quinta-feira, 1 de maio de 2014

Editorial agosto 2013: A traxedia e os narcóticos

http://avozdoagro.com/imagenes/titulocabecera.jpg

O que ía ser un editorial sobre o Día da nación galega pasa a ser un editorial cheo de carraxe e dó. O 24 de xullo de 2013 pasará á historia de Galiza como un dos días máis tristes para a nosa nación, que rematou cun dos maiores accidentes ferroviarios da historia.

Axiña a prensa convencional, o que Iñaki Gil de San Vicente ten denominado como o binomio político-mediático ou o que Vicenç Navarro denomina como establishment, comezaron a deseñar un relato cáseque mitolóxico que ocultara na medida do posíbel a realidade dos feitos, se facía falta explotando a dor das vítimas e a solidariedade da nación galega. O mercado púxose máis unha vez, tamén nunha traxedia deste calibre, porriba das persoas. Portadas noxentas en ABC e La Voz de Galicia para aumentar as vendas, acoso da TVG á casa do maquinista para agochar outras responsabilidades e recaer todo sobre o factor humano¹, insistencia vomitiva das primeiras horas na hipótese do atentado que parecía que case era un desexo do poder. Como nos conta Naomi Klein en The shock doutrine ao referirse, por exemplo, á catastrofe de Nova Orleans, para o capitalismo de amiguiños cada crise – sexa do teor que for – é unha grande oportunidade de negocio e lucro para as empresas privadas².

Desde A Voz do Agro contemplamos que a cidadanía debe reaxir e pedir que se esclareza a verdade e que se vaia ao fondo das causas, que dunha vez se faga patente que o verdadeiro terrorismo é dos continuos recortes que están convertendo o wellfare state nun warfare state. Para o Consello Editorial chegou a hora de dar resposta e pór porriba da mesa as seguintes cuestións:

1.- Resulta intolerábel que se queira culpabilizar unicamente a un maquinista con 30 anos de experiencia laboral, cando os camiños de ferro de alta velocidade deberían contar cun sistema de freado apropiado do que o Alvia (un refrito do Talgo da década de 90 adaptado para Galiza) carecía. Imaxinádesvos un carro moderno cun sistema de freado dun 600 ou un 127?
2.- Resulta dunha pobreza extrema que o xornalismo se fundamente en Twitter e Facebook para dar informacións. Son moitos os trens que nalgún tramo chegan a 228 quilómetros hora e iso non quere dicir nada. Un carro pode ir a 120 ou máis nalgún tramo con seguridade e ir a 60 nalgunha curva das estradas de aldea pode supor un desastre asegurado.
3.- E incríbel que se pretenda mediante o xuízo na prensa dunha persoa, o maquinista, ocultar que o dispositivo de 500 policias, do que presumía a Xunta no telexornal da mediodía do día 24, fora incapaz de habilitar un camiño libre de tránsito entre o lugar do accidente e o Hospital Clínico, cando quen coñeza a cidade de Santiago de Compostela sabe que isto non ten excesiva complicación. Iso retrasou o traslado dos feridos e, segundo veciños de Androis, os primeiros 6 policias en chegar ao lugar do sinistro tardaron por volta de 40 minutos.
4.- Igualmente alguén terá que explicar porque razón o Hospital Provincial (coñecido como Hospital de Conxo), a 1 quilómetro da zona 0, teña temporalmente fechados varios quirófanos e "algunha que outra unidade", porque segundo o SERGAS non son necesarios. Cumpriría explicar porque moitos pacientes se derivaron á privada e porque o rei Xoán Carlos visitou A Rosaleda... tamén haberá que dar conta se esas empresas privadas van cobrar (xa cobraron coa publicidade que lles deu a imprensa) do erario público por atender as vítimas.
5.- Tamén unha canle pública como a TVG terá que sinalar o responsábel de indicar que se precisaba sangue no Clínico sen maior información, colapsando totalmente con colas de centos de persoas o Centro de Transfusión de Galiza do monte da Condesa. Non se podían ter informado previamente contactando coas autoridades pertinentes?
6.- Só se pode calificar como noxento o tratamento informativo dado polos grandes medios de comunicación. Ausencia de ética, corrección e prudencia e ignoraron o protocolo recomendado polo Colexio de xornalistas de Galiza³.
Esta traxedia ten os seus heroes: os veciños de Angrois, os bombeiros da comarca que desconvocaron a greve para axudar, o persoal sanitario... os servizos públicos. Tamén ten, aínda que nolo queiran ocultar, os seus viláns: parte da policia que entre as 12 e 13 do xoves estaban vestidos de uniforme e de brincadeira diante da comisaría, os gobernantes que aparecían na prensa coa hipócrita cara do fariseo brindando palabras ocas e feitos inexistentes para explotar politicamente a traxedia... talvez a cidadanía na rúa lle teña que explicar a Ana Pastor, actual ministra de Fomento, e a José Blanco, ministro de Fomento co PSOE, que esta traxedia podía terse evitado se o comboio estivera dotado co sistema ERTMS.
Os beneficios económicos porriba das persoas. E a venda de fumo, para como no Prestige, que todo siga igual e botámoslle a culpa ao capitán do barco e non a quen fleta e deixa pasar barcos monocastos cargados de petróleo. QUEREMOS A VERDADE, ESTAMOS FART@S!


1 "El colegio de ingenieros descarta casi por completo un 'fallo humano' como causa de la tragedia de Santiago":
http://www.diariocritico.com/nacional/accidente-de-tren/colegio-de-ingenieros-de-caminos-canalespuertos/ descarrilamiento-tren-santiago-compostela/accidente-de-tren-alvia-santiago/causa-del-accidente-desantiago/ 439564
"Los maquinistas de Renfe alertan sobre problemas en la seguridad de los Alvia":
http://ecodiario.eleconomista.es/interstitial/volver/edarlingjun13/sucesos/noticias/5026797/07/13/Los-maquinistasde- Renfe-alertan-sobre-problemas-en-la-seguridad-de-los-Alvia.html
2 "Fomento aplaza hasta septiembre la división de Renfe en cuatro empresas":
http://www.eldiario.es/economia/Fomento-division-Renfe-Ana_Pastor-UGT-CGT-CCOO_0_157834810.html
"Porque querem que o maquinista leve as culpas? Negócio do consórcio espanhol do AVE em risco":
http://www.diarioliberdade.org/artigos-em-destaque/400-reportagens/40405-terrível-acidente-de-comboio-enluta-odia- da-pátria-galega.html#.UfMLTJE5bAs.facebook
3 http://www.xornalistas.com/documentacion/interior.php?txt=d_catastrofe&lg=gal

Sem comentários:

Enviar um comentário