Mostrar mensagens com a etiqueta Diego Taboada Varela. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Diego Taboada Varela. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 12 de maio de 2015

Por Chantada : o agora é o mañá

Opinión de Diego Taboada Varela.



Un programa, por si mesmo, non fai milagres. Tampouco os fai a fe nin a medicina. Un programa propón solucións concretas a problemas concretos nun espazo e nun tempo concreto. Ese espazo xeográfico e administrativo é o concello de Chantada. E ese tempo é, aquí e agora.
Como tal, un programa precisa, non só de consentimento e respaldo civil, cidadán, senón tamén o compromiso activo e coordinado entre os candidatos e a sociedade civil que outorgou a súa confianza ao mesmo. E un programa precisa, tamén, unha execución eficaz, áxil e resolutiva; obter os resultados esperados xa é fariña doutra muiñada, pois require de arduos procesos de deliberación e debate colectivo, non tanto sobre o que facer, senón tamén, e sobre de todo, sobre o como.
Tendo isto en conta, a candidatura de unidade popular Por Chantada parte do mesmo punto de partida histórico do que parten todos os gobernos da historia contemporánea da comarca. É un starting point cuxo síntoma é unha grave carencia que non solucionaron os gobernos anteriores : a necesidade acuciante, urxentísima, de pensarnos e representarnos a nós mesmos como municipio cohesionado, inseridos como estamos nun proceso de globalización que abandona selectivamente aos pequenos núcleos de poboación en detrimento da concentración irracional de recursos humanos, económicos, sanitarios, científicos, técnicos e administrativos nas grandes cidades.
Precisamos, urxentemente, reflexionar e colaborar, mais non tanto nos horizontes programáticos coma nos aspectos resolutivos, non tanto nos que coma nos como, nas metodoloxías de traballo, no noso modo de relacionarnos coas asociacións de veciños e a sociedade civil. Só esta é a eiva que se lle pode, de momento, opor, á candidatura de Por Chantada. Non é, así pois, esta eiva, feito diferencial e particular da candidatura, senón pouso antropolóxico e político herdado da propia historia cultural e política da comarca.
A esixencia de execución do proxecto aprobado pola confederación hidrográfica do Asma no 2009; a esixencia dunha auditoría de recursos do concello para dótalo de transparencia e visibilidade informativa nas súas prácticas administrativas; a dinamización e promoción de actividades na biblioteca municipal, así como a urxente renovación e ampliación do seu catálogo de recursos audiovisuais e fondos bibliográficos; a recuperación da Feira do libro; a esixencia da cesión das vivendas de alugueiro do Cantón, hoxe en desuso e abandono; a potenciación do valor turístico e comercial do casco histórico; a importancia de potenciar o camiño de Santiago nos pregos promocionais do turismo comarcal; a revisión urxente da irracional sobrevaloración catastral do solo; o impulso da construción dun centro de día con máis capacidade humana, recursos materiais e persoal cualificado; a aprobación dun regulamento de participación veciñal; a posta en marcha dun consello económico e social con persoal cualificado e representación efectiva das asociacións de veciños - panca esencial para a dinamización comercial e industrial da comarca -; a esixencia dunha auditoría de contas do concello con investigacións xudiciais a posteriori; a elaboración de estratexias comerciais para promocionar o atractivo inversor do polígono dos Acivros; a racionalización e planificación do tráfego interno; o fomento do empadroamento a través de axudas de alugueiro, redución de impostos e taxas ás familias máis febles e aumento da oferta pública de prazas na escola infantil; o apoio decidido e recuperación da pequena explotación agraria familiar; o apoio ás comisions parroquiais de festas e ás súas actividades culturais en galego; a rebaixa do IBI ás familias con menos recursos económicos e patrimoniais; a creación dun xeriátrico público, así como dunha sede local da Escola oficial de Idiomas adscrita á escola de Monforte de Lemos; a creación dun espazo público de reunión para as asociacións de veciños e os movementos sociais; o impulso de plans de rehabilitación do patrimonio histórico-artístico da comarca; a recuperación da figura do alcalde pedáneo para axilizar e facilitar a relación entre veciños e concello; a urxentísima mitigación da pobreza infantil é absoluta na comarca – cómpre lembrar que Chantada e Monforte son os concellos con menos gasto social por habitante en toda a zona Sul de Lugo -; a planificación e revisión constante da rede de sumidoiros e, sobre todo, a urxente necesidade de axilizar o asesoramento coordinado entre concello e sindicatos no referente á tramitación administrativa de prestacións… non son outra cousa que necesidades e problemas concretos para un espazo concreto – Chantada - nun tempo concreto : agora.
Estas son, entre outras, as orientacións programáticas a medio-curto prazo que Por Chantada presenta aos veciños da comarca. O chamamento á participación, deliberación e reflexión resolutiva sobre como coordinar con eficacia tódolos recursos humanos, técnicos, financeiros e administrativos para a materialización das mesmas, non é va declaración de principios cara a galería, senón exhortación responsable á sociedade civil da comarca, á súa capacidade para auto-organizarse e coordinarse coma un cerebro e unhas mans colectivas, superando a nosa histórica eiva cultural e política de fraccionar o interese común no mero interese de familia.
Malos tempos estes nos que hai que seguir recordando o evidente, a saber : que calquera colectivo humano ten, nun tempo dado, o que tanto vellas coma novas xeracións deixaron arrebatarse pola preguiza e o conformismo.

