quarta-feira, 11 de junho de 2014

A era dos dereitos económicos

Jorge Pérez Árias.


Fai un tempo un novo carteiro chegou a Pantón para facer as vacacións dun dos carteiros titulares. Era verán e a calor abafaba polas ribeiras e outeiros do concello ao pouco de romper o día. A auga perdíase baixo a ponte de Frieiras e daba unha sensación de salvación cando un pasaba a pé sobre ela; daquela na galega aínda non falaban dos nosos veráns coma dos máis calorosos de Europa, pero érano xa. Daquela Pantón era aínda un concello cun censo máis elevado que o actual, os camiños comezaban xa a inzar de monte e os xabaríns a ser os amos absolutos das paraxes que antes foran territorio dominado polos labregos. Era unha batalla perdida contra o tempo, que despoboaba os núcleos rurais da contorna e á vez inzaba os vellos camiños das ribeiras, montes e outeiros dunha maleza para a que xa non había mans novas dispostas a rozalos.
O novo carteiro asumiu o reto de facer aquela substitución do verán; esas substitucións para as que nos apuntabamos moitos e que só uns poucos escollidos pola man de Deus acaban facendo. Ese é un dos grandes cismas da nosa terra, que abandona aos que nunca a abandonaron.
Haberá que pensar na odisea daquel mozo, creo que de Monforte e que nunca pisara o noso concello na vida, para dar ca metade das aldeíñas e parroquias que se perdían pola orografía salvaxe da  nosa ribeira. Imaxínoo en Frontón, por exemplo, unha das aldeas que pola súa entidade ben puideran considerarse vila noutros tempos e que chegou a ter tres cantinas e varios negocios. Alí as casiñas típicas xúntanse coas de nova construción ao longo dunha terra que mira á provincia de Ourense e ao concello de Sober.
Aquel rapaz provisto das correspondencias dos veciños de toda a vida foi a Acedre, tiña que levar varias cartas para algunha veciña maior que probablemente nunca do lugar saíra. Así que cando chegou e viu o nome da veciña (da que aínda hoxe non sei o nome) preguntou cal era a súa casa; a sorpresa foi maiúscula cando ningún veciño ao velo nome que aparecía na carta podía dicirlle cal era a casa na que a tiña que deixar. Tivo que ir unha por unha preguntando se aquela era a casa ou non. Ao atopala debeu descansar aliviado. A explicación para isto reside en que a carta era para a Maruja do e en Acedre hai cinco ou seis Marujas de/do.
Esta pequena historia, pode que ata aburrida para o lector que a estea a ler, a min explícame algo moi transcendente: o porque da brecha que se está a abrir neste país entre os que viven no urbano e os que viven no interior, nun entorno onde a modernidade chega con atraso e onde a necesidade non se cobre por que non entra nos criterios económicos da rendibilidade. Nalgúns casos tamén, moitos, nos da rendibilidade política. Os criterios da rendibilidade inzan no espectro ideolóxico galego de dereita a esquerda, se cadra máis na esquerda posto que abandona esa zona do país ao ver que é un caladoiro de votos da dereita. Mais a dereita tampouco se acorda de nós porque, a pesar de estarmos sobrerrepresentados na distribución de escanos das nosas provincias, sabe que onde se xoga o negocio económico da política e o político da política é no urbano.
Sucede porque non somos rendibles no rural, non somos cidadáns de dereito propiamente, senón que somos o Jorge do, O Pepe da ou a Maruja do. Os dereitos da nosa era naceron nun tempo, os do liberalismo, onde todo xiraba ao redor do homo economicus.Os dereitos de hoxe son dereitos non sociais senón económicos que só poden exercerse se tes capacidade económica para demandalos. O que deberan pór nas nosas tarxetas do censo electoral se algún día os políticos que nos piden o voto quixeran saber quen somos realmente é que somos a Maruja do ou o Pepe da. Polo menos ata o día en que os dereitos sexan non só económicos e tamén sociais.

Sem comentários:

Enviar um comentário