quinta-feira, 1 de maio de 2014

Editorial Outubro 2013

Da Superchería Posmoderna

Entre a vendima e a castañeira, como dicía o grande Ramón Outeiro Pedraio, A Voz do Agro cumpre 5 meses funcionando na rede. Pouco tempo quizabes para nutrirse de achegas plurais e diversas e consolidar un número de lectores da nosa comarca. No entanto, é tempo suficiente para decatarse das limitacións e retos que debe enfrentar un xornal dixital local.

En primeiro lugar, en concorrencia cunha canle televisiva, os compañeiros e compañeiras de Televinte Chantada, obriga a ofrecer unha óptica e focaxe diferente e permite non facer un tratamento das novas exhaustivo, concetrándose tan só naquelas de especial interese económico, social e político ou outras culturais da sociedade civil non tratadas por Televinte.

En segundo lugar, falta suscitar maior interese na vila para conseguir unha maior implicación por parte de xornalistas en formación das Terras de Chantada, que poden facer deste o seu xornal e experimentar a través del. Isto tamén axuda a concentrar A Voz do Agro no vieiro da opinión crítica, os artigos máis ou menos académicos, a análise da realidade chantadina, a literatura e creatividade...

En terceiro lugar, o seu carácter amador e o curto percurso aínda recorrido fan que este 2013 sexa máis ben un tempo experimental para o noso proxecto e entre todas e todos os interesados nel iremos vendo o que facer para o 2014.

Un dos nosos colaboradores escribiu para o comezo do xornal un artigo duro e crítico coa Internet¹. Sería imprudente non reflexionar sobre A Voz do Agro levando en conta aspectos que volven estar de actualidade grazas ao libro de Pascual Serrado titulado La comunicación jibarizada².

Pascual Serrado funda en 1996 o porta de información alternativa rebelion.org – en que colabora o chantadino Diego Taboada Varela–, ten un blogue e participa das mal chamadas redes sociais. Xa que logo, non estamos perante alguén con fobia polas redes, mas si plantexa unha reflexión crítica do seu uso e elabora unha análise lúcida a través da observación e da experiencia. Unha reflexión tanto máis necesaria nestá época posmoderna onde a tecnoloxía instálanos na superficialidade, o que Karl Marx denominaría como «superchería».

Unha «superchería» que alimentou numerosas ilusións, coa acepción de espellismo, en boa parte da esquerda. Ilusións que permiten converter as redes sociais num mito ou nun termómetro da sociedade real e que colide cun uso intelixente e eficaz da tecnoloxía. Para Pascual Serrano son varios os enganos e as andrómenas que debemos combater:

1.- A ilusión muito hegeliana do «paralelismo entre progreso tecnológico y emancipación social», en palabras de Santiago Alba Rico. O 4G multiplica por dez a velocidade de navegación dos telefones en canto a pobreza, a desigualdade, a malnutrición, os desafiuzamentos, a violencia económica e policial tamén se multiplica.

2.- A segunda grande «superchería» e a ilusión de visibilidade cabdi realmente a tecnoloxía serve máis ben para invisibilizar, con formas de censura máis sofisticadas. A desinformación conséguese cun bombardeo constante de sobreinformación da que se le algún titular e sobre a que non se reflexiona nin se clasifica.

3.- A ilusión da neutralidade, como se a técnica, o desenvolvemento tecnolóxico e a ciencia (teoloxía posmoderna) non tiveran ideoloxía e respondesen a intereses políticos e económicos.

4.- A ilusión de democracia, de participación en tempo real e de “liberdade”. O caso que aflorou con Edward Snowden – e que grazas aos medios de distracción masiva pasou sen pena nin gloria entre a maioría social– apunta máis ben a unha ferramenta para o control, a vixilancia e a dominación (como no seu día foron a radio ou a televisión).

5.- A ilusión da horizontalidade, cando nas redes sociais reprodúcense xerarquías, verticalidades e hexemonías con maior ou menor sutileza.

