quarta-feira, 8 de abril de 2015

Proposta programática para unha Chantada con futuro

 

Candidatura de Unidade Popular Chantada

 


Esta é unha achega programática aberta a achegas de quen o desexe, que se remitirá á plataforma Iniciativa por Chantada, como contribuito para a elaboración do seu programa (xa que o que o permite pola súa configuración aberta pondo a disposición da cidadanía o enderezo electrónico iniciativaporchantada@gmail.com).


A crise económica segue batendo con forza ao tempo que a crise demográfica vai supor seguir perdendo poboación no noso concello. Urxe, entón, contar cun goberno que aprobeite a estreita marxe do concello e alimente as dinámicas sociais e culturais da sociedade civil chantadina para desenvolver unha política destinada a favorecer a fixación de poboación e o dinamismo económico da nosa contorna. Un goberno ao servizo da clase traballadora, que aposte polas políticas sociais e rache coa parálise institucional que vive a nosa vila nos últimos catro anos de goberno da dereita (INTA-PP).

Un goberno que precisa de todos os cidadáns que decidan participar da vida política e, aínda serán poucas e poucos, para reforzar a sociedade civil e ter un concello cunha xestión o máis plural, transparente e participativo posíbel.


Temos que ser respetuosos co entorno onde vivimos, hai que ter en conta as distancias a ríos, regatos, camiños, etc. E temos que preservar o medio físico, os valores tradicionais, os sinais de identidade ou a memoria... porque se non os pomos nós en valor como é que os imos promocionar como un valor turístisco?

O turismo é outro ámbito esencial para potenciar a economía local, para o que se debe revisar o Plano de Dinamización Turística (PDT) e axeitalo á realidade actual do concello. Do mesmo xeito, realizarase un estudo para considerar o impacto da Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.


O concello debe potenciar o réxime de alugueiro, frear con políticas activas o “feísmo”, impulsar a peonalización de certas rúas do casco histórico, actuacións en materia de infravivenda, eliminación das barreiras arquitectónicas, impulso da vivenda protexida, etc.

A cultura é unha das expresións da nosa identidade como pobo, unha forma de presentármonos ante outras sociedades e unha expresión simbólica dos individuos e das comunidades. Ás políticas culturais teñen que estar baseadas na liberdade de creación, na diversidade, na cooperación e por suposto na cidadanía. Teñen que estar definidas e programadas desde a nosa realidade lingüística e cultural, unha política que teña como eixo os nosos signos colectivos máis visibéis e duradeiros (a lingua, as tradicións, o folclore, a música popular, a artesanía, o patrimonio arqueolóxico e etnográfico, o patrimonio histórico-artístico, o teatro,...).

153 PROPOSTAS PARA DAR UN SI Á UNIDADE POPULAR



TRABALLO DIGNO


1.- Elaboración dun Plano de Desenvolvemento Rural, en parcería coas parroquias e cos axentes sociais, que defina a situación actual e as nosas posibilidades de desenvolvemento, para alén de dotar de asesoramento técnico aos actuais ou futuros proxectos económicos.

2.- Posta en valor do monte e dos proxectos alternativos de gandeiría para crear empregos estábeis e de calidade, cunha focaxe especial nas Comunidades de Monte en Man Común.

3.- Talleres e asesoramento sobre formas de economía cooperativa e de autoemprego, colaborando desde o concello con estudos de mercado e impulso de iniciativas que aposten polo traballo digno e estábel.

4.- Fomento e asesoramento para a iniciativa económica das mulleres.

5.- Fomento dos produtos locais co impulso dun mercado de alimentos de Chantada e a potenciación das feiras do 5 e do 21 en Chantada.

6.- Fomento dos oficios tradicionais e asesoramento para a procura de valor engadido que permita a súa viabilidade.

7.- Apoio a autónomos e á pequena empresa.

8.- Cursos formativos para a promoción da calidade no sector turístico e artesán.

9.- Creación dun Consello Económico e Social, onde participen os sectores máis activos e dinámicos da sociedade chantadina para deliberar as estratexias de desenvolvemento precisas para dotar de futuro o noso concello.


SECTOR VITIVINÍCOLA


10.- Creación dun espazo de mostra dos viños a nivel profesional para a promoción dos nosos caldos a nivel profesional, tanto na hostalaría como a nivel internacional.

11.- Promoción do emprego de maquinaria conxunta entre adegas e viticulturas e viticultores.

12.- Aposta pola paulatina reforma e reforzo da Feira do Viño para a profesionalización e internacionalización das nosas adegas.

13.- Impulso dun Centro do viño local que poña en valor a cultura ribeirá e a viticultura heroica das nosas ribeiras.

TURISMO


14.- Implicación da sociedade e das empresas no deseño da estratexia turística desde a Comision Municipal de Turismo.

15.- Turismo de contidos que teña en conta os valores propios e que dan valor engadido a Chantada como destino turístico dentro da Ribeira Sacra: paisaxe, patrimonio, viticultura, adegas familiares...

16.- Impulso dun Foro Económico para a Ribeira Sacra, onde axentes institucionais e sociais, planifiquen estratexias conxuntas para a promoción turística e posibiliten a mancomunidade do mundo ribeirao tanto na provincia de Lugo como na de Ourense.

