Mostrar mensagens com a etiqueta Iniciativa por Chantada. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Iniciativa por Chantada. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 14 de abril de 2015

Iniciativa por Chantada celebra primarias este 18 de abril



O 18 de abril, sábado, Iniciativa por Chantada celebra  primarias, abertas a todas as persoas que así o desexen até o día 16 ás 24 horas. 



Estas primarias polas que a plataforma xa apostara desde o comezo foron definidas na última asemblea do día 10 de abril e a candidatura formalizarase como Agrupación de electores, para o que a plataforma solicita sinaturas da viciñanza, até xuntar as sinaturas que demanda a lei electoral. Ao tempo anima a participar nas primarias e a candidatarse. 

Haberá dúas modalidades para candidatarse. Unha destinada a aquelas persoas que desexan formar parte da lista, mais non no tramo superior da lista (xa que non queren ou poden participar como concelleiros); e outra para as persoas que desexan candidarse e participar da vida institucional do concello a tempo completo, entre estas tamén a persoa que encabezará a listaxe (a día 14 aínda non se oficializou ningunha candidatura).

Por último, o xermolo de candidatura de unidade popular tamén traballa nas proposas programáticas, que proximamente porán a dispor da cidadanía por medio das redes sociais, segundo comunican no seu Facebook. Neste sentido, lembramos que desde A Voz do Agro elaboramos 153 propostas para a actuación municipal desde a esquerda en Chantada e que foron remitidas a Iniciativa por Chantada en tempo e forma.

Para canditarse ou participar creouse o enderezo electrónico iniciativaporchantada@gmail.com ao que podedes enviar as vosas propostas, candidatura ou sinatura con copia do DI para apoiar a creación da agrupación de electores.



domingo, 5 de abril de 2015

Iniciativa por Chantada convoca unha asemblea aberta o vindeiro 10 de abril






RIBEIRAS_DE_s

 O Grupo de Traballo Aberto da plataforma cidadá Iniciativa por Chantada vén de anunciar na súa páxina web que convoca para o venres día 10 ás 9 da tarde na Casa da Música unha asemblea aberta.


Por súa vez, o Grupo de Traballo Aberto foi creado para recoller as achegas ao programa e propor o método de toma de decisións onde, até o nome da candidatura, será elexido pola veciñanza que así o desexe.

A asemblea aberta contará coa seguinte orde do día:

1. Elección da mesa da asemblea.

2. Aprobación provisoria do borrador de programa e código ético coa incorporación das achegas que se presenten na propia asemblea.

3. Aprobación do regulamento para a aprobación definitiva do programa e a elección de candidatas e candidatos á alcaldía e os restantes integrantes da candidatura.

4. Elección da comisión organizadora das primarias abertas. Á esta comisión poderá incorporarse como interventor/a calquera persoa que se inscriba en Iniciativa por Chantada.

Tamén se acordou alentar a inscrición de participantes en Iniciativa por Chantada facilitando follas de inscrición e máis habilitando a inscrición temática abrindo o blog https://iniciativaporchantada.wordpress.com/ (aquí)

Por último, acordouse distribuír entre as veciñas e veciños o borrador de programa electoral a partires do martes día sete. As propostas que veciñas e veciños de Chantada queiran achegar poden facelo enviándoas ao correo electrónico iniciativaporchantada@gmail.com ou a través de calquera persoa das que participan en Iniciativa por Chantada.


quarta-feira, 1 de abril de 2015

Que actores teremos nas municipais?


A disolución da mesa electoral de Chantada Aberta conduce a unha relativa simplificación do cenario electoral, se ben falta por coñecer que postura adoptará a asemblea desta plataforma apadriñada por Podemos Chantada: se integrarse en Iniciativa por Chantada ou desligarse completamente do proceso municipal após o fracaso desta plataforma, que se creou a posteriori de Iniciativa por Chantada e coa que non concordaban en "cuestións de método".

Tamén será esa asemblea, pendente de celebrarse, a que deberá realizar a autocrítica do proceso. Autocrítica e decisións que en boa medida se perfilarán na asemblea que o círculo de Podemos Chantada vai celebrar hoxe, 1 de abril, ás 20 horas.

 

Que actores teremos nas municipais?