quinta-feira, 1 de maio de 2014

Perante a dor dos demais

Diego Taboada Varela.

Capturar, deportar ou deixalos morrer no seu anguriante éxodo mediterráneo rumbo ao falso El dorado da Europa-fortaleza. No seu momento, a alta corte dos nosos eminentísimos eurodeputados contentábase con denominar a este proceso “políticas de inmigración”, e as castas políticas dos nosos estados-nación seguíanlles o xogo. Mais, as máscaras, así como as verdadeiras intencións dos seres humanos, sexa por acción ou omisión, por abuso de retórica ou silencio calculado, só poden ocultarse ata que os feitos converten ás representacións, verbais ou dramatúrxicas, en inaceptables falsidades. A día de hoxe, a casposa burocracia da nosa Euro-Otan xa é menos coidadosa coa linguaxe e non se morde a lingua á hora de falar, sen eufemismos, da necesidade dunha política de “control de fronteiras”.
Así pois, controlemos as fronteiras con muros e arame farpado, cunha crecente dotación orzamentaria en forzas de seguridade fronteiriza, e sigamos xogando, mentres tanto, ao humano, demasiado humano xogo da pataca quente, cuspíndonos reciprocamente as responsabilidades recíprocas da última carnicería humana que chegou flotando silenciosamente á illa Italiana de Lampedusa.
Pasan os días, e máis alá do xogo da pataca quente, máis alá de mediáticas e lacrimóxenos rituais de do, máis alá de patéticos funerais de estado, seguimos sen saber cales son as interpretacións e as propostas concretas para ter sequera un gramo de esperanza en que ese imperativo Popperiano de construír unha “sociedade aberta” foi, é ou será algo máis que unha inxenuidade moral que esixe o que as elites da “civilizatio neoliberal”, non só non están dispostas a conceder, senón que ademais afortalan a través da institucionalización e formalización legal de múltiples formas de violencia, exterminación física, deportación e construción de verdadeiros campos de concentración internos, denominados eufemisticamente centros de internamento para estranxeiros.
O silencio, a falta de imaxinación, de volición ética, de profundidade e esforzo interpretativo, da esquerda europea, contrasta anguriosamente cos seguintes feitos :
1 – Por primeira vez na súa historia dende a súa fundación en 1972, a extrema-dereita francesa lidera as pesquisas de intención de voto para as eleccións Europeas.
2 – Persiste o número de países nos que as extremas-dereitas nacionais conquiren representación parlamentaria e soben nas pesquisas de intención de voto.
3 – A principios de Outubro, o parlamento Húngaro, dominado con 2/3 de representación parlamentaria de FIDESZ, aproba unha lei que castiga a mendicidade con multas, cárcere e traballo comunitario, dando opción aos concellos para definir e delimitar xeograficamente que zonas poderán e que zonas non poderán habitar os mendigos, e incluso facendo extensible a lei mesma ás comunidades que habiten en Chabolas na periferia das cidades e vilas de Hungría.
4 – Persiste a descarnada e crúa violencia, material e simbólica, coa que algúns importantes alcaldes da socialdemocracia francesa definen e pretenden integrar á comunidade xitana de Francia, aludindo á súa intrínseca incapacidade para encaixar nun suposto modelo de integración Francés que xa hai anos resultou un estrepitoso fracaso, e facendo énfase, ademais, na súa natural incapacidade para entender os sacrosantos valores democráticos e republicanos do Estado Francés.
Atrévome a concluír que esta esquizofrénica dinámica de control dos fluxos de inmigración extra-comunitaria persistirá con unha non menos dinámica de control dos fluxos de inmigración intra-comunitaria, no que se refire ao que neste artigo chamarei a “Condición nómade” dos suxeitos que deciden abandonar o seu país de orixe ou, sinxelamente, atópanse nun perpetuo non-lugar, fuxindo dos bandazos de fracasadas políticas de suposta integración de minorías étnicas. Ademais, no que se refire ao que neste artigo chamarei a “condición sedentaria” dos suxeitos que procuran arraizar no seu país, sexa ou non de orixe, tamén persistirá a anguriante dinámica de control demográfico e exclusión social; a reproducción planetaria, global, da “civilizatio neoliberal”, non pode darse sen, ao mesmo tempo, a cristalización dun sistema penal e carcerario que persegue, controla e disciplina aos propios despoxos que xera o seu selectivo mercado laboral.
Lampedusa non é un acontecemento illado que se mereceu un inusual protagonismo mediático debido á súa excepcional crueldade. Lampedusa é a macabra cotidianeidade, o día a día que se respira nas fronteiras da Europa fortaleza. Esta Europa rancia, sosa e casposa que vai converténdose nun infumable verxel de xenófobo e racista populismo patriarcal e que, inxenuamente, algúns crían superado despois da segunda guerra mundial e os milagrosos pactos Keynesianos que conviviron, cómpre recordalo, cunha volta ao reafortalamento e refinanciación público-privada do conglomerado industrial-militar e penal-carcerario.