17.- Elaboración de guias de visitas para os turistas, sinalización e elaboración de paneis explicativos para os principais activos turísticos do noso concello.

18.- Creación dunha web desde o concello centrada no turismo cos contactos de todas as empresas turísticas, de hostalaría e aloxamento do concello de Chantada; visitas virtuais aos principais lugares a visitar en Chantada; documentos informativos, etc.

19.- Explotar o potencial para o sendeirismo que ofrece Chantada con roteiros centrados na gastronamía, a paisaxe e o patrimonio.

20.- Posta en valor do Camiño de inverno no seu paso de Chantada, así como facilitar a recuperación do seu trazado orixinal.

21.- Deseñar un Plano para o fomento da rehabilitación de casas e aldeas para o alugueiro vacacional que free o abandono dos lugares rurais e permita recadar fondos doutras administracións para facelo viábel.

22.- Impulso e revitalización do punto de información turística en Chantada e doutros puntos de información asinando convenios con casas de turismo rural e coa hostalaría da zona.

PATRIMONIO


23.- Fomento da investigación sobre o noso patrimonio material e inmaterial.

24.- Paneis informativos para os principais vultos do noso patrimonio, especialmente do románico ou en calquera outra igrexa ou edificación que conte con elementos artísticos de interese.

25.- Apoio ao Folión de Carros, ás embarcacións tradicionais e ao Entroido Ribeirao.

26.- Promoción de materiais didácticos para incorporar a realidade cultural e patrimonial de Chantada aos centros educativos de primaria e secundaria da nosa vila. O coñecemento do noso redunda na súa posta en valor, promoción e conservación.

27.- Recuperación da microtoponimia.

28.- Fomento e mellora da sinalización e información sobre o patrimonio prerromano do noso concello.

29.- Partida específica de apoio ás actividades culturais realizadas polas parroquias e as asociacións en relación coa posta en valor e mantemento do noso patrimonio material e inmaterial.

BENESTAR SOCIAL


30.- Elaboración dun Plano de Emerxencia Social en asociación cos traballadores sociais do concello de Chantada.

31.- Apoio á creación dun Banco de Tempo e a redes de solidariedade impulsadas pola sociedade chantadina.

31.- Apoio ao CIM (Centro de Información á Muller).

32.- Programas grupais para persoas nas mesmas condicións: coidadores e coidadoras, desempregadas e desempregados, mocidade... Axuda psicolóxica e técnica para encontrar solucións.

33.- Potenciar actividades interxeneracionais e recollida da memoria oral, coa participación activa das persoas maiores.

34.- Pular por estender o servizo de axuda no fogar.

35.- Programas específicos de atención á infancia e de igualdade.

36.- Actividades comunitarias que integren ás persoas con necesidades especiais.

37.- Asunción dos compromisos da Rede Galega de Loita contra a Pobreza para unha aposta decidida para a inclusión social e a redución da probreza.

38.- Promover o emprego dunha linguaxe inclusiva desde a administración, para alén de impulsar campañas de sensibilización contra calquera caste de discriminación.

39.- Atención ao impacto na saúde física e psíquica das persoas coidadoras.


DEMOCRACIA PARTICIPATIVA E TRANSPARENCIA


40.- Definición das necesidades concretas do persoal e das funcións de cada posto de traballo público. Auditoría das contas do concello e da débeda pública.

41.- Promover, xunto a outras entidades, por un novo modelo de administración local galega, onde os concellos conten con máis competencias, se supriman as deputacións provinciais e se priorice a mancomunización de servizos públicos e unha estrutura comarcal con competencias definidas.

42.- Desenvolvemento da personalidade xurídica das parroquias e dos barrios da vila para o fomento da participación colectiva.

43.- Impulsar con outros concellos a demanda dun novo modelo de financiamento das entidades locais, que contemple variábeis que encarecen os servizos (como o avellentamento ou a dispersión poboacional).

44.- Consello Municipal con representación dos barrios e das parroquias (através da elección democrática de pedáneas e pedáneos), das asociacións viziñais e culturais, dos movementos sociais, sindicatos, etc.

45.- Orzamentos participativos a proposta do Consello Municipal.

46.- Servizos de xestión directa.

47.- Racionalización das taxas e impostos.

48.- Celebración de Xuntas de Goberno e plenos abertos.

49.- Aproveitar as canles comunicativas existentes na vila para favorecer a tranparencia pública e a participación activa da veciñanza, con espazo para todas as opcións ideolóxicas.

50.- Regulamento de participación veciñal referendado pola cidadanía.

52.- Información continuada através da web do concello sobre os asuntos que lle afecten con debate, transparencia e trato de igualdade a todas as parroquias e persoas. Trasladaranse os proxectos de obras públicas ás veciñanza interesada e/ou afectada.

53.- Transparencia e equidade no acceso ao emprego público local.

54.- Transparencia e equidade nos concursos públicos e contratación de obras e servizos.

55.- Habilitación de espazos para uso de todas as asociacións, movementos sociais e forzas políticas do termo municipal.

