Mostrar mensagens com a etiqueta agro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta agro. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 30 de março de 2015

Como vas mercar leite ao prezo da auga?

O sector lácteo galego vese arrastrado a unha "modernización" que, como todo na agroindustria, é perigosa tanto para o consumidor canto para o medio ambiente. Co ánimo de favorecer a difusión da problemática dos nosos gandeiros, vítimas da agroindustria en varios frentes, traducimos este artigo baseado nunha entrevista a unha gandeira de Chantada (accede ao orixinal publicado en Cooliflower premendo aquí). A voz do agro defende a soberania alimentar como un piar esencial de calquera sociedade.

Cooliflower leche

A industria láctea no Estado español non é allea á corrupción reinante. Competencia multou ás grandes distribuidoras de leite por pactar prezos, unha sanción ridícula se nos atemos ao beneficio obtido. Non contentes con esta orellada, o xa coñecido como Cártel do leite, recorreu a multa. 

Por encanto, os gandeiros loitan por sobrevivir.

A moitos quilómetros dos gabinetes que dirimen o dereito a chegar a fin de mes econtrase Conchita, gandeira desde fai tres décadas. Vive en Chantada, onde conta a lenda que unha mulller se sentou sobre unha pena e dixo: "Ala, aí vos queda, chantada no chan". Conchita, talvez por tradición, tamén está comezando a chantarse, aínda que a súa roca sexa metafórica: Se segue o modelo actual, será imposíbel vivir disto. É moi frustrante traballar de oito da mañá a doce da noite, e por veces por debaixo do custe de produción". Á mafia dos prezos, únselle un ronsel de trabas, desde querer impor un imposto aos prozos privados ("gastas o que non tes en excavar e quérenche cobrar pola túa propia auga, cando unha vaca consome cen litros ao día"), até a nova política de catastro galega, fonte de numerosas queixas: "É vergoñento. Agora quérennos incluir até os metros cadrados dun alpendre para as pitas".

O seu pai comezou o negocio familiar: "Naquela época tiñan un número de vacas baixo, por volta de oito ou nove. A leite tirabase á man. A alimentación era a base de forraxes, pastoreo e moi pouco penso". Agora, para ser competitivo no mercado, hai que medrar. E así o fixo ela, como outros moitos gandeiros, mais mantendo o pastoreo tradicional, moito máis respetuoso co animal.

Conchita explica os seus esforzos por sacar co seu marido o negocio adiante, que a fin de contas é a súa vida: "Todos os gandeiros estarán comigo en que este é un traballo escravo porque non se descansa. Non hai un día en que os animais che digan "hoxe non traballes". Sempre é día laborábel. Cando levas moitos anos, sabes que o fas porque che presta coidar os animais, senón desesperarías. Hai unha parte económica, e outra vocacional".

Da vocación da fe Rula, Sixta, Pinta... as súas cincuentas cabezas, todas con nome propio e personalidade definida, porque "explotación ganadera" é un termo que lle disgusta. "Non queremos explotar, ao aumentar o número de gando ampliamos as instalacións para a comodidade do animal e mellorado o método para muxir, que hoxe en día non é manual. Intentamos manter a alimentación, para obter a mesma calidade do antaño. As vacas non fican fechadas, saen a pastorear, fan exercicio, vén o sol... teñen un metabolismo sano". Se o número de animais medrara demasiado, faríase imposíbel o pastoreo, algo ao que Conchita se nega; as reses deben disfrutar de ar e bos coidados. "O aposto ao método tradicional son as grandes explotacións estabuladas, onde os animais non ven a luz do sol. Esta, desgraciadamente, é a única saída que se está deixando aos gandeiros para competir cos prezos que marca a industria".

Os gandeiros, tras anos invirtindo para adaptarse a Europa e pagar por obter máis produción (o que levou a algúns deles a botar o fecho), encontráronse cunha sorpresa da administración: este ano suprímense as cotas, non se sabe que pasará despois de toda a inversión realizada. Posibelmente, sexa unha vía libre para montar gandeirias onde haxa "un robot se encargue de muxir cada vez que a vaca coma penso. Sobreexploratarase aos animais acurtándolles a vida". Embrutecer o proceso, e mermar a calidade carece de importancia para os distribuidores, xa que o que se vende nos supermercados é "a media. Págasenos igual a nós que a empresas con estes métodos de traballo. A única variación é a posibilidade de incrementar por calidade uns céntimos sobre o prezo base. No Estado español o leite está sometido a rigorosos controis de calidade diaria in situ, para ver que é apta para o consumo e aparte, a final de mes recibes unha carta coas túas porcentaxes de graxa, nutrintes... aí estabelece-se a diferença entre a máxima nota, (AAA+), que é a das nosas vacas, e a doutros gandeiros. É irrisorio, porque se unha persoa ten moita máis reses, obtén máis beneficio sen ter en conta calidade, nin trato ao animal. E todo o leite mestúrase. As deficiencias dun, compénsaas o outro".

