sexta-feira, 2 de maio de 2014

Manifesto Revolta Sanitária

REVOLTA

R

SANITARIA

A sanidade pública está en perigo. As medidas adoptadas en Galiza como nas autonomías gobernadas pola dereita ultraliberal (redución severa dos orzamentos sanitarios, concesión da xestión sanitaria a mans privadas, imposición de copagamentos, externalización progresiva de diversos servizos e actividades, restricións no acceso aos servizos sanitarios etc.) provocan un serio deterioro dos servizos sanitarios e poñen en risco o seu futuro.
Pero o goberno central ven de dar un paso decisivo nesta contrarreforma sanitaria. En contra do anunciado na campaña electoral o Partido Popular está a degradar os servizos públicos dun xeito alarmante. O Real Decreto Lei 16/2012 –imposto por vía de urxencia, sen debate parlamentario- suprime o dereito á atención sanitaria da cidadanía e recupera a figura do “asegurado”: só terán dereito á prestación sanitaria as persoas que coticen á Seguridade Social.
Quedan excluídos diversos colectivos da poboación: inmigrantes, mozos-/as maiores de 26 anos (que a Ministra expresou á vontade de rectificalo) que non teñan contrato laboral, persoas separadas que non tiveran cotizado etc. Tamén establece unha serie de copagamentos que veñen representar, na realidade, un novo imposto á enfermidade. 
Esta medida representa un retroceso histórico de tres décadas coa Lei Xeral de Sanidade (1986). A aplicación desta nova lei provocará cada vez máis colectivos cidadáns desprotexidos. Volvemos a unha sanidade dualizada (porta para os ricos, porta para os pobres).

Non é a crise a responsable destas medidas: só é a escusa. Hai unha estratexia global para degradar e desprestixiar o noso sistema sanitario, e para procurar espazos de negocio a costa dos orzamentos públicos aos grupos empresariais afíns. Esta estratexia global (impulsada polo FMI e os potentes lobbys sanitarios non elixidos democraticamente) é executada a nivel local pola ultradereita que ocupan o espazo público para deterioralo desde dentro.

Por todo isto un grupo de persoas preocupados e indignados coa situación dos servizos públicos e, en especial, a sanidade pública decidimos responder autoorganizarmos para dar unha resposta xusta e solidaria a prol dos colectivos excluídos da asistencia sanitaria da nosa bisbarra. Para elo disporemos dun centro de atención en Chantada aberto, gratuíto e solidario onde prestaremos atención sanitaria básica, así como desenvolvementos de actividades de concienciación e de solidariedade.

Convidamos a toda a cidadanía que colabore na medida dás súas posibilidades e denuncie a inxustiza social que se está a producir no eido da prestación sanitaria.

Enma Rodríguez Blanco, enfermeira no SERGAS e ativista na defesa da sanidade pública residente en  Santa Mariña (Monforte de Lemos).

Sem comentários:

Enviar um comentário