segunda-feira, 5 de maio de 2014

Peccata minuta

Opinião de Antom Fente Parada (14/06/2013).


Segundo o alcalde de Chantada, o de sempre para que imos enganarnos, contar cun informe negativo da intervención da propia institución da que cobra, o concello, é unha peccata minuta. Non hai problema entón en que saian uns orzamentos con esa peccata minuta. O mesmo debe pensar a oposición invisíbel de PP e PSOE. Non obstante, ao mellor convén socializar coa veciñanza en que consiste esta peccata minuta.

Peccata minuta é presentar un proxecto de orzamentos para 2013 con 5 meses xa vencidos, prorrogando os de fai anos sen capacidade para sacar uns novos en tempo e forma.

Peccata minuta é levar sendo alcalde dous anos, e cun soldo nada cativo para os tempos que corren por cortesía de Ramón Reinoso, e ser incapaz de sacar uns orzamentos cun informe favorábel desde intervención.
Peccata minuta é inflar os orzamentos. En xullo de 2010 aprobábanse os orzamentos para 2011, que eran os vixentes até o último pleno, cun orzamento que superaba os 5.500.000 euros na época do canon e de fortes investimentos de diversas administracións en Chantada. No orzamento actual seica podemos contar con 5.300.000 grazas a uns ingresos que son invisíbeis como o vento e líquidos como a auga por iso non aparecen reflexados nas contas. Mais confiemos na palabra do alcalde e os cartos dos eólicos e do encoro xa chegarán.

Peccata minuta é conseguir que a Xunta invista directamente en Chantada a incríbel cantidade de 70.000 euros.

Peccata minuta é criticar na oposición que o gasto de persoal de 38% en 2011 era excesivo e ter hoxe un gasto na mesma partida de 41%.

Peccata minuta é que o gasto corrente do concello pasou de 27'5% a 38'5%.

Peccata minuta é que o servizo de débeda pasou de representar 1'7% do orzamento (96.000 euros) a 4'3% (232.000 euros).

Peccata minuta é reducir en 50% as políticas sociais nun contexto de grave crise económica onde moitas chantadinas e moitos chantadinos o están pasando mal ou emigrando.

Peccata minuta é que os investimentos reais pasaron de representar 16% do orzamento (896.000 euros) a 1'4% (45.000 euros).

Peccata minuta é pasar de recibir millóns de euros en investimentos de diversas administracións, e non só do canon, a non ver un patacón.

Peccata minuta é aprobar nun pleno hai meses a elaboración dunha nova ordenanza municipal de vados e que siga sen redactarse.

Peccata minuta é aprobar unha moción de Anova-Irmandade Nacionalista para gravar as empresas telefónicas, a banca e as empresas enerxéticas (e non os cidadáns) polo emprego privativo do espazo público e que siga a ordenanza sen facer.
Peccata minuta, como non, é incluír nestes orzamentos de 2013 os supostos ingresos desa ordenanza non nata, inventando así 16.000 euros. Seria un bo soldo anual para calquera dos mozos sen traballo, mais a Varela 16.000 euros parécenlle peccata minuta.

Peccata minuta é voltar orzamentar 150.00 eruos na partida de Bens Inmóbeis de Categoría Especial cando a liquidación di que iso é un exceso de previsión en toda regra. Mais como no conto da leitera o alcalde dun ovo fai unha granxa e da casa unha construtura... o resto só vemos unha tortilla algo escasa.

Peccata minuta é que os xuros que representaban en 2011 68.490 euros agora cheguen a 220.000 euros.

Peccata minuta é que en Cultura se orzamenten 5.000 euros para produtos alimenticios sen sabermos que exista un banco de alimentos para dar resposta ás situacións de emerxencia social às que, por certo, se lles recortou a partida orzamentada cando máis golpea a crise e o desemprego.

Peccata minuta é que o mesmo ingreso de 82.000 euros apareza recollido en 4 áreas diferentes: Cultura, Deportes, Turismo e Festas.

En definitiva, que os eólicos e os encoros nos asistan con tanta peccata minuta, porque a algúns non nos dan as contas. Aínda que para peccata minuta o xiro copernicano do PSOE que fai estraños, ou non tan estraños, compañeiros de cama. E o PP tamén axuda con propostas con son, esas si, peccata minuta e parecen sacadas dun filme de Cantinflas: levemos os carros do Folión a Compostela con Surribas, Reinoso, Susana e Manolo xunguidos e fagamos unha queimada como un mundo.

No seu libro O Porco de pé (1928), Vicente Risco comezaba falándonos de don Celidonio, que na posguerra ascendera de porco a marrao. O libro remataba cando don Celidonio e os caciques de sempre mandaban queimar a biblioteca municipal e que a banda de música tocara outra sonata porque a cultura e o saber son peccata minuta... até cando imos aturar que toquen sempre os mesmos a mesma partitura?

Sem comentários:

Enviar um comentário