As pequenas cooperativas poderían ser a solución para os gandeiros, mais cando medran comezan a centrarse no beneficio puro, e esquécense das súas orixes. Compran terreos, cultivos, empresas de penso, outras cooperativas... Convértense nun xigante máis. "O problema dos produtores son as distribuidoras, as marcas dominantes. Crean convenios entre elas, e logo sobreexplótante... Todos, incluso Central Luchera Asturiana vén aquí, a Galiza, a por leite". Véndese sen marca propia, sen especificar cal é o produto local.

O poder das grandes empresas de distribución fagocita o gandeiro. A enorme diferenza de prezo entre o produto orixinal e de venda ao público é un inmenso negocio. En agricultrua, por exemplo, unha leiturga pagada a 10 céntimos véndese nos supermercados a máis dun 800% do prezo orixinal. Conchita explica que "todo o beneficio estáse trasladando a persoas que son simples intermediarios entre o produtor e o consumidor. Só hai que ir a un mercado dunha vila onde podes comprar do propio agricultor e conseguirás un prezo moi bo, unha calidade extraordinaria e ese home sacará adiante a súa pequena horta. Hoxe en día a materia prima, a fonte de alimentación e a saúde, están suxeitas ao prezo do distribuidor".

Sobre o leite, un mercado que Conchita coñece á perfección, ela matiza como "o prezo baixo é un gancho para captar ao cliente ao estabelecimento e que cómpre outros produtos. E dálles igual se producimos por debaixo dos prezos de custe". Con respeto ás últimas novas do "cártel" leiteiro e o seu acordo de prezos Conchita é rotunda: "Hoxe en día faise tamén nas enerxéticas, nos transportes... en todos os monopolios. Que importa que lles pidan millóns de euros, se con todo o que me roubaron a min, e a todo o sector gandeiro, triplicaron, ou cuadriplicaron os seus beneficios durante o período que baixan os prezos? ¿Que importa que os multen con catro, se eles gañan cen máis?".

Por este camiño pérdense os produtos locais. E preguntámonos que ocorre coas importacións, o leite importado é igual que o nacional? "Eu faría unha pregunta ás persoas que mercan un litro de leite francesa moito máis barata que a que se vende aquí: Como é posíbel que un litro de leite traído doutro país, cos custes de importación, custe menos que un litro nacional? Non pode ser que descubriran a panacea. Non pode ser que as vacas francesas produzan tanto leite a prezos ridículos. As vacas son as mesmas, mais tamén explotan os gandeiros. Unha das diferenzas é que aquí dispomos duns controis de calidade moito máis rigorosos que en Francia. E é doado consultalo. Os controis de sanidade en España son moi bos, en troques non se pode asegurar 100% que o leite importado conteña, por exemplo, algún tipo de antibiótico".

Nós temos a resposta. Conchita conclúe con esta interesante reflexión: "Fomos a moitas manifestacións, loitamos... despois súbenche o leite uns céntimos nos meses menos produtivos e vole a mesma dinámica. É difícil loita nun sector que ten acordos internos. Quen pode mudar iso? O consumidor. Esas baixadas de prezo fanse para captar xente. Se o lector, despois de ver este artigo pensa: "como vas mercar un litro de leite ao prezo da auga?  Iníciase unha mudanza. E como vou vender un litro de leite ao prezo da auga? O consumidor pode iniciar unha revolución elixindo bo leite, con nutrintes e bo sabor... Sería bo que as grandes compañías tiveses unha liña de produto para unh nicho de mercado que reclame leite máis natural, sen que se manipule, desgrase... Leite bo de vaca, de pastoreo, de vaca que non está encerrada, á que lle respetan os rempos de repouso para descansar e para ter xatos".

Podería facerse? Si, mais só se o consumidor o demanda, se decide pagar vinte céntimos maís por un ben de primeira necesidade que consumen eles, os seus fillos, os seus pais... Xamais se tería que permitir calar un sector, neste caso o gandeiro, con subvencións.

