quarta-feira, 15 de abril de 2015

Resumo do pleno do pasado 13 de abril: O rural morre, o pequeno comercio coa auga ao pescozo, a mocidade emigra, a probreza disparada e INTA xogando ao Padel.






1.- Aprobouse a acta do pleno anterior (febreiro) e o carácter ordinario da sesión.

2.- Aprobouse por unanimidade o Plan Especial de Protección do Casco Histórico.

3.- Aprobouse cos votos de INTA, PP e Nacionalistas e a abstención do PSOE a expropiación do terreo na rúa Ribeira Sacra para arranxar o problema da rúa, pedindo o Grupo Nacionalista que constara en acta a súa impresión sobre o tema:
Na Xunta de Goberno do día 8 de maio de 2003, adoptouse a decisión de devolver a fianza de 69.690 euros (11.595.360 pesetas) que depositaran os promotores da apertura e urbanización da rúa que une a de Luís Soto Lemos coa de Emilia Pardo Bazán - Rúa Ribeira Sacra. Un acto en vísperas das eleccións municipais dese mesmo mes, á proposta da Alcaldía, declarouse de previa e especial urxencia por unanimidade (un tema tan importante non se deberia tratar de xeito urxente). O escrito presentado solicitando a devolución do aval de 11.595.360 pesetas, constituído para responder da urbanización da rúa que enlaza a rúa de Luís soto Lemos e a de Pardo Bazán, como consecuencia da construcción dunha edificación con fronte a dita Rúa e a de Luís Soto Lemos, por estar executadas as obras e ademáis fíxose tendo en conta o informe verbal do Secretario (informe verbal!). Xa daquelas se alertou no momento da conclusión da rúa de que esta non podía ser recibida polo Concello mentres non estivese perfectamente executada, segundo o proxecto correspondente. Por certo, un proxecto que deu orixe á modificación parcial do Plan de Ordenación Urbana.

 4.- Aprobáronse por unanimidade as duas modificacións do Imposto de obras (están contempladas bonificacións na ordenanza para obras no casco histórico).

5.- Aprobáronse por unanimidade o inicio dos expedientes de investigación sobre a titularidade de 11 camiños e votouse separadadamente os expedientes de permutas. Nacionalistas e Socialistas votaron en contra porque non hai acordos entre os propietarios.
O goberno municipal (INTA) votou a favor e os seus aliados (PP) optaron polo camino fácil, a abstención, polo que decidiu o voto de calidade do Alcalde, ou sexa, aprobaron por pasiva.

6.- En canto ao tema da perda de soberanía municipal, coa cesión dos impostos á Deputación, o Grupo Nacionalista e o PSOE votaron en contra, non estaba claro e agora confírmase que non se fará efectivo até o 2016. Non estamos de acordo con esta cesión. As Deputacións son entes obsoletos e con estas decisións dáselles máis poder do que xa teñen baleirando a institución municipal máis próxima aos cidadáns.

7.- Aprobáronse por unanimidade as novas tarifas da auga, a rebaixa do 0,2% vén dada polas evolucións do IPC, seica.

8.- Aprobouse por unanimidade un recoñecemento extraxudicial de créditos (facturas fóra de orzamento), algo habitual deste Goberno ao tempo que dispara a débeda municipal porque non cumpre os deberes facendo os orzamentos.

9.- Transferencia de crédito. O goberno municipal retira 23.000 euros da partida de obras (esa partida que podería facer que as ambulancias non tivesen problemas en chegar a domicilios, que o transporte público puidera traballar sen atrancos ou que os usuarios, veciños e veciñas, non estragasen os coches pasando por algúns lugares, moitos deles arranxados hai anos e que nestes derradeiros anos nin  mantemento se lles fixo), pois retiránse para a posíbel construción dunha PISTA de PADDEL nas inmediacións das piscinas, por certo fronte a outra que ten proxectada o casino (entidade privada).
Unha pista que por certo, poderia ser subvencionada polo GDR (Grupo de Desenvolvento Rural) como xa fixo no Concello de Monterroso… O rural morre, o pequeno comercio coa auga ao pescozo, a probreza disparada e Manuel Varela xongando ao Padel.

Por suposto votamos en contra.

CUESTIÓNS DE URXENCIA:

1.- Aprobouse por unanimidade unha declaración institucional en apoio a un proxecto de enerxías renovábeis e biocombustíbel no polígono industrial.
2.- Aprobouse por unanimidade a renegociación dos xuros do crédito para o pago a proveedores que vai pasar dun 4,2% a un 1,16-1,22%.
3.- Aprobouse por unanimidade unha moción do PSdeG-PSOE para o apoio ao Entroido Ribeirao como Festa de Interés Turístico.
4.- Deuse conta do estado dos orzamentos e dos decretos da alcaldía dos últimos meses.

ROGOS E PREGUNTAS.

O Grupo Nacionalista presentou as iniciativas que a viziñanza lle fixo chegar ao longo destes días.

Este era o derradeiro pleno da lexislatura.




Sem comentários:

Enviar um comentário