Hai outras formacións que é moito máis provábel que si concorran nestes comicios:

Independentes Terras do Asma (INTA). Manuel Lorenzo Varela aspira á renovar como alcalde a pesar de desenvolver unha das máis desastrosas xestións á frente do concello que se recordan. Paradoxalmente, parte cunhas perspectivas inmellorábeis e mesmo podería atinxir a maioría absoluta, que dependerán principalmente de seguir tendo un caladoiro de votos nos apoios actuais do PSOE e en frear a previsíbel subida do PP con Javier Vázquez Medela como alcaldábel.

 Iniciativa por Chantada. Nesta iniciativa cidadá intégranse os tres concelleiros (Piñeiro, Olga e Xesús Mazaira) que en 2011 atinxiron acta polo BNG. É a versión local das mareas cidadás que proliferan pola xeografía galega e ten feito chamamentos a Podemos e a BNG para confluir. De momento, conta co apoio de militantes do BNG, de Esquerda Unida, de Anova, Cerna e un contixente de independentes de diversa procedencia. No cenario actual, pode supor unha oportunidade para construir un espazo de unidade popular e un movemento que xere perspectivas de mudanzas, tamén electorais, no país do Faro.

BNG. Se nas anteriores municipais era a segunda forza, por diante do PP e con tres concelleiros, as escisións e a crise e convulsións do campo nacionalista deixaron a esta formación nun delicado cenario en que contan cun volume moi escaso de militancia. Con todo, André Sánchez Labandeira traballa na reconstrución da estrutura local e negouse a confluir con Iniciativa por Chantada até o de agora. Segundo a nosa sondaxe ficaría moi lonxe de atinxir concelleiro. Se un dos peores resultados do BNG se dera cando Ildefonso Piñeiro se estrenou como concelleiro (613 votos), no momento actual o BNG contaría coa metade deses apoios e, xa que logo, non atinxiría representante (aínda que eses restos poden darlle un concelleiro máis a INTA ou en caso de confluencia á iniciativa cidadá Chantada Aberta).

PP. Javier Rodríguez Medela leva xa tres anos como presidente do PP local, após unha operación con Susana López Abella á frente en que se apartou ao anterior candidato Reinoso. Aínda que boa parte da cidadanía e incluso da imprensa fala dun contexto moi desfavorábel para o PP achamos que o teito inferior desta formación na vila do Asma se atinxiu fai 4 anos cun candidato totalmente descoñecido e que poden manter e mesmo aumentar os tres representantes actuais. Iso si, no caso de que a abstención perxudique a este partico da dereita podería perder un concelleiro, xa que nos anteriores comicios obtiveron o terceiro representante como o 13º da corporación.

PSOE. A formación local aínda non oficializou o seu cabeza de lista, aínda que previsibelmente será Raquel, xa que actuou como cabeza visíbel da formación durante a última lexislatura. As perspectivas electorais semellan devolver ao PSOE ao lugar minoritario que tradicionalmente ocupou na vila do Asma até a chegada de Manuel Anxo Taboada, que foi alcalde por esta formación durante 4 anos en coalición co BNG.




terça-feira, 31 de março de 2015

Primeiros resultados da sondaxe sobre as municipais de maio



Desde A Voz do Agro lanzamos un inquérito que é experimental. Loxicamente, a validez do inquérito é moi pequena, tanto polo volume de participación, canto polo perfil desa participación (persoas con acceso a Internet e na maior parte de esquerdas e/ou nacionalistas). Contodo, tentamos animar a participar aos nosos lectores mediante a publicación períodica de estimacións e resultados e ver até que ponto este inquérito se adapta ao que finalmente aconteza nas eleccións para mellorar en sucesivos inquéritos a nosa análise.
Dados do inquérito:
Data para participar: até o 17 de maio de 2015.
Participantes (31/03/2015): 33
Ligazón para participar: 

1.- Intención directa de voto municipais 2015 en Chantada

2.-  Recordo de voto  (municipais 2011)



3.- Valoración goberno e oposición

Goberno: 2'5
Oposición: 5'4

4.- Valoración candidatos

Ildefonso Piñeiro (Iniciativa por Chantada): 5,3
Manuel Lorenzo Varela (INTA): 2,2
Raquel López (PSOE): 1,6
Javier Rodríguez Medela (PP): 0'9