56.- Dación de contas perante a cidadanía e implementación de mecanismos para consultas populares.

ASOCIACIONISMO


57.- Oficina de apoio ás asociacións do concello con impresora e asesoría para a solicitude de subvencións e asesoramento para cuestións burocráticas.

58.- Criterios obxectivos na concesión de subvencións a entidades locais atendendo a criterios de importancia cultural, económica e fomentando a colaboración entre asociacións.

MEDIO AMBIENTE


59.- Concienciacion sobre os beneficios das prácticas agrícolas ecolóxicas, sobre os riscos do abuso dos produtos fitosanitarios e sobre a procura de valor engadido dos produtos agroalimentarios.

60.- Impulso de talleres con alternativas ecolóxicas.

61.- Mellora no tratamento dos envases de produtos fitosanitarios e plásticos agrícolas.

62.- Plano de redución, reutilización e reciclaxe de refugallos.

63.- Colaboración comarcal para un modelo de xestión do lixo alternativo a SOGAMA.

64.- Brigada de limpeza de montes e silvicultura.

65.- Xornadas de limpeza dos ríos.

66.- Eliminación de vertedoiros incontrados.

67.- Fomento das enerxías renovábeis e plano de aforro e optimización enerxética.

68.- Solicitude dunha nova depuradora para a vila de Chantada.

69.- Procurar unha traída de auga alternativa para a vila de Chantada que permita aforrar custes e permitir un consumo e un abastecemento máis eficientes.

70.- Aumento da esixencia e control de perímetros de protección de plantacións arbóreas con respecto a elementos patrimoniais e estradas. Maior control das plantacións arbóreas de especies foráneas.

71.- Inventario das árbores senlleiras do municipio.

72.- Apoio á apicultura.

73.- Redución do uso de tóxicos e sobreempaquetado nos servizos municipais.

74.- Asesoramento e elaboración para un Plano de transición do concello a unha economía pospetróleo.


SOBERANIA ALIMENTARIA

75.- Banco municipal de sementes.

76.- Compromiso de compra de produtos alimentares de proximidade.

77.- Recuperación da feira ECOSUS.

78.- Impulso dun mercado de alimentos locais.



FEMINISMO E DEREITO AO PROPIO CORPO


79.- Elaboración dun novo Plano de Igualdade con participación das mulleres do concello.

80.- Xornadas feministas divulgativas con comentario de libros, filmes, documentais e palestras.

81.- Recuperación da historia das mulleres de Chantada: saberes tradicionais, vida cotiá, memorial oral...

82.- Plano de actuación pola prevención e actuación contra a violencia de xénero.

83.- Optimización do Centro de Información á Muller (CIM).

84.- Campañas de sensibilización sobre a violencia de xénero, especialmente nos centros de ensino.

85.- Concellaría de Igualdade da Muller e paridade nos órganos de goberno.

86.- Área de información sobre métodos anticonceptivos e sobre os dereitos sexuais e reprodutivos.

87.- Promoción de unidades didácticas de ensino feminista adaptadas ás etapas educativas ofertadas na nosa vila.


TERCEIRA IDADE


88.- Fomento do excursionismo

89.- Mudanzas nas concepcións das festa dos avós, facendo xornadas en que participe xente de todas idades e onde a xente sexa a protagonista, con actividades de transmisión oral e mostra de oficios tradicionais. Celebrarase cada ano nunha parroquia distinta cun servizo de autobús para poder chegar á festa.

VIVENDA


90.- Fomento do alugueiro barato de casas baleiras e fincas de labranza coa creación dun banco municipal de alugueiro de vivenda e terras.

91.- Avaliación das posibilidades para aumentar as vivendas sociais no concello.


CULTURA


92.- Dotación dun orzamento anual para libros da Biblioteca pública.

93.- Subscrición da Biblioteca pública ás publicacións periódicas en lingua galega.

94.- Campaña de animación e fomento da lectura.

95.- Impulso dun banco solidario de libros para o empréstito entre particulares, xestionado pola biblioteca municipal.

96.- Creación do Consello de Cultura, cuxas primeiras encomendas serán o estudo da viabilidade e das posibilidades para a recuperación da Feira do Libro e elaborar un estudo ou inventario que determine os inmóbeis do concello aproveitábeis para realizar as actividades culturais tamén nas parroquias.

97.- Aula de teatro ou cursos de teatro segundo a demanda.

98.- Espazos públicos habilitados e regulados para a creación artística.

99.- Impulso dun libro participativo que recolla aspectos sobre a historia, a lingua, o patrimonio e a memoria oral do país do Faro.


DEPORTE

100.- Mantemento axeitado das instalacións deportivas.

101.- Estudo de racionalización e optimización das piscinas municipais.

102.- Beneficio de uso da piscina para a xente de Chantada, cunha tarifa de bono máis reducida para a xente empadroada no concello con respecto a non empadroada.

103.- Fomento da musicoterapia e dos deportes suaves para as persoas maiores.

104.- Acondicionamento das zonas fluviais de baño.

105.- Fomento do uso da bicicleta.