6.- A ilusión da abolición da propiedade privada cando un feixe de transnacionais controlan o mercado, os medios de produción tecnolóxicos. O que semella de balde non é tal cousa e o beneficio segue a existir aínda que desprazado (a publicidade en Facebook por exemplo). E no xornalismo a gratuidade sae cara en termos de calidade, rigor e independencia. Na actualidade, as dez maiores empresas da Internet, como Google, Facebook ou Amazon crearon apenas 200.000 postos de traballo ao tempo que gañaron millóns de dólares en capitalización bursátil³.

7.- A ilusión de Internet favorece a pluralidade e a liberdade informativa cando nas denominadas redes sociais a maioría das ligazóns partilladas remiten para os medios que xa dominan os quioscos, as televisións e as radios. Por súa vez, estes medios son propiedade de grandes empresas e inversores. O que o xornalismo gañou en difusión perdeuno pola transformación radical dos contidos, a titularización e a degradación da información. Casos como o de Asunta demostran até onde todo o xornalismo convencional é hoxe unha xigantesca «superchería», onde a análise e a investigación desapareceron substituídas polo amarelismo, o visual, o efémero, o morbo...

8.- A ilusión de coñecemento cando o analfebetismo funcional non deixa de inzar e o «apoliticismo» (confudindo interesadamente pluralismo partidario e partidos con política) converte os cidadáns en súbditos incapaces de reaxir ou comprender o mundo que lles rodea ou de deter a ofensiva utraliberal que afoga os seus dereitos e as súas condicións de vida.

9.- A ilusión do debate en plataformas con formatos totalmente tendentes ao superficial, ao inmediato, ao narcisismo que procura alimentar o ego con rechíos, seguidores, amigos e gostos.

10.- A ilusión do activismo, especialmente grave na esquerda, con movementos sociais e partido que, nalgúns casos até só existen virtualmente sen incidencia sobre a sociedade. O ciberactivismo é un activismo pasivo, que remite para o «tamagochi como obxecto interpasivo» en palabras do filósofo esloveno posmoderno Slavoj Žižek. Convocatorias de manifestacións que teñen mil veces máis rechíos que asistentes. Sinaturas en change.org que substitúen a esmola e a caridade cristiás: igual de efectivas, cómodas e pasivas. A endogamia da rede que crea un mundo irreal e paralelo onde todo o mundo pensa coma ti e nada ten a ver coa sociedade. E o peor de todo: como ben apunta Serrano a rúa remata por imitar a rede irreal con movementos enamorados de si mesmos como o 15-m e o seu «estilo Facebook». Todos falan, algún escoita e ninguén actúa nin existe programa algún.

Non é casual que a media convencional saudase a «indigación» e conformaran o cánon deste movemento. Unha «indignación» que lonxe de frear a ofensiva ultraliberal foi morrendo a medida que esta aumentaba coas medidas do PSOE e do PP, que seguen desfacendo e facendo ao seu antollo. Tamén a primavera árabe foi tratada como a revolución de Twitterm que remete para os «revolucionarias» lentes de Google ou a revolucionaria consola de Microsoft ou Sony.
Em Exito, Turquía, Brasil ou a India a loita non foi nin é co rato e co teclado. Os milleiros de feridos, os mortos, os encarcelados, os torturados non eran virtuais. Os milleiros de folgas que viviu a terra dos faraóns tampouco foron virtuais. Non houbo sinaturas en change.org e si ocupación e resistencia en espazos públicos e, xa que logo, do pobo. No cenario real non hai un try again após un falso game over. As prazas son de cemento, as balas matan, os trending topics non ocupan prazas.

A esquerda e proxectos como A Voz do Agro teñen que ser por e para a maioría, abertos e plurais, revolucionarios co rigor que mudar o mundo exixe, con contido, obxectivos, reflexión... e, sempre, sempre, sempre sen a «superchería» posmoderna.


1 Antom Fente Parada (17/05/2013): “Fascismo ou revoluçom 2.0” en http://avozdoagro.com/Artigos.html
2 Península, Barcelona, 2013
3 Serge Halimi (2013): “Estrategia para una reconquista. El cambio exige audacia” en Le Monde Diplomatique en español, nº 215, setembro de 2013, p. 10.

Sem comentários:

Enviar um comentário