5.- Aspectos máis valorados nas municipais
A persoa (+23)
Participación cidadá (+11)
Experiencia de goberno (+9)
Programa e/ou ideoloxía (+7)
Unidade na esquerda (-3)
Candidaturas independentes (-11)

6.- Ubicación ideolóxica dos participantes

Extrema esquerda: 8
Esquerda:7
Centro: 12
Direita: 4
Extrema direita: 2



7.- Estimación concelleiros por partido municipais 2015 (maioria absoluta: 7 concelleiros; total concelleiros: 13)

Con 6 candidaturas:
INTA  (40% aprox.) 5-7 concelleiros
Iniciativa por Chantada  (13% aprox.) 1-2 concelleiros
PP (20% aprox.) 3-4 concelleiros
PSOE (15% aprox.) 1-2 concelleiros
Chantada aberta  (6% aprox.) 0 concelleiros
BNG 0 concelleiros(6% aprox.) 0 concelleiros

Con 4 candidaturas:
INTA (40%) 4-5 concelleiros
Iniciativa por Chantada (30%) 4-5 concelleiros
PP (20%) 3-4 concelleiros
PSOE (10%) 0-1 concelleiro

8.- Estimación voto Estatais 2015

PP  40%
Podemos 16%
PSOE 15%
Ciudadanos 10%
BNG 10%
Outros: 7%



segunda-feira, 30 de março de 2015

A mesa electoral de Chantada aberta suspende as primarias



Mediante un comunicado breve no seu Facebook, a plataforma cidadá creada hai uns meses e arroupada polo círculo local de Podemos, fixo saber o seguinte:


Unha vez reunida a Mesa Electoral de Chantada Aberta, ante a renuncia de seis dos oito candidatos que se presentaran ás Primarias, e contando co beneplácito dos outros dous, decidiuse, de acordo coas súas funcións, a cancelación do proceso de Primarias Abertas Cidadás impulsado por Chantada Aberta, e, consecuentemente, a disolución da devandita Mesa Electoral.


O comunicado deixa claro que Chantada aberta suspende as primarias após a renuncia de seis dos oitos candidatos que ían concorrer nas primarias por motivos que non se aclaran. Tampouco sabemos se isto supón o fin da plataforma ou se esta vai continuar através doutras canles ou métodos. Por último, tampouco aclaran se hai posibilidade de confluencia coa outra candidatura cidadá que si segue adiante: Iniciativa por Chantada.

Segundo La Voz de Galicia (preme para ver a nova) apenas se apresentaram oito pessoas para as primárias, das que seis renunciaram, e, já que logo, "non hai aínda unha decisión formal de non concorrer ás eleccións, aínda que o proxecto parece seriamente tocado".

Nos próximos días convocarase unha asemblea que será a que decida o futuro da plataforma e, segundo a edición de Lemos do devandito xornal, "todo aponta a que as únicas alternativas que lles quedan son renunciar e botarse a un lado ou tratar de buscar algún tipo de confluencia con Iniciativa por Chantada.

segunda-feira, 23 de março de 2015

Iniciativa por Chantada faise eco dos chamamentos á unidade na esquerda



Após publicarmos o manifesto e outro artigo a prol dunha CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR (poden lerse os artigos aquí e aquí) unha das dúas iniciativas cidadás activas neste momento en Chantada, Iniciativa por Chantada aposta tamén pola unidade, segundo recollen no seu Facebook. Concretamente, o comunicado di o seguinte:

POR UNHA CHANTADA CON PRESENTE PARA TODOS E TODAS E CON FUTURO PARA AS NOVAS XERACIÓNS
O pasado venres día 13, constituíuse o Grupo de Traballo Aberto que se acordara para poñer en marcha unha candidatura veciñal e de unidade cidadán para as próximas eleccións municipais.
Os acordos tomados para poñer en marcha o mandato do acordado nas dúas asembleas veciñais anteriores foron:
1.- Comezar a recoller as propostas programáticas que veciñas e veciños de Chantada queiran achegar enviándoas ao correo electrónico iniciativaporchantada@gmail.com ou a través de calquera persoa das que participan en Iniciativa por Chantada.