106.- Creación dun Consello do Deporte, onde colabores asociacións deportivas, clubes e concello decidan e elabores propostas como as que enumeramos:
a.- Convenios para a utilización das instalacións deportivas dos centros educativos en horario extraescolar.
b.- Apoio ás Escolas Deportivas para desenvolver cualificadamente programas de animación ao deporte e á actividade física da poboación.
c.- Favorecer o transporte dos rapaces nas fins de semana para participaren en actividades deportivas.

107.- Apoio á celebración de xogos populares nas festas parroquias e recuperación de xogos tradicionais. Organizar cos monitores das escolas deportivas e dos clubes actividades deportivas e de tempo libre nas aldeas, sobre todo con ocasión das festas.

SAÚDE PÚBLICA


108.- Concienciación sobre hábitos saudábeis.

109.- Programas de concienciación sobre os abusos dos produtos tóxicos no fogar e talleres de alternativas ecolóxicas.

110.- Programas de educación sexual.

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA


111.- Plano de normalización lingüística municipal, elaborado de xeito participativo coa veciñanza e para frear a perda de falantes, a transmisión interxeneracional e a galeguización plena do concello. O galego será un elemento transversal do que dependan tamén as axudas e concesións do concello.

112.- Cursos de galego e de portugués para quen desexe aprender ou perfeccionar o uso destas linguas, con programas específicos para persoas estranxeiras.

113.- Fomento da investigación sobre as variantes locais do galego.

114.- Asesoramento lingüístico para empresas, asociacións e veciños que así o desexen. Promoción das denominacións tradicionais do rueiro vilego.

115.- Visibilización da lingua galega nas accións de difusión enfocadas ao turismo, como un valor propio nun mundo plural e plurilingüe.

116.- Posta en valor e fomento do plurilingüismo.

SOLIDARIEDADE


117.- Fomento de redes de solidariedade locais coa creación dun Consello Solidario.

118.- Sensibilización sobre as inxustizas globais e práctica do internacionalismo. Integración no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e habilitación do 0,7% do orzamento a cooperación e solidariedade.

119.- Nas adquisicións de subministros municipais priorizar os produtos de comercio xusto e producidos con fórmulas económicas non explotadoras das persoas e do medio.



MÚSICA

120.- Potenciación das bandas municipais, da escola da música e axudas para que actúen nas festas das parroquias.

121.- Fomento da aprendizaxe da música por parte de todas as nenas e nenos de Chantada.

122.- Axudas e fomento de actuacións de grupos locais e/ou con participación chantadina.

123.- Apoio e optimización da Casa da Música. Promoción da musicoloxía do concello.

BENESTAR ANIMAL


124.- Crear un protocolo de actuación ante animais abandonados e/ou perdidos.

125.- Estudar e propor desde o concello, con participación cidadá, unha solución para os animais abandonados a nivel comarcal.

126.- Prohibición dos circos con animais no termo municipal.


ESTUDOS E APOIO Á MOCIDADE

127.- Fomento de bolsas para o transporte a estudantes de mestrado e grado.

128.- Estudo para a optimización da Casa da Xuventude.


TIC


129.- Software libre e estándares abertos nos sistemas informáticos municipais.

130.- Programas de divulgación e coñecemento da informática e das redes sociais.

131.- Apoio ao Telecentro.


INFRAESTRUTURAS


132.- Demanda de axudas das administracións para o paulatino saneamento e abastecemento de augas das parroquias.

133.- Prioridade na reclamación de arranxo das estradas que vertebran o concello.

134.- Eliminación de barreiras arquitectónicas.

135.- Peonalización das rúas Calvo Sotelo e Dous de Maio.

136.- Estudo e implantación de solucións, con participación cidadá, para evitar excesos de velocidade no casco urbano.

137.- Racionalización do tránsito municipal.


AS PARROQUIAS


138.- Prioridade absoluta na extensión do saneamento.

139.- Completar as necesidades das traídas de augas e arranxo de pistas e comiños rurais segundo o permitan as arcas municipais. Solicitude de axudas económicas para tal fin a outras administracións.

140.- Dotación dos locais sociais con libros e material deportivo. Recuperación de campos de xogos e áreas de lecer nas diferentes parroquias, potenciando o seu uso.

141.- Colaboración coas parroquias na análise de augas das fontes públicas e traídas veciñais.

142.- Apoio á valorización do monte e creación de emprego por parte das comunidades de montes.


MERCADO GANDEIRO

143.- Elaboración dun regulamento para o uso e mellora do recinto feiral contando co tecido asociativo da vila.


FESTAS PATRONAIS


144.- Adecuación á entidade de Chantada dos programas e custos das festas patronais, baixo o directo control municipal e a participación cidadá.


COMUNICACIÓN


145.- Establecemento de convenios coa radio e televisión locais e as entidades culturais para o desenvolvemento de programas de promoción dos valores da nosa cultura e patrimonio e como contribución para a súa viabilidade económica.


CREACIÓN CULTURAL


146.- Fomentarase tamén as publicacións en galego, dentro das posibilidades do concello, con especial atención aos novos autores e investigadores e á creación literaria.

147.- Potenciaranse os cineclubes existentes e proxección de filmes ao ar libre, especialmente centrándose na divulgación do cinema en galego e das producións audiovisuais galegas. Apoio á Semana do Cinema.