A xente quere un prezo xusto polo seu traballo, e non se os explotados dos explotadores. Non se trata de acabar con outras liñas de produción, mais si de valorar os que damos aos animais unha mellor vida. Non queremos esmola! Non queremos axudas que se poden destinar a situacións críticas, a persoas que de verdade o necesitan porque nós xa temos como gañar a vida, e así é como queremos gañala".

Conchita debullou a historia do leite bo e do leite malo. O leite bo de produtores como ela, e o malo do sistema. É a historia dos que se prantam perante un mercado inhumano, un mercado protexido polos que menosprezan a quen respeta a terra en que medrou.

quarta-feira, 11 de junho de 2014

A era dos dereitos económicos

Jorge Pérez Árias.


Fai un tempo un novo carteiro chegou a Pantón para facer as vacacións dun dos carteiros titulares. Era verán e a calor abafaba polas ribeiras e outeiros do concello ao pouco de romper o día. A auga perdíase baixo a ponte de Frieiras e daba unha sensación de salvación cando un pasaba a pé sobre ela; daquela na galega aínda non falaban dos nosos veráns coma dos máis calorosos de Europa, pero érano xa. Daquela Pantón era aínda un concello cun censo máis elevado que o actual, os camiños comezaban xa a inzar de monte e os xabaríns a ser os amos absolutos das paraxes que antes foran territorio dominado polos labregos. Era unha batalla perdida contra o tempo, que despoboaba os núcleos rurais da contorna e á vez inzaba os vellos camiños das ribeiras, montes e outeiros dunha maleza para a que xa non había mans novas dispostas a rozalos.
O novo carteiro asumiu o reto de facer aquela substitución do verán; esas substitucións para as que nos apuntabamos moitos e que só uns poucos escollidos pola man de Deus acaban facendo. Ese é un dos grandes cismas da nosa terra, que abandona aos que nunca a abandonaron.
Haberá que pensar na odisea daquel mozo, creo que de Monforte e que nunca pisara o noso concello na vida, para dar ca metade das aldeíñas e parroquias que se perdían pola orografía salvaxe da  nosa ribeira. Imaxínoo en Frontón, por exemplo, unha das aldeas que pola súa entidade ben puideran considerarse vila noutros tempos e que chegou a ter tres cantinas e varios negocios. Alí as casiñas típicas xúntanse coas de nova construción ao longo dunha terra que mira á provincia de Ourense e ao concello de Sober.
Aquel rapaz provisto das correspondencias dos veciños de toda a vida foi a Acedre, tiña que levar varias cartas para algunha veciña maior que probablemente nunca do lugar saíra. Así que cando chegou e viu o nome da veciña (da que aínda hoxe non sei o nome) preguntou cal era a súa casa; a sorpresa foi maiúscula cando ningún veciño ao velo nome que aparecía na carta podía dicirlle cal era a casa na que a tiña que deixar. Tivo que ir unha por unha preguntando se aquela era a casa ou non. Ao atopala debeu descansar aliviado. A explicación para isto reside en que a carta era para a Maruja do e en Acedre hai cinco ou seis Marujas de/do.
Esta pequena historia, pode que ata aburrida para o lector que a estea a ler, a min explícame algo moi transcendente: o porque da brecha que se está a abrir neste país entre os que viven no urbano e os que viven no interior, nun entorno onde a modernidade chega con atraso e onde a necesidade non se cobre por que non entra nos criterios económicos da rendibilidade. Nalgúns casos tamén, moitos, nos da rendibilidade política. Os criterios da rendibilidade inzan no espectro ideolóxico galego de dereita a esquerda, se cadra máis na esquerda posto que abandona esa zona do país ao ver que é un caladoiro de votos da dereita. Mais a dereita tampouco se acorda de nós porque, a pesar de estarmos sobrerrepresentados na distribución de escanos das nosas provincias, sabe que onde se xoga o negocio económico da política e o político da política é no urbano.
Sucede porque non somos rendibles no rural, non somos cidadáns de dereito propiamente, senón que somos o Jorge do, O Pepe da ou a Maruja do. Os dereitos da nosa era naceron nun tempo, os do liberalismo, onde todo xiraba ao redor do homo economicus.Os dereitos de hoxe son dereitos non sociais senón económicos que só poden exercerse se tes capacidade económica para demandalos. O que deberan pór nas nosas tarxetas do censo electoral se algún día os políticos que nos piden o voto quixeran saber quen somos realmente é que somos a Maruja do ou o Pepe da. Polo menos ata o día en que os dereitos sexan non só económicos e tamén sociais.