

148.- Prestarase apoio a creación e divulgación de producións audiovisuais locais.

148.- Fomento da creación artística coa habilitación de espazos axeitados ou apoio aos xa existentes para o desenvolvemento das inquedanzas pictóricas, musicais, etc.



DIVERSIDADE FUNCIONAL

149.- O Concello debe converterse nun dinamizador da práctica do deporte na terceira idade e nos adultos e ten que buscar o desenvolvemento de actividades deportivas dirixidas a persoas con diversidade funcional desde a óptica tanto da súa integración e/ou reinserción social canto da súa recuperación funcional e a rehabilitación.

150.- Campañas de sensibilización sobre as situación das persoas con diversidade funcional e visualización dos seus problemas.

DOGRADICCIÓN


151.- Campañas de sensibilización  e apoio as persoas con algunha dependencia.

152.-Creación dun Consello de Saúde Pública que achegue propostas de actuación municipal tamén sobre esta cuestión.

153.- Unidade de prevención da dependencia, atención aos fráxiles, estimulación cognitiva, podoloxía, xantar na casa e transporte adaptado.