quinta-feira, 1 de maio de 2014

Editorial Xullo 2013 Un centro social para Chantada

A situación social e económica pola que atravesa o noso país demostra que hoxe, máis que nunca, é prioritario recuperar o espazo público como patrimonio da cidadanía, mais tamén que a indignación sen programa nin organización non é quen de deter a ofensiva do capital e do poder.

Por todo isto, desde A VOZ DO AGRO consideramos necesario crear espazos en que a sociedade civil organizada de Chantada – e porque non de todo o sul de Lugo- poda confluír e partillar experiencias para reforzármonos e chegar a entendernos na diversidade.

Xa que logo, o ideal é xa non só que tentemos que cada vez máis movementos sociais vexan neste xornal a súa voz e o seu xornal, mais é preciso ir alén e construírmos un espazo físico e autoxestionado que nos permita entrarmos en contacto e erguer entre todos un punto físico, concreto e palpábel onde se organice o pobo rebelde e en marcha.

Un centro social como os diversos que xa existen por todo o país (Compostela, Vigo, Ferrol, Lugo, Xinzo, Cruña, Pontedeume, Ponteareas, Cangas, Burela, Barbadás, Marín, A Guarda, Narón, Boiro, Pontevedra, Ourense...). Monforte, Chantada ou Lalín son da rarísimas vilas grandes onde aínda non se deu ese paso... pensamos que chegou o momento.

En Chantada e no sur de Lugo temos tecido asociativo avondo: desde os amigos do románico a dúcias de asociacións de viciños e culturais, desde o sindicalismo agrario ao sindicalismo obreiro, desde grupos musicais a partidos políticos, desde ATTAC a quen recuperar as embarcacións tradicionais do Miño ou o Folión de Carros... só o progreso de Chantada, de Galiza, o galego e o desexo de transformar o mundo deben ser suficiente impulso para pórnos mans á obra.

Fica entón a proposta por cima da mesa e como dicía Castelao non lle poñades chatas á obra en canto non se remata, pois hai sitio para que todas e todos traballemos arreo nela.

Sem comentários:

Enviar um comentário