Lampedusa é unha das múltiples consecuencias. A gobernanza ultraliberal a escala planetaria é a causa. ¿ Ou é que acaso xa ninguén se acorda de que as leis Italianas contra a Inmigración clandestina que agora alarman á clase política Europea son a continuación do que o consello Europeo aprobou no ano 2002 a instancias de Francia ?. ¿ Ou é que acaso xa ninguén recorda que esa directiva aprobada no consello Europeo permitía aos estados membros da UE sancionar a quen ousase asistir aos inmigrantes que chegasen ás nosas fronteiras en situación de ilegalidade ?. ¿ Ou é que acaso xa ninguén se acorda da chamada directiva Bolkestein que se aprobou no ano 2006 para permitir aos estados membros da UE a xestión do retorno e deportación de inmigrantes sen papeis ?.
A política de control de fronteiras, antes, como agora, sigue estando en marcha. Esta semana, o parlamento Europeo deu o visto bo a EUROSUR, unha máis que probable obra de enxeñería institucional cuxa intención será, textualmente, “coordinar a vixilancia de tódalas fronteiras exteriores á UE”, así como dispor de información Just in time para que as autoridades dos estados membros reforcen aínda máis o seu control fronteirizo coordinándose máis eficazmente coas forzas de seguridade fronteiriza.
Nada, absolutamente nada, poderán facer estes inventos de enxeñería institucional e xurídico-militar para impedir a vía libre, no país de orixe, das redes mafiosas organizadas que poñen prezo ao soño dos inmigrantes por chegar ao El dorado da Europa occidental. Nada, absolutamente nada poderán facer, a non ser cargar coa clásica dupla moral que esixe, ao mesmo tempo, un estado feble para a apertura de fronteiras e o libre tránsito de empresas, mercadorías, información e capital financeiro-especulativo… e un estado forte para impor baixas taxas arancelarias e afortalar o control militar e xeo-estratéxico a un libre tránsito de persoas que non existe. Esta, lamentablemente, é unha dinámica que se reproduce, non só ad-extra, senón tamén ad-intra, na nosa Europa-fortaleza, en cuxo ámbito xeográfico reprodúcense progresivamente máis e máis arquipélagos localizados de exclusión e pobreza extrema, e en cuxo ámbito existe un claro control selectivo dos fluxos de inmigración internos.
Non nos sentimos Italianos”. Isto, textualmente, din moitos cidadáns de Lampedusa, que saben diferenciar moi ben o principio de solidariedade, axuda mutua e empatía ante a dor allea dos protocolos oficiais dun Estado, o italiano, que perciben moi, moi afastado. Tan distante como afastadas, moi lonxincuas, parécenlles as bágoas de crocodilo e os rituais mediáticos dos nosos eurocéntricos, euroracistas e europapanatas parlamentarios.
Cando os discursos nacionais que apelan á unidade - ben fundamentándose retrospectivamente en principios fundacionais, ollando cara o pasado, ben fundamentándose proxectivamente en principios re-fundadores, ollando cara o futuro - deveñen en relixións secularizadas que constrúen falsos universalismos, partindo dun universo cultural atrincheirado e distanciado perante a dor dos demais. Cando deveñen na sacralización da razón de estado por riba de calquera consideración ética, ou cando se mesturan ámbalas dúas cousas para fuxir da perplexidade que causa a contemplación da crúa e núa realidade, o único que nos queda é partir da base de que toda solidariedade nacional non é máis – nin menos – que un efecto chamada para que a sociedade civil que quere defenderse dos abusos de poder e da mentira e recuperar a autonomía sobre as súas propias vidas.
Recentemente, Hamid Dabashi, recordando a Edward Said no décimo aniversario do seu finamento, deixounolo claro :
  • Despois de Said acabáronse os intelectuais foráneos, non nacionais, non-internacionais, do primeiro, do segundo ou do terceiro mundo. O campo de batalla das ideas é específico e global ao mesmo tempo. Non podes librar ningunha batalla a nivel local sen que quede rexistrada globalmente. Se non es global, non es local. E se non es local, non es global. Os intelectuais máis aburridos son aqueles que pensan que USA, IRÁN, INDIA ou o polo norte son o centro do universo. Mais o universo non ten centro, nin periferia. Todos andamos flotando. Said era moi específico sobre Palestina e polo tanto fixo do predicamento palestino unha alegoría metafísica, e basouna na agonía física e o heroísmo do seu pobo. Carece de sentido falar de intelectuais en exilio despois de Said, precisamente porque el teorizou exhaustivamente a categoría na súa época. Non hai unha patria da que se poida estar exiliado. O capital e o Imperio que desexa mais non logra o micro-control está en todas partes. Non hai saída dese mundo, e patria ou exilio son ilusións desmanteladas polo capital e a condición do Imperio. A nova organicidade intelectual que Said fixo posible require que te arremangues as mangas da camisola, que te ensucies, para que en medio do caos poidas atopar luz na escuridade. Esperanza na desesperanza”.
O mar de Lampedusa, o Mediterráneo, é, así pois, parte dese todo que é o Imperio neoliberal de ultramar. E o Imperio ultraliberal seguirá producindo centos de miles de arquipélagos de miseria como Lampedusa, quer por terra, quer por mar. Quer fóra, quer dentro de Europa.
Ante a dor dos demais, parafraseando o título dun ensaio de Susan Sontag, xa non ten ningún sentido poñerse a observar con microscopio se a materia humana dos nosos doe máis ou menos que a dos outros.
Chantada, a 15 de Outubro de 2013.