148.- Prestarase apoio a creación e divulgación de producións audiovisuais locais.

148.- Fomento da creación artística coa habilitación de espazos axeitados ou apoio aos xa existentes para o desenvolvemento das inquedanzas pictóricas, musicais, etc.



DIVERSIDADE FUNCIONAL

149.- O Concello debe converterse nun dinamizador da práctica do deporte na terceira idade e nos adultos e ten que buscar o desenvolvemento de actividades deportivas dirixidas a persoas con diversidade funcional desde a óptica tanto da súa integración e/ou reinserción social canto da súa recuperación funcional e a rehabilitación.

150.- Campañas de sensibilización sobre as situación das persoas con diversidade funcional e visualización dos seus problemas.

DOGRADICCIÓN


151.- Campañas de sensibilización  e apoio as persoas con algunha dependencia.

152.-Creación dun Consello de Saúde Pública que achegue propostas de actuación municipal tamén sobre esta cuestión.

153.- Unidade de prevención da dependencia, atención aos fráxiles, estimulación cognitiva, podoloxía, xantar na casa e transporte adaptado.

terça-feira, 7 de abril de 2015

A CNMC cifra em 48.000 milhões de euros a factura da corrução na contratação pública

Resultado de imaxes para CNMC


O jornal espanhol El Confidencial recolhe (aqui) que o sobrecusto da contratação pública supõe 25% dos 194.000 milhões de euros que anualmente se destinam a licitações de serviços publicos com cargo ao Estado. A principal causa, segundo a CNMC, é a falta de competência que conduz às administrações públicas a malgastar quartos ineficientemente. A CNMC é a máxima autoridade de regulação e competência.

Em concreto, a CNMC cifra em 4'5% do PIB, mais de 48.000 milhões de euros, a quantidade que poderia poupar-se para destinar-se a usos mais eficientes, máximes no atual contexto de emergência social.

Por outra banda, a CNMC elaborou uma primeira guia sobre contratação pública e dispara contra os pactos segredos de não competência e reparto do mercado próprios dos cárteles económicos. Contudo, reconhece que a legislação civil e penal deve ser reformada par evitar estas atuações muito lesivas para o conunto dos contribuintes.

Segundo a CNMC "quando não há corrução sempre existe falta de competência". Asemade, assinalam a falta de transparência e publicidade dos processos de adjudicação; a falta de avaliação da eficiência económica e da competência efetiva; a existência dum deficit de cooperação administrativa com uma normativa dispersa e demasiado restritiva, em opinião do órgão regulador.

segunda-feira, 6 de abril de 2015

Raquel López encabezará o PSOE local.

Como xa tiñamos anunciado desde A Voz do Agro Raquel López será a candidata do PSOE para o concello de Chantada.



A actual portavoz socialista na corporación de Chantada, Raquel López Rodríguez, encabezará a candidatura do PSOE nas eleccións municipais, aínda que as perspectivas para manter os 2 concelleiros actuais son sombrías e mesmo podería ficar fóra da corporación municipal por vez primeira (na actual lexislatura conta con dous concelleiros e na anterior con 4 e a alcaldía en coalición co BNG).

A candidatura presentouse onte nun acto en que participou o Xosé Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdG-PSOE e a deputada provincial Pilar Porto. Tamén estivo o antigo alcalde Manuel Anxo Taboada que fechará simbolicamente a lista.

Segundo declarou Raquel López para La Voz de Galicia trata-se de «unha candidatura de renovación, pero que tamén conta con xente con experiencia e que demostrou facelo ben cando tivo responsabilidades de goberno» e tamén se dirixiu a INTA e Manuel Varela, xa que responsabilizar ao actual goberno de que «o municipio non fixo máis que esmorecer, con moitos negocios que tiveron que pechar e cun medio rural cada vez menos rendible».

CANDIDATURA PSOE MUNICIPAIS 2015

1.- Raquel López Rodríguez
2.- María Jesusa Rodríguez López
3.- Héctor Ledo Rodríguez
4.- José Antonio Neira Vázquez
5.- Antonio Rodríguez Novoa
6.- Sergio Estévez Álvarez
7.- María Ángeles Merino Martínez
8.- Zaida González Vázquez
9.- José Luís Vázquez Hermida
10.- Judith López Fernández
11.- María Esther Seijas Vilela
12.- Xesús Boán Méndez
13.- Manuel Anxo Taboada

Suplentes

14.- Daniel Moure González
15.- Aurora Balta Díaz
16.- Xosé Areán López




O expólio do aforro na Galiza supõe já 14.400 milhões de euros que "emigram"

O aforro galego emigra enquanto a dívida galega foi mais do que duplicada pelo governo de Feijoo (PP), o desemprego é maciço e os indicadores económicos galegos são os piores do Estado, continuando em recessão pelas políticas fiscais de "austeridade" ultraliberal.

 
A Galiza não atravessa a mesma crise do que outros territórios. Não é apenas uma crise demográfica, política ou económica, pois, antes de mais, é uma crise que situa à nossa nação ao borde do colapso e com perspetivas muito sombrias para além de seguirmos sendo "a Sibéria espanhola"; quer dizer, uma território que ao jeito das colónias apenas fornece matérias primas e energias sem qualquer desenvolvimento económico pensado desde o próprio país atendendo às necessidades das galegas e dos galegos.

