quinta-feira, 1 de maio de 2014

Editorial Novembro Decembro 2013 Na Galiza a culpa sempre é orfa... ou do maquimista


Comezamos novembro, aínda que máis ben remata, n' A Voz do agro após un pequeno receso que tomamos para reflexionar sobre o noso proxecto que sufrirá modificacións no vindeiro ano para tentar darlle un novo pulo e garantir a súa continuidade. Por iso iremos concentrando as publicacións en vez de facelos unha vez cada quince días como até agora.

E o mes de novembro foi un mes infame onde o capital transnacional, en última instancia o multimillonario Marc Rich – indultado no seu día nos EUA por Bill Clinton, Sofía de Grecia e outros após ser condenado por tráfico de armas e de heroína-, responsábel do desastre ecolóxico do Prestige nin siquera se sentou no banco dos acusados. Sociedades pantalla e outros subterfuxios lograron que o único inculpado fose o capitán do barco, algo xa habitual nesta Terra onde os desastres parece que sempre son cousa dos “maquinistas” e onde nunca hai responsábeis políticos.

Rajoy, Feijoo e antes Zapatero son tamén os “maquinistas” que nos levan a toda velocidade a un precipicio do que levará década saír aínda no suposto de que haxa realmente unha mudanza política, que neste contexto, pasaría por reverter as políticas económicas da ortodoxia ultraliberal que asoballan Eurolandia.

Un capitaslimo sen freo, onde as persoas son unha mercadoría máis. Ou como os produtos que mercamos en Amazon, sociedade radicada en Luxemburgo para aforrar así en impostos (a comezar polo IVE) millóns de euros. Tal é o “avance” e o “progreso” da Internet: milleiros de millóns de euros móvense por todo o mundo mentres que Google, Amazon, Facebook... en conxunto non teñen máis de 500.000 traballadoras e traballadores (en condicións laborais deplorábeis aínda cando ingresan millóns de euros en concepto de subvencións). Ou como as grandes fortunas que falan da unidade de España evande impostos. Este novo rostro brutal do capitalismo, na súa fasquía ultraliberal, está conducindo ao desmantelamento dun anacronismo – desde o seu punto de vista – da Guerra Fría: o estado de benestar. Ou visto desde abaixo: continua a paliza de clase sen un contrapeso á oligarquía corrupta e os seus acólitos nos grandes partidos. O corolario é claro: sen resolver os problemas de fondo (que a “austeridade” ultraliberal só alimenta) estanse desmantelando, sen unha forte resposta social, os pararraios da próxima e inminente treboada deste turbocapitalismo.

Os BRIC's, uns reais outros simplemente fictícios, que permitiron xunto ao saqueo do público un aumento sen precedentes do lucro das transnacionais, comezan a enfrontar problemas que conducirán a unha nova depresión, descrita por algúns economistas como unha crise en forma de W. Os discursos dalgúns representantes políticos falando de “recuperación” non poden, por tanto, anestesiar por moito tempo a unha maioría social continuamente agredida e que sufre a realidade tal e como é, alén dos edulcorantes que inxectan os grandes medios de comunicación.
Ao tempo chegan novos recortes e a contestación social encóntrase nun punto morto e necesita urxentemente dotarse de organización e programa claro e unificado. Un frente único frente a barbarie da clase traballadora. A extinción do servizo de transporte para persoas con problemas de mobilidade, os ataques aos dereitos dos traballadores visíbeis na folga do lixo en Madrid, a praga dos lumes e a pésima xestión da Xunta son só algúns exemplos... E a pergunta é até cando a cidadanía vai permitir que os responsábeis sigan a levarnos polo camiño grego sen recibir un castigo exemplar.

Neste sentido o lavado de imaxe do PSOE e as sondaxes revelan un forte desgaste dos grandes partidos dinásticos e un ascenso (menor) de UpyD e Izquierda Unida que, cando menos, vaticina o fin das maiorías absolutas e problemas á hora de manter o turnismo da II Restauración borbónica. E todo isto cando en maio deberán falar as urnas nunhas eleccións europeas onde é vital para a esquerda pular pola unidade e por presentar unha alternativa ilusionante cun programa centrado en frear e reverter as políticas procíclicas de austeridade.

En Chantada, tamén será o 2014 un tempo de desfile de políticos e propostas nos mitins que os comicios europeos trairán consigo sen perdermos de vista que, no eido local, aconteceron tamén sucesos aos que debemos prestar atención, por exemplo, a aprobación duns orzamentos locais sen pés nin cabeza (tratados no noso xornal polo miúdo) ou as contratacións a dedo por parte do Goberno de Manuel Varela de persoal no concello sen un concurso público que se axuste á lexislación vixente. Por non falar da ausencia de investimentos da Xunta no noso concello nos orzamentos para 2014, que revelan de por parte que Chantada está sen Goberno ou cun Goberno que non fixo ningunha xestión por procurar financiamento exterior para Chantada cando as contas municipais sufren pola débeda odiosa contraída coa banca, unha forma de intervir desde o Goberno central as institucións locais ao tempo que se centraliza nas Deputacións (as que non escollemos democraticamente os cidadáns) cada vez máis servizos.

Sexa o que for, A Voz do Agro tentará tratar cunha ollada crítica, plural e diferente (abaixo e á esquerda) os reptos e problemas aos que as traballadoras e os traballadores teremos que responder no 2014. Dous de non menor importancia son a reforma que pretende liquidar a autonomía local, especialmente lesiva para cidadáns de concellos pequenos como o noso, e a fascista reforma do código penal (baseada en boa medida no código penal do franquismo). A porta está aberta ás vosas achegas e colaboracións, un saúdo fraternal de todo o Consello Editorial e vémonos na rúa.

Sem comentários:

Enviar um comentário