A historia das cousas

Diego Taboada Varela é um sociólogo chantadino e colaborador em numerosos jornais e portais digitais .

É un libro que aínda está por escribir : A historia das cousas. Ensínannos antes, moito antes, a poñer nomes ás cousas que a esculcar de onde saen, como nos relacionamos e que facemos con elas. Se comezásemos pola historia das cousas, probablemente teríamos unha noción máis clara de cal é o nome que debería acaerlles. Non lle chamariamos amor ao convencionalismo de soportar a unha parella para pagar unha hipoteca. Non lle chamariamos liberdade á posibilidade de escoller entre opcións que non nos preguntan que queremos escoller e, en resumo, non lle chamariamos moitos nomes a moitas cousas que non as merecen.
Lembro perfectamente que sentía de meniño cando visitaba a segunda casa natal da miña nai. A primeira foi A Cova, unha aldea do concello de O Saviñao, feita de 5 casouchas de pedra e 10 vaquiñas que andaban por alí soltas, ao carón do río Miño. Mais a segunda é preto do concello de Carballedo, na parroquia de Santa Mariña do Castro, dende onde se pode albiscar o cumio e as faldras do Monte Faro. En fin, que lembro que o que sentía era unha absoluta indiferenza, coma se ese mundo non representase nada para min, coma se fose alleo, totalmente alleo. Porén, a miña nai non podía desvincularse emocionalmente, nin da súa casa natal de A Cova, nin da súa casa natal de Freán, que así se chamaba, e así sigue chamándose, a casa natal do meu avó.
Foi o paso do tempo o que me fixo consciente de que esa indiferenza vital que me causaban as raíces da miña nai, despois da diáspora a Suíza, foi trocando en preocupación e anguria cando trataba de re – encontrar o meu lugar no mundo. Por unha banda, ao meu pai todo o que tivese que ver con galeguismo cultural ou político, importáballe ben pouco – bastante tiñamos, e temos, con sobrevivir día a día -, porque o galeguismo que eu procuraba era máis culto e académico que popular; e por outra banda, aos 20 anos e pico, cando descubrín a lectura para fuxir dunha adolescencia macarra tecida a base de alcohol, drogas e demais rituais dionisíacos nocturnos de fin de semana, comecei a caer na conta de que non tiña palabras para poder narrar o que os meus propios sentidos percibían. Sen lingua, só podía ser como corpo, mais non podía ser como memoria persoal.. e nin sequera podía transcender a caixa do propio eu ao escribir literatura ou relacionarme cos demais. Sen lingua, sinxelamente, non podía apropiarme do entorno, das cousas e da memoria colectiva, que é o que configura o eu social, por así dicilo, de cada persoa.
Os mapas afectivos que imos tecendo ao longo da nosa vida persoal son complexos, moi complexos, e non obedecen a outro tipo de lóxica que a dos afectos persoais e familiares e a profunda necesidade que temos do entorno para arraigarnos nel e auto-abastecernos economicamente. Resúltame estarrecedor ese tipo de marxismo que non ten en conta a singularidade cultural dos pobos – ou sexa, das persoas de carne e oso -, ese marxismo ao que non lle importa coñecer a historia social das clases subalternas, a súa mentalidade colectiva, os mundos, reais e ficcionados, que dan sentido ás súas vidas : campesiños, zoqueiros, mariñeiros, artesáns, teceláns, camareiros, putas … etc, todos teñen algo que dicir de quen somos e de todos temos moito que escoitar e recoller. Fuxo, coma o demo fuxe de Deus, cada vez que se trata de converter o marxismo, como tradición filosófica e ciencia social, nunha especie de narrativa total na que os suxeitos e as persoas son representadas só como abstraccións sen singularidades e condicionamentos lingüísticos, xeográficos, culturais, de xénero, clase, socio – económicos … etc, mais tamén fuxo dese marxismo – e deses marxistas – que valoran a literatura, a poesía, a música, a fotografía ou o teatro só coma un instrumento – sic - de interpretación da realidade ou coma un instrumento – de novo, a mesma palabra – para crear conciencia de clase.
Crear conciencia de clase? Ok, perfecto, mais como facer iso cando o que esta civilizatio promove é a suspensión das conciencias? Ou dito doutro modo, ademais da conciencia de clase non precisaremos, antes de nada, ir mostrando a modiño que aínda nos queda clase algunha de conciencia?
O marxismo foi – e é – un estimulante cultural e unha perspectiva cada vez máis necesaria para entender o mundo secular, mais négome a vivir fechado e enclaustrado sempre na mesma caixa. Preciso entender a obra en si mesma, desfrutala en si mesma, gozar dela sen enmarcala nunha caixa de ferramentas. Canto máis me obrigan a permanecer nun lugar, físico ou mental, por obriga, máis necesidade sinto de fuxir del; e isto, precisamente isto, no plano estético, é o que me acontece, no plano político, coa cuestión nacional e coa cuestión social en Galicia; ámbalas dúas van da man; reivindicar o dereito á libre-determinación dos pobos periféricos dende abaixo cara arriba, sen delegacións institucionais verticais previas e sen condicionamentos mediáticos e políticos subliminalmente impostos, para min é o máis noble, honesto e realmente democrático ao que pode aspirar calquera pobo, mais para representar publicamente ese escenario e para crealo teñen que existir, cuantitativa e cualitativamente, moitos suxeitos con calidade crítica e vontade política concreta : suxeitos soberanos. Soberanos coa e dende a comunidade. Soberanos por, de e para so mesmos. Soberanos por, de e para construír un imaxinario colectivo radicalmente diferente, onde a comunidade cultural debe asumirse como mestiza e a comunidade política debe recoñecer e integrar normativamente esa interculturalidade dentro dos fundamentos éticos dun novo proceso constituínte – destituínte.
Entender as cousas e ás persoas sen cousificalas, é o xermolo dun novo humanismo, e polo tanto, dunha nova crítica – e práctica – democrática. Por iso, sermos soberanos, implica, tamén, reflexionar para que, como e en que eido queremos selo. Implica, tamén, caer na conta de que nin a natureza, nin as persoas, poden ser consideradas como meros instrumentos ou cousas ao servizo do economicismo hiper-rentabilizador da ciencia económica máis ortodoxa. Implica, en definitiva, ter capacidade para decidir sobre que cousas queremos proxectarnos e desenvolver libremente as nosas capacidades humanas… sen cousificalas.
Non sei agora, mais, no seu tempo, a este tipo de soberanía chamábaselle chegar-a-ser-humano. Claro que, para isto, quizais cumpriría esforzarse máis en entender as cousas, para atoparlles os nomes – e os usos – acaidos.