Segundo o jornal galego Novas da Galiza (nº146, pp. 10-11) a Galiza tem colocado fora 14.400 milhões de euros de aforro que não encontram aqui destino e que, já que logo, alimentam investimentos exógenos ao nosso país.
Afinais de 2011 o Banco Popular absorveu ao Banco Pasto por 1.246 milhões de euros. Em 2013 Banesco adquiriu 88,33% do capital de Novagalicia Banco através do banco Etcheverria, previamente adquirido por Banesco. O importe ascendeu a 1.003 milhões de euros com pagamento aprazado de 60% até 2018. Uma operação muito lucrativa já que o Estado espanhol tinha injetado previamente 9.052 milhões de euros e, portanto, os contribuintes perdemos 8.000 milhões de euros na privatização da caixa galega. 
Por sua vez, o vice-presidente de Abanca fez público que no 2014 a sociedade ganhou 601 milhões antes de impostos que ascendem a 1.157 depois de impostos, pelo que em apenas um ano os benefícios amortiçam o preço da aquisição e, mesmo limitando-nos ao benefício antes de impostos consegue gerar a quota de pagamento aprazada ao FROB que ascende a 600 milhões.

Entre 2013 e 2014 o Banco Gallego integrou-se no Sabadell após o FROB ter injetado 325 milhões de euros na matriz compostelana. Assim, em apenas três anos a Galiza ficou despossuída de todas as suas cabeceiras bancárias.

Entre meados de 2007 e 2014 os depósitos cresceram na Galiza 14.400 milhões de euros (43.231 para 57.631) enquanto o crédito encolheu em 13.591 milhões no mesmo período (60.850 para 47.259). Hoje, os depósitos alcançam 57.631 milhões de euros contra 47.259 de crédito em vigor. Pela contra, se atendemos ao conjunto do Estado vemos claramente a singularidade da Galiza: o crédito concedido pelo sistema bancário espanhol em junho de 2014 superava os depósitos acumulados em 284.635 milhões, o que representa 27% do PIB do Reino de Espanha.

Desde meados de 2007 a meados de 2014 os depósitos galegos passaram de representar 4% da totalidade dos depósitos do Estado espanhol ao 4'7%, enquanto o crédito encolhia no mesmo período de 3'7% a 3'2% do total. Um período que, folga dizer, foi intenso na destruição de emprego e tecido produtivo na Galiza em todos os setores, também na pesca e na gandeiria.

Sem soberania, sem ferramentas políticas e económicas próprias, a Galiza mostra-se incapaz de acometer os processos de restauração necessários do seu tecido produtivo sem promoção da atividade económica pública e privada, também do investimento familiar. Esses 14.400 milhões de euros do aforro galego que "emigram" não podem exemplificar melhor o espólio continuado em todos os frentes que sofre a nação galega.




domingo, 5 de abril de 2015

Iniciativa por Chantada convoca unha asemblea aberta o vindeiro 10 de abril






RIBEIRAS_DE_s

 O Grupo de Traballo Aberto da plataforma cidadá Iniciativa por Chantada vén de anunciar na súa páxina web que convoca para o venres día 10 ás 9 da tarde na Casa da Música unha asemblea aberta.


Por súa vez, o Grupo de Traballo Aberto foi creado para recoller as achegas ao programa e propor o método de toma de decisións onde, até o nome da candidatura, será elexido pola veciñanza que así o desexe.

A asemblea aberta contará coa seguinte orde do día:

1. Elección da mesa da asemblea.

2. Aprobación provisoria do borrador de programa e código ético coa incorporación das achegas que se presenten na propia asemblea.

3. Aprobación do regulamento para a aprobación definitiva do programa e a elección de candidatas e candidatos á alcaldía e os restantes integrantes da candidatura.

4. Elección da comisión organizadora das primarias abertas. Á esta comisión poderá incorporarse como interventor/a calquera persoa que se inscriba en Iniciativa por Chantada.

Tamén se acordou alentar a inscrición de participantes en Iniciativa por Chantada facilitando follas de inscrición e máis habilitando a inscrición temática abrindo o blog https://iniciativaporchantada.wordpress.com/ (aquí)

Por último, acordouse distribuír entre as veciñas e veciños o borrador de programa electoral a partires do martes día sete. As propostas que veciñas e veciños de Chantada queiran achegar poden facelo enviándoas ao correo electrónico iniciativaporchantada@gmail.com ou a través de calquera persoa das que participan en Iniciativa por Chantada.


sexta-feira, 3 de abril de 2015

Listaxe de represaliados polo fascismo da comarca de Chantada


 


Argiz Fiunte, Benjamín
Morte (outras tipoloxías). 21 anos. Xornaleiro. Arcos. Membro dunha partida de fuxidos. Morte no cárcere de Chantada por disparos de arma de fogo, ás 8 do día 20 de decembro de 1939.