2.- Facer unha proposta de elixir a candidatura en primarias abertas a toda a cidadanía cuxa transparencia estará garantida por unha comisión de persoas elixida en asemblea aberta e á que se poderá incorporar calquera persoa como interventor/a.
3.- Iniciativa por Chantada fai un chamado público a todas as persoas que queiran participar e compartan os mínimos de defender a maioría social de Chantada e acepten que as decisións se tomen directamente polas veciñas e veciños que queiran participar. Iniciativa por Chantada reitera que seguirá aberta até o último momento.
4.- Todas as decisións, incluído o nome da candidatura serán tomadas en votación democrática.
Por último, as propostas que xurdan do grupo de traballo que permanece aberto a novas incorporacións, serán sometidas a unha á consideración dunha asemblea aberta a celebrar proximamente que fará a aprobación provisoria e logo serán decididas en votación directa de toda a cidadanía que queira participar.
Un saúdo.

A demanda popular da unidade é cáseque unánime nas rúas chantadinas e a división só pode beneficiar aos partidos de sempre, como demostraron tamén as eleccións andaluzas. Celebramos esta decisión de Iniciativa por Chantada e agardamos que Chantada Aberta e o BNG aposten tamén pola unidade para xerar ilusión e uns resultados onde a suma multiplique. Chantada precísao!

terça-feira, 17 de março de 2015

Por unha CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR para CHANTADA (II): dúas primarias, tres candidaturas, seis partidos

Fai unhas días promovín un manifesto (pode lerse aquí) que redactei para apostar por unha única candidatura de unidade popular para a esquerda chantadina e que tivo, dentro do discreto e modesto alcance deste blogue, unha notábel repercusión cunhas 300 visitas desde a súa publicación.

Afortunadamente, un grupo de persoas sumouse a ese chamamento e moitas outras en conversas privadas, no esencial, coinciden na diagnose de que a división é un erro e unha irresponsabilidade que só conduce a unha vitoria da dereita nun contexto socio-político do máis propicio para que se pudese albiscar o comezo dunha nova xeira política no país do Faro.

Amais, pode comprobarse que os asinantes pertencen praticamente a todas as sensibilidades, con presenza notábel de independentes que non militamos formalmente en ningún partido (o cal nin é mérito nin demérito), e que temos coincidencia xa non só na unidade, mas tamén na necesidade dunha asemblea aberta que controle a acción institucional dos seus representantes, mais que, fundamentalmente, propoña (con grupos de traballo sectoriais nos que se implique o tecido social), constrúa e debata para atinxir a unidade popular, que debe contemplar o electoral como apéndice ou panca para alimentar a sociedade civil e as súas loitas.

O control democrático da cidanía afastaría esta unidade popular das derivas doutros experimentos que se deron en Chantada como Chantada Nova. Non sería unha candidatura independente, non sería unha candidura para facer de paraugas dalgún partido. Non, sería unha candidura con vontade de transformar o noso concello valéndonos da ferramenta institucional da que dispomos e póndoa ao servizo da maioría e baixo o control directo da cidadanía.

Após conversas con representantes do BNG, de Iniciativa por Chantada e de Chantada aberta a sensación é que, cada día que pasa, a división lonxe se superarse aprofúndase e prímanse os estreitos prismas partidarios ao ben común da cidadanía do noso concello.

Paradoxal e felizmente, moitas persoas dentro desas plataformas tamén apostan pola unidade ou estarían dispostos a que esta se dera baixo observancia dalgunhas condicións ou liñas vermellas. Un laño de esperanza e unha raiola de sentido común que desexamos se remate impoñendo.

Mentres a unidade parece naufragar en bloque en dúas mareas, moi ao meu pesar, o esperpento cobra unha nova dimensión. A irresponsabilidade, desde o comezo en piloto automático, pode conducir (se non o evitamos ativamente) a un escenario que deixaría pequenos os de Valle-Inclán: dúas primarias, tres candidaturas, seis partidos.

A suma neste caso multiplica e a nosa vila, cunha crise demográfica e económica irreversíbel no curto prazo, non está para deixar pasar oportunidades. Tampouco a esquerda ten tantos efectivos como para non tecer un espazo común de decisión, deliberación e diálogo alén das diferenzas partidarias lexítimas que, no entanto, son mínimas no nivel local e non deben impedir a confluencia en moitísimas loitas sectoriais. 

