quinta-feira, 1 de maio de 2014

Editorial xuño 2013

A voz do Agro

 http://avozdoagro.com/imagenes/titulocabecera.jpg

 

O 17 de maio nacía en Chantada un novo medio para a difusión das inquedanzas e do pensamento de todas as chantadinas e todos os chantadinos que así o desexen. Nacía un 17 de maio, porque o galego (ou galego-portugués) é a nosa ferramenta para interpretar e tentar entender o mundo. E desde aquel día, todas as sextas-feiras (venres), abrimos unha xanela onde partillar cos nosos lectores as arelas pola mudanza e a transformación social.
Cando todos os medios de comunicación parecen deixarse levar polo inmediato e a presa, até facendo novas a partir de Twitter, A Voz do Agro quere antes de máis ser un espazo para a reflexión colectiva.

Non é a primeira vez que en Chantada nace un proxecto cunha vocación semellante. Porén, iso non fai máis que pór o acento na necesidade de outorgar todo o tempo posíbel á análise e a reflexión. E iso require que cada vez sexamos máis os que, seguindo o lema zapatista, avancemos preguntando. Non aceptamos que a realidade, a nosa realidade, non sexa definida e imposta polos grandes medios de comunicación, que funcionan seguindo intereses puramente mercantilistas.

Así, con aínda menos dun mes de vida e coa necesidade de sermos cada vez máis e mellorar este proxecto, o Consello editorial de A Voz do Agro convídavos a participar enviando as vosas achegas ao mail avozdoagro@gmail.com para continuarmos a construír unha análise do sistema-mundo feita desde o corazón de Galiza seguindo as cinco dimensións esenciais da realidade: política, económica, social, cultural e ecolóxica.

O voso interese, o valor e a cantidade das vosas achegas, dirán co tempo se acertamos ou non nesta andaina.

Sem comentários:

Enviar um comentário