Blanco Caseiro, Francisco
Proceso. 57 anos. Labrego. Arcos. Directivo da UGT. Xulgado en Lugo co resultado de absolución.

Blanco Varela, Manuel
Prisión. 33 anos. Camareiro marítimo. Natural de Chantada, residente en Peniche (Vigo). UGT, Sindicato de camareiros marítimos “La Internacional”. Xulgado en Ferrol por proposición para a rebelión co resultado de sentenza a 2 anos de prisión e retención da carta de emigración.

Cadahía Montes, Emilia
Prisión. 35 anos. Modista. Chantada. Xulgada en Lugo por auxilio á rebelión co resultado de sentencia a prisión 12 anos 1 día. Conmutación a 6 anos 1 día. Afiliada probabelmente ao Partido Galeguista.

Cidre Vázquez, Manuel
Prisión. 26 anos. Labrego. Xulgado en Iruña (Nafarroa) por adhesión á rebelión co resultado de sentenza a cadea perpetua. Concesión da prisión atenuada o 14-8-1940.

Cudeiro Caseiro, Vicenta
Detención. Labrega. Natural de Chantada, viciña do concello de Ourense. Tras sofrer malleiras, é detida sen procesamento xudicial durante 16 meses en compaña das súas fillas Luísa e Josefina González Cudeiro.

Dalama Fernández, Ramiro
Proceso. 33 anos. Carballedo / Sabadelle. Xulgado en Lugo por rebelión co resultado de absolución.

Deus Lago, Castor
Paseo. 39 anos. Labrego. Pedrafita. Sufre disparo de arma de fogo “al desobedecer la orden de alto” e morre no hospital de Lugo en 16 de setembro de 1936.

Dieguez, Eladia
Proceso. 42 anos. Labrega. Chantada. Xulgada en Lugo por auxilio á represión co resultado de sobresemento.

Fernández Diéguez, José
Proceso. 51 anos. Labrego. Cicillón (Taboada). Xulgado por auxilio á rebelión co resultado de sobresemento.

Fernández Ledo, Ramón
Proceso. Labrego. Chantada. UGT, directivo de sociedade agraria. Xulgado en Lugo por rebelión co resultado de sobresemento provisional.

Gay Fontao, Antonio
Prisión. 33 anos. Xornaleiro. Natural de Chantada, residente en Pola de Lena (Asturies). Voluntario no exército republicano. Xulgado en Asturias co resultado de sentenza a 15 anos de prisión.

Gil Moure, Salvador (“Carolo”)
Proceso. 28 anos. Chantada. Xulgado por integrar unha partida de fuxidos e declarado en rebeldía. Morte o 2 de xullo de 1942, a causa de feridas por bomba de man, na liña de ferrocarril Monforte-Vigo, na Peroxa.

González García, Manuel
Prisión. 30 anos. Labrego. Chantada. Membro dunha partida de fuxidos. Xulgado en Lugo por auxilio á rebelión co resultado de sentenza a prisión 12 anos.

Goyanes Vázquez, José
Execución. 31 ano. Garda de asalto. Natural de Chantada, residente no lugar de Ponga (Asturies). Fai a guerra no exército republicano. Xulgado en Asturies co resultado de sentenza a pena de morte. É executado o día 5 de xaneiro de 1938.

Goyanes Vázquez, Manuel
Prisión. 40 anos. Labrego. Natural de Chantada e veciño do Saviñao. Membro dunha partida de fuxidos. Xulgado en Lugo por auxilio á rebelión co resultado de sentenza a prisión 14 anos.

Linares Diéguez, Antonio
Execución fóra de Galiza. 44 anos. Mecánico. Chantada. Membro da CNT. Voluntario no exército republicano. Xulgado en Asturies co resultado de sentenza a pena de morte. Exécutano o día 9 de decembro de 1937.

Mazaira López, Raúl
Proceso. Nogueira. Mobilizado polo exército franquista. Pasa ao exército republicano. Xulgado en Asturies co resultado de declaración en rebeldía.

Montes Caseiro, María
Prisión. 40 anos. Natural de Chantada, residente en Escairón. Xulgada en Lugo por auxilio á rebelión co resultado de sentencia a prisión 12 anos 1 día. Conmutación a 3 anos 1 día de prisión menor.

Montes Otero, Benito
Proceso. 34 anos. Labrego. Muradelle. Xulgado por auxilio á rebelión co resultado de sobresemento provisional e sanción por deserción.

Moure Infante, Salvador
Proceso. 51 ano. Ferroviario. Natural de Chantada, residente en Serín (Xixón). Xulgado en Asturias co resultado de absolución.

Otero Casanova, Manuel (“Fragullo”)
Prisión. 22 anos. Labrego. Paderne. Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado de sentenza a prisión 12 anos

Pérez Fernández, Manuel
Prisión. 24 anos. Mecánico. Natural de Chantada, residente en Escairón. Xulgado por rebelión militar co resultado de sentenza a cadea perpetua.

Quintana Vázquez, Victorino (“Campelo”)
Morte (outras tipoloxías). 24 anos. Labrego. Arcos. Xulgado por rebelión co resultado de declaración en rebeldía. Integrante dunha partida de fuxidos. Morte rexistrada a causa de hemorraxia cerebral por lesións por disparos de arma de fogo. O Suceso ten lugar ás 7 do día 17 de decembro de 1939. Aparición do cadáver en Vilelos (O Saviñao).