É a hora de visibilizar a coherencia cos discursos transformadores que ofrecemos ao conxunto da sociedade desde a esquerda. É a hora de decidirmos se imos deixar pasar outra oportunidade para unha moribunda Chantada. É a hora de ver se na esquerda estamos para empoderarnos como cidadáns ou para empoderar unicamente "cada un aos seus". É a hora de someter as decisións instucionais ao control directo de calquera cidadán que desexe participar na asemblea e partille o noso programa exerza o control sobre os resepresentantes da CANDIDATURA de UNIDADE POPULAR. É a hora dos feitos.

Unha advertencia final: non sempre hai segundas oportunidades.

quarta-feira, 4 de março de 2015

Que opções concorreram nas vindouras eleições municipais?


Esta semana oficializou-se que Manuel Lorenzo Varela volta apresentar-se para a reeleição nas vindouras eleições municipais. Fara-o pelo partido criado arredor da sua figura, INTA, após sairem cindidos do Partido Popular por desavenências com Susana López Abella e o seu setor afim, que hoje controla o PP de Chantada.

INTA conta atualmente com 5 vereadores que lhe valeram para governar esta legislatura com o apoio do PP que conta com 3. O PP de Chantada estará encabeçado por Javier Rodríguez Medela, mais conhecido como "Campelo". O novo candidato que substitui a Reinoso, tem 47 anos e foi vereador de cultura entre 1991 e 1995, sendo militante do PP desde 1989. É presidente do Casino e da Associação cultural Amigos do Foliom.

No PSOE chantadino ainda não oficializaram alcaldável mas fica fora de toda dúvida que apresentaram candidatura num nicho de voto que nas anteriores eleições (onde passaram de 4 atas a apenas 2) fora em grande parte absorvido por INTA e que, desta volta, contara com grande variedade de competidores pela esquerda.

Uma esquerda para a que se lhe apresenta um panorama bastante sombrio. Duma parte, a análise histórica dos resultados demonstra que a direita chantadina obtêm os seus melhores resultados quando vai dividida e, de fato, nos anteriores comícios a direita passou de contar com 7 edis, todos no PP, a 8 repartidos da seguinte maneira: 5 para INTA e 3 para o PP.

Desta volta a divisão à esquerda dos partidos sistémicas é imensa, talvez poda ser a mais grande da história. Em primeiro lugar temos ao BNG de Chantada, muito debilitado após a profunda crise que atravesa o campo político nacionalista, mas que semelha começa a sua recomposição e mesmamente poderia apresentar candidatura novamente, embora seja com facianas com certeza diferentes às dos três edis atuais do Grupo Nacionalista
 
Encabeça este Grupo Ildefonso Piñeiro, que foi tenente de alcaide, que participa desta volta da plataforma Iniciativa por Chantada. Esta plataforma está intetrada por indivíduos a título individual, mas muitos contam com militância política em formações como Anova, Compromiso por Galicia, PCE, IU ou BNG. Celebraram reuniões o 24 de janeiro e o 7 de fevereiro, contando ao começo com representantes de Podemos que, finalmente, abandonaram o processo. Para participar desta iniciativa deverá encaminhar-se um mail a iniciativaporchantada@gmail.com, podendo participar diretamente na elaboração do programa, a candidatura e no controlo e apoio às pessoas escolhidas para vareadores.

O sexto agente político organizado em discórdia é Chantada Aberta. Chantada Aberta é mais uma plataforma cidadã aberta a qualquer vizinha ou vizinho que o deseje e que se apresentará como "agrupação de eleitores". Ota por um esquema de primárias muito semelhante ao seguido em Podemos, cuja assembleia local nutre esta iniciativa em boa medida e cujo secretario-geral é Juan Camilo Gómez Hermida. Chantada Aberta contou já com alguma juntança e mesmo pode consultar-se a ata da mesma.


Não sabemos se mudarão muito as cousas, mas concorrência e opções teremos mais do que nunca e promete ser uma campanha "movida"... Não nos esqueçamos doutro partido que sempre tem os seus aderentes: a abstenção.