quinta-feira, 1 de maio de 2014

Editorial Setembro 2013 As nosas palabras, o noso mundo



Como area entre os dedos vaise o verán e vai chegando aos poucos o outono, co contraste de cores que xa comeza a enxergarse nas follas das vides e das árbores caducifolias. Atrás quedou o folión de carros e boa parte das festas das nosas parroquias. Comeza o curso, tamén o curso político. Quixéramos poder facer un editorial unicamente cheo de metáforas e recursos literarios consagrados ás estacións do ano. Porén, fede novamente a unha dura ofensiva ultraliberal contra o mundo do traballo.

Mentres o noso país arde un verán máis, desde Madrid trabállase en máis e máis duras medidas do que eles chaman austeridade e que xa é, a todas luces, un austericidio. A emigración, a volta aos países de orixe de moitos migrantes, os milleiros que non renovan no INEM xa coa esperanza perdida, recursos sotifisticados de enxeñería contábel... e aínda así o que o Goberno vende como bos datos os que, a todas luces, son a confirmación de que estamos inseridos nunha depresión á que lle queda máis dunha década e iso no mellor dos casos. E para chegar a ese “mellor dos casos” non queda outra que conseguir que a clase traballadora retome a súa consciencia de clase, que se organice. Só na rúa, no combate e cunha sociedade civil ben informada e madura é posíbel intertir esta tendencia...

Vendimemos esperanza, mais sabendo que nada mudará se todas e todos non pomos todo canto estea na nosa man para invertir as tornas: para pór o mundo do traballo, o noso mundo, porriba do mundo do capital, ese que prostitúe as palabras para enganarnos e furtarnos o futuro e a dignidade. As nosas palabras, o noso mundo. Para iso no mes de maio comezamos esta andaina e por iso te encoraxamos a que te unas a nós. N'A Voz do agro hai sitio para todas e todos.
En pé!

Sem comentários:

Enviar um comentário