Rey Pérez, Salustiano
Proceso. 23 anos. Panadeiro. Chantada. Xulgado en Asturies co resultado de absolución.

Rodríguez Couso, Avelino
Execución. 36 anos. Labrego. Natural de Chantada, lugar Somado-Pravia. Militante do PCE e afiliado ao sindicato UGT. Fixo a Guerra Civil española (1936-1939) no exército republicano en Asturies. Xulgado en Camposancos co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Pontevedra o día 2 de xullo de 1938.

Santeiro Boo, Manuel
Paseo. 33 anos. Profesor. Natural de Chantada e veciño do concello de Ortigueira. Director da Escola Graduada de Ortigueira.

Vázquez Vázquez, Arturo
Execución. 36 anos. Mineiro. Natural de Chantada, residente en Mieres (Asturies). UGT, presidente do Comité Rexional da UGT. Organiza Batallón Asturias do Exército Republicano en Asturias. Capturado cando fuxía por mar. Xulgado en Xixón co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Xixón no día 15 de febreiro de 1938.





quarta-feira, 1 de abril de 2015

Que actores teremos nas municipais?


A disolución da mesa electoral de Chantada Aberta conduce a unha relativa simplificación do cenario electoral, se ben falta por coñecer que postura adoptará a asemblea desta plataforma apadriñada por Podemos Chantada: se integrarse en Iniciativa por Chantada ou desligarse completamente do proceso municipal após o fracaso desta plataforma, que se creou a posteriori de Iniciativa por Chantada e coa que non concordaban en "cuestións de método".

Tamén será esa asemblea, pendente de celebrarse, a que deberá realizar a autocrítica do proceso. Autocrítica e decisións que en boa medida se perfilarán na asemblea que o círculo de Podemos Chantada vai celebrar hoxe, 1 de abril, ás 20 horas.

 

Que actores teremos nas municipais?

Hai outras formacións que é moito máis provábel que si concorran nestes comicios:

Independentes Terras do Asma (INTA). Manuel Lorenzo Varela aspira á renovar como alcalde a pesar de desenvolver unha das máis desastrosas xestións á frente do concello que se recordan. Paradoxalmente, parte cunhas perspectivas inmellorábeis e mesmo podería atinxir a maioría absoluta, que dependerán principalmente de seguir tendo un caladoiro de votos nos apoios actuais do PSOE e en frear a previsíbel subida do PP con Javier Vázquez Medela como alcaldábel.

 Iniciativa por Chantada. Nesta iniciativa cidadá intégranse os tres concelleiros (Piñeiro, Olga e Xesús Mazaira) que en 2011 atinxiron acta polo BNG. É a versión local das mareas cidadás que proliferan pola xeografía galega e ten feito chamamentos a Podemos e a BNG para confluir. De momento, conta co apoio de militantes do BNG, de Esquerda Unida, de Anova, Cerna e un contixente de independentes de diversa procedencia. No cenario actual, pode supor unha oportunidade para construir un espazo de unidade popular e un movemento que xere perspectivas de mudanzas, tamén electorais, no país do Faro.

BNG. Se nas anteriores municipais era a segunda forza, por diante do PP e con tres concelleiros, as escisións e a crise e convulsións do campo nacionalista deixaron a esta formación nun delicado cenario en que contan cun volume moi escaso de militancia. Con todo, André Sánchez Labandeira traballa na reconstrución da estrutura local e negouse a confluir con Iniciativa por Chantada até o de agora. Segundo a nosa sondaxe ficaría moi lonxe de atinxir concelleiro. Se un dos peores resultados do BNG se dera cando Ildefonso Piñeiro se estrenou como concelleiro (613 votos), no momento actual o BNG contaría coa metade deses apoios e, xa que logo, non atinxiría representante (aínda que eses restos poden darlle un concelleiro máis a INTA ou en caso de confluencia á iniciativa cidadá Chantada Aberta).

PP. Javier Rodríguez Medela leva xa tres anos como presidente do PP local, após unha operación con Susana López Abella á frente en que se apartou ao anterior candidato Reinoso. Aínda que boa parte da cidadanía e incluso da imprensa fala dun contexto moi desfavorábel para o PP achamos que o teito inferior desta formación na vila do Asma se atinxiu fai 4 anos cun candidato totalmente descoñecido e que poden manter e mesmo aumentar os tres representantes actuais. Iso si, no caso de que a abstención perxudique a este partico da dereita podería perder un concelleiro, xa que nos anteriores comicios obtiveron o terceiro representante como o 13º da corporación.

PSOE. A formación local aínda non oficializou o seu cabeza de lista, aínda que previsibelmente será Raquel, xa que actuou como cabeza visíbel da formación durante a última lexislatura. As perspectivas electorais semellan devolver ao PSOE ao lugar minoritario que tradicionalmente ocupou na vila do Asma até a chegada de Manuel Anxo Taboada, que foi alcalde por esta formación durante 4 anos en coalición co BNG.